09-04-2013O profesorado do Celga denuncia a precariedade e propón profesionalización
O colectivo de profesorado colaborador da SXPL para impartir os cursos de galego para persoas adultas fixo público un manifesto no que denuncia a súa "precaria situación" e no que reclama profesionalización e condicións de traballo dignas
A asemblea de profesorado colaborador da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia emprendeu hai unhas semanas unha serie de accións para denunciar a "precaria situación" e para demandar "cambios na maneira de xestionar o sistema de formación en lingua galega". Entre elas, diversas concentracións e agora a publicación dun
manifesto.
No texto feito público, e asinado inicialmente por máis de sesenta profesoras e profesores, din estar "fart@s" de que a SXPL "se aproveite da precariedade laboral", de que "cada ano cambien os procedementos para acceder á listaxe de profesorado", de "ter só obrigas e de non ter ningún dereito" ou de "prácticas escurantistas".
Tal e como denuncian no texto aberto a apoios, este profesorado traballa "sen contrato; sen posibilidade de negociar unhas retribucións que minguan ano tras ano; sen termos a seguridade de se un ano imos traballar ou non; sen saber cando imos traballar e cando imos cobrar".
Do mesmo xeito que a CTNL xa propuxo en reiteradas ocasións, a asemblea de profesorado colaborador reclama "a creación dun grupo estable de profesorado profesionalizado, seleccionado e contratado a través dun proceso selectivo público de acordo cos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade". E, mentres iso non se acada, solicita a "contratación formal" con "condicións laborais xustas", a "clarificación e mellora dos requisitos para acceder á listaxe" e que exista unha "listaxe pública de chamamentos".
O texto completo pódese ler e apoiar aquí >