Boletín informativo 10 de Marzo de 2015 Nº: 231
Liñas de acción da CTNL para 2015
Visibilización e defensa do traballo en normalización lingüística, varios cursos, unha xornada de transmisión de ideas para a lingua ou a continuidade de proxectos como Gústame o galego, Como cho digo ;-) ou Agasallo.eu, entre as liñas de acción da CTNL para este 2015
O sábado 28 de febreiro a Asemblea xeral da CTNL aprobou por unanimidade as liñas de acción da entidade para o período interasemblear 2015-2016 (.pdf), que contemplan a defensa dos intereses xerais do traballo en lingua, accións formativas e propostas varias para facer máis efectivo o traballo a prol da lingua.

No que se refire á defensa dos intereses xerais do traballo en normalización, a CTNL acordou a procura de estabilización dos servizos de normalización lingüística das administracións, o apoio á estabilización dos postos de traballo para unha formación en lingua galega de calidade, a visibilización do traballo a prol da lingua e a realización dunha guía de apoio e resolución de dúbidas sobre cuestións laborais.

No que atinxe á formación, en 2015 a CTNL desenvolverá varios cursos, e o primeiro deles será un obradoiro de xestión de redes sociais para a normalización lingüística. Ademais, tamén seguirá a colaborar coa definición do programa do Curso de verán de dinamización lingüística da UdC, que este ano se centrará na análise e proposta sobre os cambios e afianzamentos lingüísticos na mocidade.

Con respecto ás propostas para facer máis efectivo o traballo a prol da lingua e ao desenvolvemento de accións de fomento do galego, está previsto facerlles unha proposta a todas as organizacións políticas para que inclúan nos seus programas electorais de cara ás eleccións municipais de maio, a convocatoria dun premio a accións de fomento do galego, a convocatoria do Viveiro de propostas normalizadoras, a organización dunha xornada de transmisión de ideas para o futuro da lingua, a realización e difusión dunha proposta para unha maior visibilización da lingua nas Letras Galegas ou a continuidade de accións como Gústame o galego (que rematará este ano), Como cho digo ;-) ou Agasallo.eu.

Para o desenvolvemento destas accións, a CTNL aprobou un orzamento de 13.400 euros.

Liñas de acción da CTNL para 2015 (.pdf) >

AVISO LEGAL: Se recibes este boletín é porque estás dado de alta no noso servizo.
Se non queres seguir a recibilo, podes darte de baixa aqui, indicando o teu enderezo electrónico e o número de subscritor/a que aparece no asunto desta mensaxe. Este correo foi enviado por ctnl.gal