Boletín informativo 01 de Xullo de 2015 Nº: 238
Remata o prazo de matrícula no Curso de verán #traballandoenlingua
O Curso de verán sobre dinamización lingüística #traballandoenlingua centra neste 2015 o seu programa nas mudanzas e afianzamentos lingüísticos na mocidade. Ten lugar os días 8, 9 e 10 de xullo no Fórum Carballo e o prazo de inscrición remata este xoves día 2 de xullo
REMATA O PRAZO DE INSCRICIÓN

O prazo de matrícula en #traballandoenlingua 2015 remata este xoves, día 2 de xullo.

O prezo xeral do curso é de 50 €, mais o estudantado de calquera universidade, a comunidade universitaria da UdC, as persoas desempregadas e os/as socios/as da CTNL teñen unha tarifa reducida de 30 €. Este prezo inclúe, ademais de todas as actividades e material do curso, tamén os xantares do mércores 8 e xoves 9 e os almorzos compartidos dos tres días.


O programa e a información completa do curso, así como o método de inscrición, pode consultarse no web www.traballandoenlingua.gal


#TRABALLANDOENLINGUA, UNHA PROPOSTA ESTABILIZADA E CON MOI BOA ACOLLIDA E RESULTADOS
O Curso de verán sobre dinamización lingüística #traballandoenlingua, que organiza a Universidade da Coruña en colaboración coa CTNL, a SXPL e o Concello de Carballo, chega neste 2015 á súa undécima edición. Un encontro anual estabilizado en que nos dez anos anteriores se fixeron análises, debates, reflexións e propostas prácticas de cara á mellora do proceso de normalización da lingua galega, traballando o discurso, os argumentos, as accións, a creatividade, a implicación, os métodos, etc.

E nesta XI edición, que terá lugar no Fórum Carballo os días 8, 9 e 10 de xullo de 2015, decidimos centrar o traballo en algo moi importante para o presente e futuro da lingua: a mocidade. Así, o programa centrarase en analizar mudanzas e afianzamentos lingüísticos na mocidade, cos obxectivos de coñecer e analizar factores, motivos, razóns ou condicionantes que provocan eses cambios e afianzamentos de lingua na adolescencia e mocidade, avaliar experiencias desenvolvidas nese ámbito e propor medidas e accións de intervención.

En definitiva, un curso que procura conseguir mellorar o uso e prestixio da lingua nos/as adolescentes e na xente moza, un ámbito no que, non, #nontodoéfume!


RELATORIOS, DEBATES E PROPOSTAS
Ao longo dos tres días intervirán persoas destacadas para facer análises e propostas relativas aos usos lingüísticos na xente moza, como son a sociolingüista Valentina Formoso, o psicólogo valenciano Ferran Suay, a xornalista Sara Torreiro, a profesora Goretti Sanmartín, o profesor Xosé Manuel Sánchez Rei, o dinamizador Séchu Sende, a profesora Pilar Ponte, o activista Carlos García Vieito, a técnica de normalización lingüística Marta Souto, a xornalista Belén Regueira, o poetarra Dani Vilaverde, a xornalista Raquel C. Pico, a poeta María Lado, o creador Leo i Arremecághona ou a comunicadora María Yáñez.

Ademais, tamén haberá un debate-entrevista con adolescentes, que será moderado pola xornalista Lorena Pose.

www.traballandoenlingua.gal

AVISO LEGAL: Se recibes este boletín é porque estás dado de alta no noso servizo.
Se non queres seguir a recibilo, podes darte de baixa aqui, indicando o teu enderezo electrónico e o número de subscritor/a que aparece no asunto desta mensaxe. Este correo foi enviado por ctnl.gal