A editorial Ir Indo acaba de poñer en liña un dos dicionarios de galego máis completos cos que se conta hoxe en día, o que supón un gran paso para a nosa lingua.
Xa está colgado na rede o primeiro gran dicionario de galego en liña (
www.digalego.com), o que contribúe a axilizar e rendibilizar o traballo de tradución (lonxe van quedando os tempos de carretar enormes dicionarios), así que me congratulo de que Ir Indo dese este paso en beneficio de todos.
O dicionario, ademais de ofrecer as diferentes acepcións, contextualízaas, indica sinónimos e antónimos, sinala os étimos da maioría dos vocábulos e tamén nalgúns casos a materia ou o ámbito no que se usa a voz:
A achega fundamental que destacaría no seu uso como dicionario monolingüe é que sinala o ámbito concreto para o que se usa a voz, posto que nos dicionarios de uso escolar en moitas ocasións a definición non se axusta ao contexto para o que se fai a busca. Este dicionario, de fácil acceso para o alumnado, cobre o baleiro que existía deica agora.
Por outra banda, como ferramenta de uso para a tradución, amplía o número de voces e de acepcións que ofrecían o da RAG e o VOLG, aínda que contradí nalgunhas ocasións estes últimos (que son o marco de referencia) e de novo se volven botar en falta algunhas voces de uso común.
Por exemplo, a palabra castelá
entorno (en Matemáticas) no da RAG só aparece como
medio (con outra acepción) e no Ir Indo non se documenta. O
Vocabulario de matemáticas da USC recomenda utilizar
veciñanza, pero en ningún dos dicionarios sae con esta acepción. Algo semellante acontece con
croquis,
esbozo,
bosquejo e
boceto, para as que ambos os dicionarios ofrecen
esbozo e
bosquexo, pero como sinónimas totais, o que supón un problema á hora de traducir material para os escolares.
Algún léxico que non se documenta ou que se resolve de maneira confusa e que é frecuente nos libros de texto é o correspondente ao castelán
troquel,
troquelar e familia (no contexto de recortable dos cativos),
espumillón,
papel pinocho (para traballos manuais);
acotar,
acotación e toda a familia,
tanteo,
tirolina... (nas mates);
espolvorear,
juliana,
chuletón,
chuletilla,
chipirón,
ensaladilla... (no léxico común da comida), etc. E por outra banda, palabras como
pareo,
catalejo ou
palillos, para os que a RAG ofrece unha definición no canto dun termo equivalente, no Ir Indo tampouco se solucionan.
No que atinxe á toponimia hai tamén algunha discrepancia entre o VOLG e o Ir Indo, por exemplo, os
neozelandeses e os
flamengos son os habitantes de
Nova Zelanda e
Flandres, respectivamente, segundo o Ir Indo e de
Nova Zelandia e
Flandes segundo o VOLG.
Alén de ser un dicionario monolingüe, o Ir Indo en liña tamén nace como un dicionario plurilingüe, o que pode resultar moi útil para o traballo de tradución. Neste caso, o desexable sería que se lle fosen dando as equivalencias nas outras linguas ao carón de cada unha das acepcións. Unha vez que se comezou a obra, o ideal sería poderlle tirar todo o potencial que esta iniciativa ten, para que non quedase nun cruzamento de equivalencias noutra e noutras linguas. Véxase o seguinte exemplo:
En definitiva, a gran bondade deste dicionario é que deixa aberta a porta á colaboración dos usuarios e parece que se van atender as suxestións, o que é moi loable. Esta podería ser a grande oportunidade de incluír toda esa terminoloxía que se barallou e discutiu nos foros, nas roldas, a que xa se publicou en vocabularios e glosarios ou as fichas do Termigal. Dado que moitos incluso fomos elaborando bases de datos con léxico que se foi solucionando aquí e alá, a idea de poder ir
engordando este dicionario en liña non pode deixar de alegrarme.
O xenial da rede é que se poden xuntar esforzos facilmente e, posto que incluír as bases de datos lexicográficas que xa se veñen manexando desde hai tempo parece o máis razoable, felicito a Ir Indo se realmente se vai realizar un traballo de revisión e mantemento continuado.