01-04-2015Premio á publicidade comercial en galego en Santiago
O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza o III Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego, co obxectivo de fomentar o uso da nosa lingua na comunicación comercial. O prazo de inscrición remata o 30 de maio e o/a gañador/a recibirá un premio de 5.000 euros para desenvolver a campaña publicitaria proposta
Tras analizar diversos estudos sociolingüísticos observouse que existe un potencial de maior uso do galego no sector socioeconómico. As empresas e negocios empregan menos galego do que lles gustaría aos seus clientes (ao 46.4% pareceríalles ben que se usase máis nas relacións comerciais). Tamén se comprobou que os negocios falan menos en galego coa clientela do que o fan internamente. O uso do galego entre o persoal chega a superar o 50%, pero baixa cos clientes a un 37,8%.
En Compostela existe unha gran diferenza entre o uso que se fai do galego á hora de interactuar coa clientela e o que se fai en ámbitos coma a documentación administrativa ou a publicidade, sendo moito máis frecuente no primeiro dos casos.
Ao mesmo temo, a publicidade é un recurso que non sempre se aproveita ben no eido empresarial a nivel local. Neste sentido, o galego tamén é unha fonte para a creatividade. Baixo o lema
Será por palabras. Hai moitísimas maneiras de contalo, amósanos a túa, este concurso procura xuntar estes ingredientes para que se produza unha campaña na que se combinen as máis efectivas ferramentas publicitarias co uso do galego.
PARTICIPANTESPoderán participar no concurso os establecementos comerciais e hostaleiros radicados en Compostela e os profesionais da comunicación e a publicidade. Os participantes deberán presentar un proxecto de campaña publicitaria, deseñado para calquera soporte e sistema de distribución, que xogue co léxico da chuvia e que sexa elaborado por un profesional para un negocio concreto do municipio, polo que deberá existir unha certa colaboración entre os titulares das empresas e os publicistas que elaboren a campaña.
XURADO E VALORACIÓNUn xurado, formado polo/a concelleiro/a de Normalización Lingüística, un/ha representante da Concellaría de Economía, tres profesionais recoñecidos no ámbito do deseño e a comunicación e un lingüista, valorará a calidade lingüística, o aproveitamento de recursos idiomáticos, a orixinalidade e innovación nos contidos e nos formatos, a precisión na definición do target, a viabilidade técnica e económica e a adecuación dos ítems e das canles de distribución aos obxectivos.
PREMIOO/a gañador/a do concurso recibirá un premio de 5.000 euros que lle permitirá levar á práctica o proxecto.
PRAZOOs interesados teñen ata o día 30 de maio para presentar as súas propostas no Rexistro do Concello.
+Info:
-
Bases e inscrición-
Perfil en Facebook-
Vídeo promocional