03-06-2010Preme aquí! Campaña de dinamización lingüística en Moaña
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Moaña puxo en marcha durante o mes de maio a campaña de dinamización lingüística Preme aquí!, dirixida á mocidade e que vincula a lingua coa rede e as novas tecnoloxías
O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do
Concello de Moaña puxo en marcha no mes de maio a campaña de dinamización lingüística
Preme aquí! dirixida á mocidade.
Esta campaña ten por obxectivos:
-Facer visíbeis entre as mozas e os mozos os contidos galegos e en galego que existen na rede e que poden ser obxecto do interese deste colectivo.
-Incrementar a percepción do galego como lingua útil nas tecnoloxías da información e da comunicación.
-Estender o uso do galego como lingua habitual de comunicación entre a mocidade nas súas interaccións na rede.
Para isto, editouse un
tríptico informativo no que a mocidade terá a súa disposición unha listaxe de páxinas web, blogs e portais sobre banda deseñada, camisetas, música, xogos na rede e as páxinas propias das institucións de Galiza que ofrecen información xuvenil sobre emprego, axudas á vivenda, cursos de formación, premios, turismo xuvenil, carné xove, etc.
Para elaborar esta listaxe de recursos na rede tívose en conta que a lingua na que se expresan é a galega e os contidos que ofrecen están relacionados coa nosa cultura e coa nosa lingua, é dicir, trátase de páxinas web, blogs e portais galegos e en galego.
Os trípticos informativos distribuíronse entre os centros de ensino de Moaña, especialmente entre os institutos de ensino secundario, e entre as asociacións xuvenís e culturais deste termo municipal. Tamén están dispoñíbeis na Aula da Rede de Dinamización e na Casa da Mocidade do Concello de Moaña que colaboran na campaña.