CTNL

Actualmente non ten instalado ou necesita actualizar o plugin Flash Player necesario para visualizar correctamente esta web
pode descargalo na siguiente dirección.
Obtener Flash

A CTNL formámola... A CTNL formámola...
Recursos na rede Recursos na rede

Máis alá


2888 votos
Xa votaches!


02-07-2012

"Pódese ser feminista en Galiza en castelán?" Entrevista a Nel Vidal

Pódese ser feminista en Galiza en castelán?
A revista vasca Argia entrevista ao presidente da CTNL, Nel Vidal, a propósito do curso de verán de dinamización lingüística Xustiza social e dinamización lingüística, que terá lugar os días 18, 19 e 20 de xullo en Carballo. Reproducimos aquí a entrevista traducida a galego


[Esta entrevista publicouse no número de xullo da revista Argia, tanto na edición web como na edición en papel (pódese descargar aquí en .pdf)]

Entrevista de Onintza Irureta (@oirureta) a Nel Vidal Barral (@nelvidalbarral)

Pódese ser feminista en Galiza en castelán?

Pódese ser feminista e non defender o galego? Pódese estar a favor do galego e non ser ecoloxista? En Galiza van tratar temas relativos á xustiza social e a normalización lingüística nun curso de verán da Universidade da Coruña en colaboración coa CTNL.

Os días 18, 19 e 20 de xullo terá lugar en Carballo o curso Xustiza social e normalización lingüística. Entre outras, sindicalistas, feministas e ecoloxistas intervirán e intentarán crear pontes entre a normalización lingüística e os seus respectivos movementos sociais.


Por que elixistes ese tema?
É o oitavo curso de verán que organizamos. Démonos conta de que o que criamos que estaba xa superado, non está superado.

Que queres dicir con iso?
O que quero dicir é que quizais non lle estamos trasladando axeitadamente á sociedade o que temos que transmitir, porque pensabamos que ese traballo xa estaba feito. Existía a crenza de que, en xeral, a sociedade apoiaba as accións a favor do galego. Mais comezamos a dubidar desa crenza principalmente cando o PSOE e BNG gobernaron durante catro anos e comezaron a adoptar algunhas medidas a favor do galego. Ata entón estivera gobernando o PP 16 anos. Creáronse grupos contrarios á normalización lingüística e pensabamos que ían durar só unha tempada, pensabamos que o seu discurso non chegaría a ningún lado. As medidas adoptadas a prol do galego non foron ben explicadas, xa que a sociedade non as entendeu. E, ao mellor, esa é a clave: a xente ten que entender por que son boas as medidas a favor da normalización.

En Euskal Herria os que non entenden as medidas acúsannos de querer impoñer o idioma.
Si, aquí tamén. Por cada medida que se toma a favor do galego, hai unha reacción en contra falando de imposición. Ata hai uns anos ese tipo de discurso non era habitual, polo menos publicamente. A normalización lingüística era un tema case “politicamente correcto”. Aínda que non se estivese a favor, non era algo que se adoitase manifestar publicamente. Viviamos, en parte, na mentira, porque o discurso contrario aflorou e incrustouse na sociedade.

Hai que traballar o discurso...
No curso do ano pasado estivemos traballando sobre o argumentario a favor do galego. É curioso que, a estas alturas, esteamos a falar sobre os argumentos... Pero si, tiñamos que comezar de novo a falar sobre o tema. Defendemos o galego porque é o idioma do noso pobo, porque é o idioma que se creou aquí, porque historicamente foi marxinado... Entón, defendémolo porque é de xustiza social defendelo. Temos que facer patente o noso discurso, e non só unindo a xustiza social con temas lingüísticos, senón facendo chegar o significado completo da xustiza social a toda a sociedade. Se conseguimos iso, a maioría da sociedade apoiará a normalización lingüística. Por iso, temos que ter moi claro por que defendemos o idioma, e trasladar socialmente ese porqué.

Que tipo de relación tedes cos movementos sociais?
Ata agora, practicamente todos os movementos utilizaron como idioma de reivindicación o galego. E ata o 15M non se fixo practicamente ningunha reivindicación pública en castelán. Ecoloxismo, sindicalismo, feminismo...., usaron o galego como idioma de reivindicación. Aínda que, nalgúns casos, nas súas praxes cotiás utilizasen o castelán, cambiaban ao galego publicamente. Eses cambios e usos lingüísticos non foron estudados e sería interesante facelo.

Ese cambio lingüístico temos que valoralo como bo ou como malo?
É bo, aínda que non é o ideal. O mellor sería que non tivese que haber cambio, que o idioma xa fose en todos os usos o galego... Mais o cambio non se produce só nos movementos reivindicativos; nos discursos públicos, por exemplo en política, tamén pasa. En xeral, moitos líderes políticos galegos, tanto a nivel local como nacional, do PP ou do PSOE, aínda que teñan como lingua de uso privado o castelán, nas súas intervencións públicas usan maioritariamente o galego. Esta non é a situación ideal, mais ese uso público do galego non é malo, claro.

No curso de verán falarán feministas, sindicalistas, militantes a favor das liberdades sexuais. Como se tenden pontes entre eses movementos e os movementos a favor do idioma?
Galiza é un país pequeno. Os movementos non son espazos estancos nin pechados, nin moito menos. Case todos teñen conexións entre eles. Por exemplo, Laura Bugalho traballa no ámbito de inmigración no sindicato CIG, mais, ao mesmo tempo, milita tamén, entre outras cousas, na loita a prol das liberdades sexuais. Tamén, por exemplo, Isabelle Kerdudo milita no ecoloxismo, mais tamén no feminismo ou na normalización.

Temos que aproveitar eses espazos para relacionarnos, para construír conexións e para facerllas chegar aos demais. Os que traballamos na defensa do idioma estamos rodeados de xente que traballa polo mesmo obxectivo. Mais un ecoloxista que teña conciencia lingüística non ten por que estar rodeado de xente con esa mesma conciencia lingüística. Interésanos moito achegarnos á xente que teña esas características e coñecer as súas vivencias, xa que, se teñen ao mesmo tempo sensibilidade cara ao idioma e cara á ecoloxía, a través delas podemos chegar a persoas do mesmo grupo que non teñen conciencia lingüística, e así intentar facer chegar a mensaxe normalizadora.

Ves moi claras as coherencias e as incoherencias. Ti mesmo dixeches nun medio galego que non casa ser machista e defender o galego.
O movemento ecoloxista fainos ver que o ecoloxismo é xusto e bo, o movemento feminista o mesmo, etc., e nós temos que facer ver que a normalización lingüística é xusta e boa. Así, é incoherente que unha persoa defenda o que é xusto nun ámbito e non defenda noutro ámbito o que tamén é xusto.

Isto é, se es machista non podes defender o galego.
Por exemplo, pódese ser feminista e non defender o galego? Seguramente si, mais coherente non é. Podes defender o galego e, ao tempo, non ser ecoloxista? Pois tamén é algo incoherente. Indo máis aló (e sen saber onde está o límite), pódese ser feminista en Galiza en castelán?


A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL)

O que en Euskal Herria chamamos técnicos/as de euskara en Galiza son traballadores/as ou técnicos/as de normalización lingüística. A CTNL é unha asociación sen ánimo de lucro que agrupa os/as traballadores/as de normalización de Galiza. É unha organización baseada na vontade dos seus membros, que quere cubrir o oco que deixan as administracións públicas. As administracións non crearon a rede nin a coordinación dos/as técnicos/as nin dos servizos de normalización, e entón os/as propios/as traballadores/as decidiron creala. A CTNL ten dous obxectivos fundamentais: por un lado, cubrir as carencias formativas dos/as traballadores/as e, por outro lado, promover o traballo en rede para coordinar e compartir accións a prol do galego.


[Tradución a galego da CTNL, a través da tradución a castelán de Txerra Rodríguez (@garaigoikoa)]

Utiliza a nova

Enviar por Email  Enviar nova
Redes sociais  Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

Comentarios


Hemeroteca:  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021

Avisos

    mes anterior
    Setembro de 2021
    mes seguinte
    Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
    L M M X V S D
        1 2 3 4 5
    6 7 8 9 10 11 12
    13 14 15 16 17 18 19
    20 21 22 23 24 25 26
    27 28 29 30    
    Próximos eventos

      • Asociate á CTNL
      • Agasallo. Propostas de regalos en galego
      • LGx15
      • Premios Mil Primaveras
      • Viveiro de propostas normalizadoras
      • Gústame... o galego
      • En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL
      • Axenda da lingua
      • Envianos
      • Canles de novas da CTNL
      • Facebook da CTNL
      • Twitter da CTNL
      • Kit para a normalización en rede
      • Queremos Galego
      • Eu.gal: Por un dominio galego