CTNL

Actualmente non ten instalado ou necesita actualizar o plugin Flash Player necesario para visualizar correctamente esta web
pode descargalo na siguiente dirección.
Obtener Flash

A CTNL formámola... A CTNL formámola...
Recursos na rede Recursos na rede

CTNL


12378 votos
Votar | | | |


28-09-2011

Sobre a suspensión das axudas da Xunta para a promoción do galego nos concellos

Sobre a suspensión das axudas da Xunta para a promoción do galego nos concellos
Como xa denunciamos desde a CTNL, as axudas que a Xunta convoca desde hai 20 anos para promover o uso do galego desde a administración local foron suspendidas por vez primeira. Ante este grave e irresponsábel feito, queremos compartir unha serie de consideracións


O DOG do 9 de setembro, publicou a Orde pola que se deixa sen efecto a Orde pola que se estabelecen as bases para a concesión de subvención ás entidades locais para a promoción do uso da lingua galega, unhas axudas que a Xunta de Galicia vén convocando desde o ano 1991 e que, por vez primeira en 20 anos, quedaron anuladas. Ante este feito moi grave e irresponsábel feito e ante os anuncios e a actitude da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), desde a CTNL, ademais do comunicado difundido hai uns días, queremos compartir as seguintes análises e consideracións:
  • A suspensión das axudas ao fomento do galego nos concellos por parte da Xunta non é, desgrazadamente, un feito puntual, xa que se enmarca nunha política de minorización e desprestixio da lingua galega por parte do goberno, materializada en medidas como esta ou como a reforma da Lei da función pública para eliminar a proba en galego nos procesos selectivos, a prohibición de docencia en galego de varias materias no ensino estabelecida no chamado Decreto do plurilingüismo, a desaparición das axudas para o fomento do galego por parte das asociacións sen ánimo de lucro, as desproporcionadas rebaixas orzamentarias, etc. Con continuas medidas en contra do noso maior sinal de identidade, a quen realmente está minorizando e desprestixiando o goberno da Xunta é a todos os galegos e galegas.

  • A desculpa da Xunta para a suspensión das axudas está, segundo argumentaron nun comunicado e mais nunha carta enviada aos concellos, nos incumprimentos do Estado dos compromisos de achegas de anticipo do fondo de cooperación. Con respecto a isto, cómpre aclarar:

    >A competencia de impulsar e coordinar os servizos de normalización lingüística (SNL) e de colaborar co fomento do uso do galego nos concellos é da Xunta, e non do Estado.

    >Se, sexa como for, o goberno galego ten que axustar a previsión de gastos e unha nova e menor previsión de ingresos, pode recurtar eses gastos nuns ou noutros conceptos, mais decidiu facelo de xeito especial en partidas que lle afectan á lingua galega, como a de axudas á edición de libros de texto en galego ou á promoción da lingua na administración local.

    >Así, a única entidade responsábel de que se elimine esta convocatoria de axudas é a Xunta de Galicia.

  • Ademais de ser inxustificábel a suspensión das axudas, é inxustificábel tamén o trato recibido polas/os traballadoras/es de normalización lingüística e pola CTNL. Levámoslle solicitando á SXPL información sobre estas axudas desde principios de xullo, e a SXPL negouse a nos contestar. Solicitamos a información formalmente e de xeito reiterado á SXPL e persoalmente ao secretario xeral, á subdirectora xeral de Planificación Lingüística e á xefa de gabinete da SXPL, e ninguén deu nin sequera unha contestación de cordialidade. Isto considerámolo unha falta de respecto á CTNL e a cada un e unha dos/as traballadores/as de normalización lingüística.

  • A SXPL anunciou que “nas próximas semanas” publicará unha nova convocatoria, con cargo aos orzamentos de 2012, “e na que se poderán imputar gastos de 2011”. Con respecto a isto, cómpre aclarar:

    >Como é lóxico, moitos concellos non puideron gastar os cartos que non tiñan. Entón, se en 2011 non lle van conceder eses cartos para normalización lingüística, non poden desenvolver accións en 2011 con cartos que lles van conceder en 2012. Ou adiantáronos con fondos propios, ou non puideron desenvolver accións. Así, aínda que en 2012 deixen xustificar cartos de 2011, para moitos concellos iso xa non é solución, xa é tarde, o ano xa está perdido.

    >Ademais, cómpre ter en conta que as axudas tamén eran para “creación” de SNL... E, ao non haber concesión de axudas, deixaron de crearse eses potenciais novos SNL.

    >Se se pensa en subvencións plurianuais, como anunciou a SXPL, estas sempre teñen que ser para os vindeiros anos, non para os anteriores. Isto sería ilóxico e non ten sentido ningún. Conceder subvencións a posteriori desvirtúa totalmente o sentido incentivador das axudas.

    >Desde a CTNL sempre solicitamos que a convocatoria fose plurianual e/ou que se convocase o máis axiña posíbel, a poder ser xa a finais do ano anterior. Desde a SXPL sempre se nos argumentou que iso non era tecnicamente posíbel, que as axudas non podían ser plurianuais e que, ademais, a convocatoria non podía publicarse até, como moi cedo, o mes de marzo. Agora resulta que a SXPL di que iso non ten por que ser así, como até agora sempre argumentou.

  • Moitos concellos estaban á agarda da resolución das subvencións para desenvolver actividades e para contratar persoal... Se non hai concesión das subvencións (como non haberá), non haberá actividades de fomento do galego nin contratación de persoal para SNL en 2011.

  • Segundo as bases da convocatoria de 2010 “As entidades locais que nesta orde de subvencións soliciten axuda para a creación dun servizo lingüístico non poderán acceder a outra axuda para a creación dun servizo nas dúas próximas convocatorias”. Isto é, para poder seguir optando ás subvencións, obrigóuselles aos concellos que recibiron subvención para creación en 2010 a manter o contrato do/a técnico/a de normalización, e agora a Xunta retíralle a axuda, o que supón para os concellos un prexuízo extra.

  • É vergonzoso e impresentábel que Anxo Lorenzo leve dous anos presentando a non nata Rede de Dinamización Lingüística local ao mesmo tempo que suspende as axudas aos SNL e fomenta que estes pechen... Iso xa desacredita totalmente esa Rede.

  • Na actualidade, dos 315 concellos, contan cun SNL arredor de 60 (só o 19%). Destes, máis da metade están nunha situación xeneralizada de precariedade e inestabilidade que provoca que o traballo non se poida desenvolver coa suficiente planificación nin nas mellores condicións. Ademais, deses arredor de 60 SNL, máis da metade están na provincia da Coruña, e a maioría dos SNL desa provincia dependen totalmente da colaboración da Deputación da Coruña. Se nalgún momento esta entidade rebaixa a súa colaboración, a metade dos SNL do país estarían en grave perigo de desaparición.

  • Desde a CTNL levamos anos denunciando esta situación, mais tamén propondo modelos alternativos máis eficientes, que nunca foron tidos en conta pola Xunta. O modelo de axudas aos concellos para o fomento do galego é moi precario e ten moitas eivas e, ademais, sempre estivo dotado de contías insuficientes que nos últimos anos aínda se reduciron moito máis. Se en 2008 a Xunta lle dedicou a este fin a xa insuficiente cantidade de 800.000 euros (800.000 € / 315 concellos = 2.540 € de media por concello), esta reduciuse a 602.668 € en 2010 e a, en principio, 420.000 € en 2011, cantidade que finalmente se suspendeu. A CTNL leva anos propondo un outro modelo, co que se garanta a estabilidade, a planificación, a coordinación e a posibilidade de intervención en todo o país, e non só nalgunhas partes. Para isto, o ideal é contar con servizos de normalización lingüística comarcais, compartidos por varios concellos e a propia Xunta, e formados por equipos multidisciplinares. Para acadar isto, o ideal é a constitución dun consorcio interadministrativo, que sería posíbel crear sen ter que dedicar máis cartos que os destinados normalmente até o de agora, mais investíndoos de xeito máis eficiente. Lonxe de acoller esta proposta, a SXPL opta por outra totalmente contraria, esa virtual e propagandística Rede de Dinamización Lingüística, que prescinde dos SNL e do traballo técnico, ao mesmo tempo que a propia SXPL reduce até a desaparición as axudas aos concellos para o mantemento deses SNL.

Utiliza a nova

Enviar por Email  Enviar nova
Redes sociais  Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

Comentarios


Hemeroteca:  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023 2024

Avisos

    mes anterior
    Xuño de 2018
    mes seguinte
    Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
    L M M X V S D
            1 2 3
    4 5 6 7 8 9 10
    11 12 13 14 15 16 17
    18 19 20 21 22 23 24
    25 26 27 28 29 30  
    Próximos eventos

    • Asociate á CTNL
    • Agasallo. Propostas de regalos en galego
    • LGx15
    • Premios Mil Primaveras
    • Viveiro de propostas normalizadoras
    • En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL
    • Envianos
    • Canles de novas da CTNL
    • Facebook da CTNL
    • Twitter da CTNL
    • Instagram da CTNL
    • Kit para a normalización en rede
    • Proxector
    • Queremos Galego
    • Eu.gal: Por un dominio galego