25-04-2008A CTNL apoia o manifesto Polo dereito a vivirmos en galego e fai un chamamento a participar na manifestación convocada pola Mesa para o 18 de maio
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) apoia o manifesto Polo dereito a vivirmos en galego, e fai un chamamento á participación activa de todas as persoas e entidades a participar na manifestación convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística que terá lugar na mañá do 18 de maio en Santiago de Compostela.
MANIFESTO POLO DEREITO A VIVIRMOS EN GALEGOAs persoas e entidades que apoiamos a manifestación nacional "Polo dereito a vivirmos en galego" este 18 de maio de 2008, declaramos:
Consideramos que vivir en galego é un dereito inalienábel das persoas na Galiza, e un dos dereitos humanos elementais que temos como pobo. Lembramos que o galego é o único idioma natural de Galiza, e que mesmo o Estatuto de Autonomía o cualifica como "a lingua propia" do país, o que nos une como galegas e como galegos. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua ocupe todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma, con dignidade e con normalidade.
Consecuentemente, deben existir as garantías para podermos vivir en galego, o que exixe compromisos, así como a aplicación e a adopción das disposicións legais necesarias por parte das Administracións públicas.
Denunciamos e alertamos contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego. Ou, o que é o mesmo, a negación do dereito colectivo á normalidade de usos da nosa lingua en todos os ámbitos.
Chamamos ao compromiso persoal de todas e todos coa lingua galega. Usémola en todos os ámbitos: comezando pola familia, coas nosas nenas e nenos, no noso traballo, nas relacións coa administración, no noso tempo de lecer, etc. O futuro do galego depende de nós.
MANIFESTACIÓNLUGAR DE SAÍDA:
Alameda de Santiago de CompostelaHORA:
12.00 hLUGAR DE CHEGADA:
Praza da QuintanaAPOIA O MANIFESTOEstase a procurar un amplo apoio de entidades para o manifesto promovido para o 18 de maio. Para iso, todas aquelas entidades que queiran apoialo, poden facelo desde
aquí.