CTNL

Actualmente non ten instalado ou necesita actualizar o plugin Flash Player necesario para visualizar correctamente esta web
pode descargalo na siguiente dirección.
Obtener Flash

A CTNL formámola... A CTNL formámola...
Recursos na rede Recursos na rede

Lingua


10818 votos
Votar | | | |


16-06-2009

Os departamentos de galego das tres universidades do país denuncian publicamente a política lingüística de graves retrocesos do goberno da Xunta

As tres universidades galegasEn tres cartas públicas dirixidas ao presidente da Xunta, os departamentos de galego das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo amosan a súa preocupación polas medidas anunciadas e/ou adoptadas polo goberno da Xunta que, por primeira vez na democracia, supoñen graves pasos atrás no proceso de normalización da lingua galega

O Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, o Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña e o Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo aprobaron o mesmo día, o 11 de xuño, cadansúa carta pública dirixida ao presidente da Xunta na que amosan a súa fonda preocupación perante as actuacións e anuncios que o goberno da Xunta de Galicia está a desenvolver en contra do proceso de normalización da lingua galega que, por primeira vez desde a recuperación da democracia, están encamiñadas a desprotexela, nomeadamente na función pública e no ensino.

Texto íntegro aprobado polo Departamento de Filoloxía Galega da USC:

O Consello de Departamento de Filoloxía Galega da USC acordou, en reunión que tivo lugar o día 11 de xuño de 2009 na Facultade de Filoloxía, dirixir o seguinte escrito ao Excmo. Sr. Presidente da Xunta de Galicia, e remitir copias á Excma. Sra. Presidenta do Parlamento galego, ao Excmo. Sr. Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e ao Sr. Secretario Xeral de Política Lingüística:

O Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela quere facerlle chegar a súa fonda preocupación pola situación da lingua galega, e en particular polas medidas adoptadas ou anunciadas pola Xunta de Galicia, encamiñadas a desprotexela na función pública e no ensino non universitario, por primeira vez desde a recuperación da democracia, a pesar de estar obrigada pola Lei de Normalización Lingüística a promover de maneira progresiva o seu uso normal de maneira específica neste ámbitos. Con estas medidas, e coas reiteradas declaracións de membros do goberno galego, estáselle transmitindo á cidadanía a idea de que a lingua galega non é nin necesaria nin útil e estanse a reforzar os vellos prexuízos lingüísticos, o que sen dúbida está a ter un impacto moi negativo sobre a situación da lingua, que se encontra xa nun proceso de grave retroceso social.

No tocante ao ensino non universitario, este Departamento considera que a Xunta de Galicia incorre nunha grave responsabilidade ao trasladarlles aos pais e nais decisións que lles corresponden aos poderes públicos, colocando a lingua galega como motivo de división social e creando un conflito que non existía ata o de agora, ademais de poñer en evidente risco o mandato tanto da Lei de Normalización Lingüística coma da Ley Orgánica de Educación de que os alumnos acaden unha competencia lingüística elevada por igual en galego e en castelán.

De acordo coa lexislación vixente, e conforme co seu carácter de lingua oficial de Galicia (xunto co castelán), instamos a que o goberno da Xunta de Galicia tome medidas que aseguren unha presenza importante da lingua galega no ensino, que garantan o dereito dos cidadáns a ser atendidos en galego nas súas relacións coa administración, que eviten a discriminación laboral por usar a lingua galega, e que a leven a ter unha presenza relevante nos medios de comunicación e noutros ámbitos sociais, de maneira que sexa posible vivir en galego, como di un dos obxectivos xerais do Plan de Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en 2004. Animamos tamén ao goberno da Xunta a que xere un clima positivo cara á lingua galega que atenúe e desfaga os prexuízos que contra ela existen aínda na nosa sociedade, como se puxo abertamente de manifesto nos últimos meses.

A lingua galega é unha riqueza e un patrimonio de todos os galegos, calquera que sexa a lingua que falen, parte fundamental do recoñecemento de Galicia como comunidade histórica, e pode ser unha ferramenta de futuro para a nosa sociedade se queremos e sabemos utilizala e desenvolvela. É responsabilidade de todos. E, en primeiro lugar, do Goberno galego, que Vde. preside.



Texto íntegro aprobado polo Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña:

O Consello de Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da UDC acordou, en reunión que tivo lugar o día 11 de xuño de 2009 na Facultade de Filoloxía, dirixir o seguinte escrito ao Excmo. Sr. Presidente da Xunta de Galicia, e remitir copias á Excma. Sra. Presidenta do Parlamento galego, ao Excmo. Sr. Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e ao Sr. Secretario Xeral de Política Lingüística:O Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da UDC quere facerlle chegar a súa fonda preocupación pola situación da lingua galega e, nomeadamente, polas medidas adoptadas ou anunciadas pola Xunta de Galicia, cuxa orientación é retirala da función pública e diminuír a súa presenza no ensino non universitario, a pesar de ser unha obriga legal a promoción tanto do seu uso normal na sociedade como o seu emprego especificamente neste ámbito. A adopción de medidas como a supresión da proba en galego para acceder á administración é socialmente moi negativa, xa que poderá dar entrada na función pública a funcionarios descoñecedores dunha das dúas linguas oficiais, co que o atendemento en galego a quen o así desexar non está garantido. Canto á situación do galego no ensino non universitario, un ámbito en que tamén cumpriría intervir para ampliar o seu uso como lingua da docencia, observamos con perplexidade a aposta por confinalo a espazos marxinais e rituais, no canto de defender a necesidade de se actualizar e modernizar servindo de canle de expresión a todo tipo de coñecementos, incluíndo neles os científicos, tecnolóxicos e de maior prestixio social. A decisión de realizar unha consulta ás familias sen desenvolver unha potente campaña informativa previa e sen posuír o visto e prace dos/das profesionais do ensino e do alumnado resulta de dubidosa legalidade, mesmo sen entrarmos a analizar o contido e a formulación dunhas preguntas que distan moito de seren neutrais.Con estas accións, e coas reiteradas declaracións de membros do goberno galego, estase transmitindo á cidadanía a idea de que a lingua galega non é nin necesaria nin útil e estanse a reforzar os vellos preconceptos lingüísticos, o que sen dúbida está a ter un impacto moi negativo sobre a situación da lingua, que se encontra xa nun proceso de grave retroceso social e de abandono de usos.

No tocante ao ensino non universitario, como docentes universitarios e desde unha perspectiva académica, consideramos que a Xunta de Galicia incorre nunha grave irresponsabilidade ao lles trasladar a pais e nais decisións que lles corresponden aos poderes públicos. Para alén diso, xulgamos imposíbel que se garanta o coñecemento e o uso do galego reducindo a xa escasa docencia en galego e contrariando o espírito da Lei de normalización lingüística. Por outra parte, o decreto vixente na actualidade a este respecto estaba fundamentado na defensa dos principios e das medidas incluídas no Plan xeral de normalización da lingua galega, un texto aprobado por unanimidade das forzas políticas con representación no Parlamento galego.

De acordo coa lexislación vixente, e conforme co seu carácter de lingua oficial do noso país, instamos a que o goberno da Xunta de Galicia tome medidas que aseguren unha presenza importante da lingua galega no ensino, que garantan o dereito dos cidadáns e das cidadás a seren atendidos/as en galego nas súas relacións coa administración, que eviten a discriminación laboral por usar a lingua galega, e que a leven a ter unha presenza relevante nos medios de comunicación e noutros ámbitos sociais, de maneira que sexa posíbel vivir en galego. Animamos tamén o goberno da Xunta a que xere un clima positivo cara á lingua galega que atenúe e desfaga os prexuízos que contra ela existen aínda na nosa sociedade, como se puxo abertamente de manifesto nos últimos meses.Facemos, pois, en primeiro lugar, un chamamento ao Goberno da Xunta para que rectifique o seu comportamento contra a lingua do País. En segundo lugar, animamos a todo o pobo galego a defender o idioma dos nosos devanceiros, conservándoo e enriquecéndoo co uso diario en todos os ámbitos e en toda situación.



Texto íntegro aprobado polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo:

Señor presidente,

A Dirección do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, por acordo do Consello de Departamento, quere manifestarlle publicamente a súa enorme preocupación perante as actuacións que o goberno da Xunta de Galicia que vostede preside está a pór en práctica sobre a lingua galega.

Tal como consta no Estatuto da Xunta de Galicia o galego é a lingua propia e natural de País, patrimonio común de todos os galegos, mesmo dos que non a falan sempre ou non a falan nunca. E un dos cometidos desa institución política é a protección da Lingua Galega, a súa preservación, modernización e transmisión nas mellores condicións ás xeracións futuras. De igual maneira que as Illas Cíes ou as estatuas de Buda do Afganistán, que derrubou a intolerancia e a barbarie, non deben ser patrimonio e preocupación dun determinado goberno nin dun credo relixioso, a lingua galega non é só patrimonio e preocupación dos seus falantes, senón de todos os galegos e de toda a Humanidade.

Os decretos lingüísticos do ensino elaborados polos gobernos galegos anteriores fixeron avanzar moi pouco a estima da lingua do país, sen dúbida debido aos reiterados incumprimentos da lexislación. Os nosos estudantes non foron capacitados por igual en galego e castelán. De maneira que hoxe existen amplos sectores xuvenís urbanos que son incapaces de falar galego, e non son libres para elixir en que lingua falar. E cando aínda estamos nun proceso de galeguización da xuventude, o novo Goberno da Xunta vén crear un conflito social inexistente ata agora coas medidas regulamentadoras dos usos lingüísticos na administración e no ensino que quere adoptar e que incrementarán con toda seguridade o número de persoas incompetentes en lingua galega.

E vemos con fonda preocupación como, por primeira vez na historia da democracia, un goberno galego se propón lexislar en contra da lingua propia e natural do País que goberna, actuando segundo directrices alleas a Galicia ao dar por boas falacias e prexuízos clasistas difundidos interesadamente que, de poñerse en marcha, suprimirán o galego daqueles dous únicos ámbitos sociais onde a lingua levaba camiño dun certo equilibrio co castelán: a administración pública e o ensino non universitario.

A adopción de medidas como a supresión da proba en galego para acceder á administración é socialmente moi negativa, xa que poderá dar entrada na función pública a funcionarios incompetentes para traballar en Galicia, que descoñecen unha das dúas linguas oficiais, co que o atendemento en galego non estará garantido.

E aínda máis negativa será a situación na que vai quedar o galego no ensino non universitario, condenado a ser un adorno prescindible. A consulta ás familias sen previa información nin refrendo dos profesionais do ensino e do alumnado, resulta de dubidosa legalidade ao non contar coas garantías democráticas necesarias.

Facemos, pois, un chamamento á cordura do Goberno da Xunta e pedímoslle que rectifique o seu comportamento cara á lingua do País, conscientes de que unha lingua só vivirá se a empregamos e esiximos a súa protección mediante o uso escolar e administrativo, xa sexa de forma oral ou escrita.

Utiliza a nova

Enviar por Email  Enviar nova
Redes sociais  Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

Comentarios


Hemeroteca:  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023 2024

Avisos

    mes anterior
    Abril de 2024
    mes seguinte
    Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
    L M M X V S D
    1 2 3 4 5 6 7
    8 9 10 11 12 13 14
    15 16 17 18 19 20 21
    22 23 24 25 26 27 28
    29 30      
    Próximos eventos

    • Asociate á CTNL
    • Agasallo. Propostas de regalos en galego
    • LGx15
    • Premios Mil Primaveras
    • Viveiro de propostas normalizadoras
    • En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL
    • Envianos
    • Canles de novas da CTNL
    • Facebook da CTNL
    • Twitter da CTNL
    • Instagram da CTNL
    • Kit para a normalización en rede
    • Proxector
    • Queremos Galego
    • Eu.gal: Por un dominio galego