23-11-2013Electrodomésticos San Luís é recoñecida co premio Abertos ao Galego
Abertos ao Galego, o proxecto da Mesa para a dinamización da lingua no ámbito empresarial, entregoulle o seu II Premio á cadea San Luís. O fundador da empresa retoma o negocio despois de que Darty, a multinacional que a mercara, decidise pechar as tendas. Xa no seu día fora un referente no uso do galego, e o lema do seu regreso é "Estamos de volta"
O xerente e fundador de San Luís nos anos 70, Lorenzo López, que recolleu o galardón nun acto que tivo lugar no Pazo da Cultura de Carballo este venres 22 de novembro, fai unha clara aposta pola lingua como elemento fundamental da identidade, o que el entende como parte imprescindíbel da marca da empresa.
O xurado de
Abertos ao Galego valorou a importancia simbólica da aposta lingüística de San Luís, tanto polo sector ao que pertence como polo momento en que o antigo xerente retoma as tendas e a maneira en que decide reabrilas. Na súa anterior etapa, San Luís era unha das empresas líder do sector, o que serve para constatar algo que indican todos os estudos do mercado: o uso do galego é un aliado para o mundo socioeconómico.
Un proxecto para promover o galego no ámbito da empresaAbertos ao Galego é un proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística que ten como obxectivo a dinamización do galego no mundo da empresa. Partindo dun certificado de calidade asociado ao uso da lingua de Galiza, desde Abertos ao Galego quérese promocionar a actividade das empresas que traballan (total ou parcialmente) en galego, ademais de fornecer argumentos á sociedade sobre a relevancia do uso do noso idioma por parte dos diversos tipos de empresas. Algunhas das iniciativas que ten desenvolvido Abertos ao Galego até o momento, ademais da creación do Premio, son o catálogo de Nadal (que este ano se está a preparar por terceira vez) ou presentacións comarcais, así como a creación dun boletín informativo sobre as empresas integrantes de Abertos ao Galego, que se envía periodicamente aos socios e socias e simpatizantes da Mesa pola Normalización Lingüística. Así, quérese estender a idea dun "consumo responsábel co noso idioma".
A primeira edición do premio, a de 2012, fóralle entregada á rede social Tuenti.