09-09-2011Ante a suspensión das axudas para o fomento do galego nos concellos, os/as traballadores/as de normalización piden a dimisión de Anxo Lorenzo
As axudas que a Xunta convoca desde hai 20 anos para promover o uso do galego desde a administración local acaban de ser suspendidas por vez primeira. Ante este moi grave e irresponsábel feito, a entidade que agrupa os/as traballadores/as de normalización lingüística, a CTNL, pide a inmediata dimisión do responsábel de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, por esta suspensión e por negarse a darlle información á CTNL desde hai dous meses
O DOG de hoxe, 9 de setembro,
publica a Orde pola que se deixa sen efecto a Orde pola que se estabelecen as bases para a concesión de subvención ás entidades locais para a promoción do uso da lingua galega, unhas axudas que a Xunta de Galicia vén convocando desde o ano 1991 e que agora, por vez primeira en 20 anos, quedan anuladas.
Desde a CTNL consideramos esta suspensión como moi grave e irresponsábel, que suporá a eliminación de servizos de normalización lingüística (SNL) en concellos e de necesarias accións para a promoción da lingua. Ademais, a gravidade e irresponsabilidade desta suspensión increméntase co feito de que, tal e como desde a CTNL
denunciamos a semana pasada, tanto o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, como os membros do seu gabinete, se negaron a darlle información á CTNL sobre a tardanza na resolución destas subvencións, convocadas hai 6 meses e das que nada se soubo desde aquela.
Agora cúmprense as peores expectativas e a Secretaría Xeral de Política Lingüística suspende estas axudas que xa comezaron a reducir de xeito drástico desde hai dous anos e que son imprescindíbeis para que desde os concellos se poidan desenvolver accións para o fomento da lingua galega.
Loxicamente, esta decisión é totalmente contraditoria coa propagandística Rede de Dinamización Lingüística que a SXPL está publicitando desde hai dous anos, sen que desde aquela fose constituída nin tivese ningún tipo de actividade, tan só anuncios, notas de prensa e fotos de xuntanzas con alcaldes, ao mesmo tempo que en 2010 lles reduciron aos concellos as axudas económicas e que agora xa directamente suspenderon.
Por estas razóns, e ante a gravidade e irresponsabilidade dos feitos, desde a CTNL pedimos a inmediata dimisión do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo.