CTNL

Actualmente non ten instalado ou necesita actualizar o plugin Flash Player necesario para visualizar correctamente esta web
pode descargalo na siguiente dirección.
Obtener Flash

A CTNL formámola... A CTNL formámola...
Recursos na rede Recursos na rede

Máis alá


10696 votos
Xa votaches!


04-07-2016

Hitzargiak. Observando as luces doutras linguas

Hitzargiak
[Nel Vidal cóntanos a súa experiencia no encontro Hitzargiak (falamos desta iniciativa aquí e aquí), que tivo lugar en Hernani o 23 e o 24 de xuño. Foi convidado a este foro para presentar o proxecto Apego, unha das boas prácticas galegas seleccionadas polo Comité Científico de Hitzargiak.]


Tiven ocasión de participar os días 23 e 24 de xuño, en Hernani, ao pé de Donosti, no encontro Hitzargiak, un foro que levaba por sobrenome “linguas que se iluminan mutuamente”. E ese, o de coñecer prácticas axeitadas e eficientes para o fomento duns idiomas que poidan ser inspiradoras para desenvolver noutros, era o obxectivo deste congreso organizado no marco de Donostia 2016, capital europea da cultura. Na práctica, aprender unhas persoas doutras.

Unha das primeiras cousas que me chamou a atención foi o espazo en que tivo lugar, un edificio da fundación Orona, un proxecto para o desenvolvemento social da empresa de ascensores Orona, patrocinadora deste encontro organizado polo Sociolinguistika Klusterra xunto ao goberno vasco, a Deputación de Guipúscoa e o Concello de Donostia. E digo que me chamou a atención porque non estamos en Galiza acostumados a que empresas desas características (neste caso de ascensores) financien accións a prol da normalización lingüística, algo non tan estraño en Euskal Herria. E é que o sector empresarial vasco ten, en xeral, un compromiso co seu idioma propio moi superior ao galego, tal e como vimos en diversos exemplos ao longo do encontro: os proxectos de certificacións de calidade polo uso do éuscaro Bai Euskarari e Bikain, o programa piloto Euslan, para a utilización do éuscaro como lingua de traballo e de paisaxe lingüística de 12 empresas, ou a experiencia da empresa de compoñentes industriais eléctricos Eika, que a través do seu plan do euskara definiu os perfís lingüísticos dos seus máis de 500 postos de traballo, formou a quen xa estaba contratado/a e non chegaba ao nivel lingüístico definido para o seu posto ou regulou as condicións de contratacións e compras de materiais (por exemplo, para comprar unha nova máquina é condición que os botóns e pantallas estean en éuscaro).

Como vemos, a moita distancia estamos, para mal, nalgúns aspectos dalgunhas linguas. Pero tamén a moita distancia para ben doutras. E é que a través do proxecto Hitzargiak compartíronse arredor de 120 experiencias de 25 linguas europeas minorizadas, algunhas delas sen recoñecemento oficial ou con índices de falantes moi reducidos, como poden ser o voro (arredor de 50.000 falantes en Estonia) ou o casubio (tamén sobre 50.000 falantes en Polonia), só por poñer dous exemplos.

Comezou o encontro cunha ben interesante conferencia marco do catalán Xavier Vila sobre a variedade lingüística en Europa, na que foi facendo un repaso polo que chamou diversas revolucións ecolingüísticas ao longo da historia até chegar ao que el considera a 5.ª desas revolucións, na que estamos agora, que se podería caracterizar pola desaparición das linguas máis ameazadas, polo crecemento da diversidade por mobilidade (en cada cidade ou zona hai comunidades con linguas diferentes), por unha nova percepción do que é o bilingüismo e o plurilingüismo (por exemplo, antes na sociolingüística o bilingüismo tiña unha consideración negativa, de anomalía, e agora é algo socialmente positivo e incluso atractivo), ou polo retroceso do monolingüismo oficialmente militante, polo menos desde as políticas lingüísticas dos gobernos, pois a diversidade é politicamente correcta.

Unha chea de interesantes iniciativas das que aprender


Tras a conferencia de Xavier Vila, ao longo dos dous días presentáronse directamente máis de corenta iniciativas de case unha vintena de linguas, algunhas delas en sesións paralelas, polo que non era posible asistir a todas.

Mais non quero deixar de citar, ademais das do ámbito empresarial vasco ás que xa me referín, algunhas das máis curiosas, interesantes e/ou exportables. Pois ben curioso me pareceu, por exemplo, o caso das finlandesas Illas Aland (6.757 illas cun total de 28.000 habitantes), onde o sueco é a única lingua oficial e onde se utiliza o idioma para a protección e cohesión territorial, xa que para poder ter alí algunha propiedade hai que ter cidadanía finlandesa, vivir nas illas cando menos un ano e saber sueco. Dese xeito evítanse especulacións coas illas e favorécese á xente que quere quedar a vivir alí de verdade. Tamén me chamou a atención a Uema, unha mancomunidade de 76 concellos coa característica común de que todos teñen máis do 70% da poboación falante de éuscaro, e que foi creada co obxectivo de manter e incrementar o uso do euskara e de desenvolveren accións en común para a protección da lingua onde é maioritaria.

Imitables deben ser tamén as ganas e ideas de Iniciativa pol Asturianu, como por exemplo a súa proposta radio-televisiva Aldariques d’Asturies. E envexable a asociación-rede de Bilbo Zenbat gara elkartea, da que forma parte, por exemplo, o Kafe Antzokia, un espazo cultural en réxime de cooperativa (formada polas 35 persoas que traballan nel) con restaurante, sala de concertos, bar, etc., e co obxectivo da difusión e posta en valor do éuscaro.

E aínda que modestas, cómpre destacar, por entusiastas, iniciativas alí presentadas para o fomento do voro, casubio, alsaciano, frisón...

Tamén o galego pode iluminar outras linguas

A selección de proxectos de Hitzargiak (que se poden coñecer a través do web) non pretende ser un catálogo completo, senón unha escolla de exemplos de boas prácticas singulares que poden ser extrapolables a outras linguas. E, como en toda selección, é todo o que está, aínda que non estea todo o que é.

Así, foron seleccionadas desde a comisión delegada 12 experiencias de fomento do galego: Agasallo, Apego, Cantalingua, Club de debate, Clube da Lingua, Como cho digo ;-), A memoria da lingua, Gústame o galego, Modelo Burela, Portal das Palabras, Semente e Tíralle da Lingua. Destas, que se compartiron na páxina web e tamén mediante paneis no encontro físico, foron presentadas no congreso cinco: Apego (encargueime eu), A memoria da lingua (a través da proxección dun vídeo e dun texto feito por As Candongas do Quirombo), Modelo Burela (que presentou Bernardo Penabade), Portal das Palabras (do que falou Henrique Monteagudo) e as escolas de ensino en galego da Semente (que explicou Séchu Sende). Curiosa e significativamente non participou neste encontro de intercambio e aprendizaxe ningunha persoa representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e non foi seleccionada como exemplo de boa práctica ningunha das iniciativas do máximo órgano de goberno para o fomento e posta en valor do galego.

A importancia dos formatos e das persoas

Creo que as formas condicionan a comunicación e efectividade das intervencións e dos encontros e, en xeral, o formato de Hitzargiak foi ben xeitoso e do que temos que aprender para ir mellorando os cursos, encontros e congresos que facemos aquí. Conferencias de pé, debates ou mesas redondas en butacas e sen mesas diante que creasen barreiras co público, espazo agradable, apoios visuais e bos e grandes formatos, etc. E interesantes pausas para os contactos persoais. Cada día, á parte dos cafés e xantares conxuntos, unha hora do programa estaba reservada para os intercambios de experiencias no espazo do café, para que de maneira informal e distendida quen quixese puidese conversar coa persoa responsable dalgún proxecto, coa representante dalgunha entidade ou con calquera outra persoa para intercambiar impresións e experiencias. Espazo e encontro que permitiu moitos contactos e coñecer o traballo doutras persoas de primeira man.

Así foi como puiden coñecer, non sen un chisco de envexa, a Josu Herrarte, o técnico de normalización lingüística que ten por labor o de revisar o contido de todas as propostas normativas e de lei do goberno e do parlamento vasco antes de seren aprobadas, para propor incluír nelas medidas que favorezan o uso e posta en valor do éuscaro. Ou saber de Josu Iztueta, un coñecido aventureiro vasco que organiza viaxes polo mundo en autobús e furgoneta e, aló onde vai, interésase polas culturas e linguas minorizadas e que, polo tanto, tamén estaba neste encontro. Intercambiar impresións con William Cisilino, que xestiona un interesante proxecto para incentivar e axudar á transmisión do friulano desde o nacemento, sobre que cousas de Apego poderían mellorar o seu proxecto, e que cousas de Cressi cun plui lenghis poderían mellorar Apego. Ou tamén saber que hai concellos en Euskal Herria que teñen monumentos, árbores ou rúas dedicadas aos neofalantes. Falar con técnicos/as do euskara de concellos diversos. E intercambiar impresións con persoas traballadoras da lingua coñecidas xa de antes e que puiden atopar tamén aquí, como Andoni, Marije, Txerra, Iñaki... E é que para a normalización lingüística, as persoas son o fundamental.

Utiliza a nova

Enviar por Email  Enviar nova
Redes sociais  Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

Comentarios


Hemeroteca:  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023 2024

Avisos

    mes anterior
    Xuño de 2021
    mes seguinte
    Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
    L M M X V S D
      1 2 3 4 5 6
    7 8 9 10 11 12 13
    14 15 16 17 18 19 20
    21 22 23 24 25 26 27
    28 29 30     
    Próximos eventos

    • Asociate á CTNL
    • Agasallo. Propostas de regalos en galego
    • LGx15
    • Premios Mil Primaveras
    • Viveiro de propostas normalizadoras
    • En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL
    • Envianos
    • Canles de novas da CTNL
    • Facebook da CTNL
    • Twitter da CTNL
    • Instagram da CTNL
    • Kit para a normalización en rede
    • Proxector
    • Queremos Galego
    • Eu.gal: Por un dominio galego