CTNL

Actualmente non ten instalado ou necesita actualizar o plugin Flash Player necesario para visualizar correctamente esta web
pode descargalo na siguiente dirección.
Obtener Flash

A CTNL formámola... A CTNL formámola...
Recursos na rede Recursos na rede

CTNL


80 votos
Votar | | | |


20-07-2017

As axudas para a normalización lingüística da Deputación Provincial de Pontevedra dirixidas ás entidades locais. Valoración da CTNL

Deputación Provincial de Pontevedra
Logo de dúas convocatorias (2016 e 2017) e as correspondentes resolucións (2016, 2017 e nota de prensa deste ano), a CTNL analiza a liña de axudas para a normalización lingüística da Deputación Provincial de Pontevedra dirixidas ás entidades locais.




A Deputación Provincial de Pontevedra convocou por segundo ano consecutivo unha liña de axudas á dinamización da lingua galega desde as administracións locais (BOP do 14 de febreiro de 2017). As entidades locais de poboación menor de 50 000 habitantes podían optar a estas subvencións escollendo entre dúas categorías: por unha parte, para a creación e o mantemento de servizos de normalización lingüística (SNL); e, por outra, para programas de dinamización lingüística desenvolvidos en concellos que non teñen SNL –ou que non piden na primeira categoría mesmo tendo servizos de normalización lingüística–.

Desde a CTNL xa recomendamos –antes e despois de que se anunciase a liña de axudas do ano 2016– que este tipo de subvencións deberían dedicarse a accións planificadas con criterios técnicos, ademais dos políticos, con continuidade e dentro dunha estratexia normalizadora constante e global, e non a actividades dispersas. A única fórmula que fai isto posible é a creación, o mantemento e o reforzo dos servizos de normalización lingüística, as unidades técnicas que desde dentro das administracións se encargan de impulsar o uso e o prestixio da lingua en todos os ámbitos sociais.

As ferramentas de traballo das administracións públicas son os equipos técnicos especializados, tanto no departamento de urbanismo ou no de servizos sociais como no de lingua. Imaxinamos unhas liñas de axudas para os dous primeiros departamentos onde non sexa necesario contar con arquitectos ou asistentes sociais? Pois tamén no departamento de lingua debería ser igual.

Polo tanto, unha institución como a Deputación Provincial de Pontevedra debería promover precisamente un labor técnico en normalización lingüística a través de servizos de normalización lingüística estables, dotados de persoal e orzamento suficiente. Só desta maneira se poden planificar, xestionar, executar e avaliar accións e programas de normalización lingüística continuados no tempo e con maior incidencia social. Polo contrario, o que non debería potenciar unha administración pública son actividades sen contextualizar, sen uns obxectivos claros de promoción da lingua, sen avaliación e reorientación cando cómpre, e que en moitos casos duran unha semana, un mes ou un día.

Tras dúas edicións de convocatorias e resolucións de axudas da Deputación Provincial de Pontevedra, desde a CTNL analizamos brevemente os resultados e extraemos as seguintes conclusións e valoracións:

1. As axudas non están a servir para promover a creación ou o mantemento de SNL, pois a maioría das entidades acóllense á categoría de subvencións para actividades, mesmo concellos que por poboación e orzamento poderían ter un SNL. En concreto, no ano 2017 solicitaron estas axudas 40 entidades e só cinco solicitudes foron para SNL (ningún deles de nova creación), unha cifra case anecdótica no conxunto da convocatoria. É máis, mesmo tras aumentar neste ano a partida orzamentaria (de 150 000 a 200 000 euros), as axudas para o mantemento de SNL diminuíron respecto do ano anterior (51 094,46 euros en 2016 e 37 191,49 euros en 2017).

A explicación para estes datos radica na escasa diferenza (2000 euros) entre as axudas que poden recibir as entidades que contan cun SNL e as que simplemente desenvolven un programa de dinamización lingüística. Esta diferenza tan cativa na práctica supón un premio para os concellos que non teñen SNL, pois levan unha subvención proporcionalmente maior tendo en conta o seu investimento en normalización lingüística (lémbrese que os concellos con SNL reciben a subvención para pagar o persoal contratado pero non perciben nada para desenvolver as súas accións).

2. Os concellos que piden a axuda para SNL non mereceron nin na primeira nin na segunda convocatoria o total do importe prometido, mesmo tendo servizos permanentes que traballan 12 meses ao ano. Dos 8000 euros que podían levar en 2016, a axuda para eles foi de 7400,23 euros (92% do importe a que tiñan dereito); e este ano a porcentaxe diminuíu ata un 77% da axuda (dun máximo de 10000 euros, catro SNL reciben 7799,79). Parece claro que a Deputación minora a axuda para concellos con SNL para compensar e subvencionar as institucións que non o teñen, considerando equiparables casos que non o son: recordemos, de novo, que unha entidade con SNL ten un departamento técnico que planifica, xestiona, executa e avalía a promoción do uso e o prestixio da lingua nesa institución e na sociedade.

En relación con isto, cómpre chamar a atención sobre o caso concreto do Concello de Nigrán, que ten un SNL creado no ano 2016 cun contrato a tempo parcial (o único creado en dous anos ao abeiro desta liña de subvencións) e mereceu en 2017 unha axuda de 5992,33 euros. Este importe é menor ca a subvención que reciben moitos dos concellos que non teñen SNL e incluso menor ca a que obtén a Entidade Local Menor de Queimadelos, que con 155 habitantes recibe 6239,83 euros para programas de dinamización lingüística.

3. Máis aló do requisito de que o programa de dinamización lingüística teña que abranguer actividades en tres eidos diferentes, descoñecemos cales son os criterios de baremación das axudas concedidas. É dicir, non sabemos se se teñen en conta aspectos como a poboación a que van dirixidos os programas de dinamización lingüística, os sectores prioritarios en que se pretende actuar ou intervir, a duración ou a permanencia do programa, etc. Recomendamos á Deputación Provincial de Pontevedra que faga públicos eses criterios e a puntuación con que se valoran.

4. Dentro dos programas de dinamización lingüística subvencionados inclúense accións que non teñen un obxectivo normalizador claro, senón que son simplemente actividades ou publicacións realizadas “en galego”: teatro en galego, contacontos en galego, guía turística en galego, etc. O traballo de normalización lingüística é algo máis complexo que o simple uso da lingua en actividades dispersas; por iso é necesario un traballo técnico que planifique as accións dentro dun contexto, que fixe e priorice obxectivos e destinatarios, que avalíe o proceso e os resultados, etc.

Tamén se inclúen entre os programas de dinamización lingüística, especialmente na convocatoria deste ano 2017, concursos literarios totalmente consolidados (Manuel García Barros, Johán Carballeira, Manuel Lueiro Rey, Avelina Valladares…) e que tampouco teñen nas súas bases ningún obxectivo normalizador, só o requisito de que os textos deben estar escritos en lingua galega. Noutro momento histórico quizais foi necesario promover a creación literaria na nosa lingua con certames deste tipo, pero hoxe estas convocatorias non deben considerarse xa unha acción de dinamización da lingua.

Todas estas son actividades culturais que se desenvolven en galego e que poden e deben ser promovidas pola Deputación Provincial de Pontevedra, pero con partidas e subvencións de cultura, non coas de normalización lingüística. O ideal sería que a Deputación aproveitase para incluír a lingua de forma transversal en todos os eidos, pero esa transversalidade non pode supor que calquera actividade que se desenvolva en galego se considere xa unha acción de dinamización lingüística. O camiño da transversalidade debe ser inverso: levar a lingua a outras áreas para que teña presenza nelas e darlle así maior valor e prestixio; pero non traer as actividades que son responsabilidade doutro departamento á área de normalización lingüística polo simple feito de que utilicen o galego como lingua vehicular.

Como colectivo de técnicas e técnicos de normalización da lingua, desde a nosa asociación consideramos que con este tipo de axudas non se está a valorar o traballo de normalización da lingua, pois non se considera que teñan que desenvolvelo servizos técnicos profesionais como noutras áreas da política municipal. É dicir, a institución está a transmitir implicitamente a mensaxe de que a normalización lingüística é algo secundario, que non é necesario que sexa planificado nin continuado no tempo nin avaliado, pois xa se cumpre só con realizar de cando en vez algunha actividade en lingua galega.

Por outra parte, o sistema de axudas a programas esporádicos de normalización da lingua supón que os concellos só se responsabilicen ocasionalmente da promoción do uso e prestixio da lingua galega, desenvolvendo actividades unicamente co obxectivo de “aproveitar a subvención”. Mais as administracións locais teñen unha obriga legal de fomentar a normalización da lingua galega en todo tipo de actividades e de forma continuada.

Desde a CTNL pedímoslle á Deputación Provincial de Pontevedra que teña en conta a situación da nosa lingua, que reflexione sobre o labor necesario para promover o seu uso e prestixio e que reconduza a súa estratexia de política lingüística cara a promover un traballo de normalización lingüística con certa calidade, planificado, xestionado, executado e avaliado a través de departamentos técnicos e de persoal especializado.

Avaliación da CTNL en .pdf

Utiliza a nova

Enviar por Email  Enviar nova
Redes sociais  Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

Comentarios


Hemeroteca:  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017

Avisos

    mes anterior
    Setembro de 2017
    mes seguinte
    Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
    L M M X V S D
            1 2 3
    4 5 6 7 8 9 10
    11 12 13 14 15 16 17
    18 19 20 21 22 23 24
    25 26 27 28 29 30  
    Próximos eventos

    • Agasallo. Propostas de regalos en galego
    • Asociate á CTNL
    • Gústame... o galego
    • Viveiro de propostas normalizadoras
    • Proposta para a mellora da planificación e xestión dos Celga
    • Traballarmos en dinamización lingüística | Isa Vaquero
    • En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL
    • Axenda da lingua
    • Envianos
    • Canles de novas da CTNL
    • Facebook da CTNL
    • Kit para a normalización da lingua
    • Queremos Galego
    • Eu.gal: Por un dominio galego