04-03-2011Convocado o II Premio Rosalía de Castro a iniciativas normalizadoras
Co obxectivo de recoñecer o labor dunha persoa, empresa, asociación ou entidade que, neste ano, destacase polo seu traballo na promoción e normalización da lingua galega, a Deputación da Coruña convoca por segundo ano o Premio Rosalía de Castro de Lingua, para o que se poden presentar propostas até o 31 de marzo
A Unidade Técnica de Normalización Lingüística (
UTNL) da Deputación da Coruña convoca o II Premio Rosalía de Castro de Lingua 2011, un galardón que se convoca cos obxectivos de recoñecer o labor ou traxectoria dunha persoa, colectivo, asociación ou entidade de ámbito galego en xeral e na provincia da Coruña en particular, que destaque pola súa traxectoria na promoción e dignificación da lingua galega ou que saliente por actividades que impliquen o espallamento do galego no ano en curso.
Este
II Premio Rosalía de Castro de Lingua 2011 non ten dotación económica. O galardón consistirá nun recoñecemento honorífico acreditativo desta distinción.
Aspectos que se valoraránPara a concesión dos premios, o xurado, formado por representantes de distintas entidades e sectores, terá en conta criterios como a tarefa continua desenvolta en favor da normalización lingüística do galego; actuacións concretas en favor da normalización dos usos sociais da lingua galega; uso habitual e normal do galego nas súas actividades e nos seus servizos; desenvolvemento de campañas de información e/ou publicitarias en galego; ou a contribución á galeguización de sectores de especial relevancia económica, social e cultural.
Premio aberto á presentación de propostasPara este premio, calquera persoa ou entidade pode presentar propostas para que o xurado valore, mais non se pode autocandidatar.
As solicitudes presentaranse no Rexistro da Deputación ou no enderezo electrónico normalizacion.linguistica@dicoruna.es.
O
prazo de presentación está aberto
até o 31 de marzo.
Entrega do premio na IV Festa da LinguaA entrega do premio terá lugar no transcurso da Festa da Lingua, que neste 2011 chega á súa cuarta edición e que terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo o sábado 7 de maio.
Bases completas do II Premio Rosalía de Castro a iniciativas normalizadoras (BOP do 4/3/2011)>