02-12-2018A CTNL diríxese aos concellos de Outes e de Arzúa para que inclúan as súas prazas de TNL na próxima aprobación da RPT
Ante a aprobación inicial das relacións de postos de traballo de Outes e Arzúa, a CTNL dirixiuse a estes concellos para que inclúan neste documento unha praza de técnico/a de normalización lingüística. Desta forma poderían dar estabilidade aos SNL temporais destes dous concellos.
Tanto o
Concello de Outes coma o
Concello de Arzúa están nestes momentos en proceso de aprobación ou modificación das súas relacións de postos de traballo (RPT). E en ambos os casos
aprobaron textos iniciais sen incluír ningunha praza de técnico/a de normalización lingüística. Os dous concellos contan na actualidade cun SNL grazas ás axudas da Deputación Provincial da Coruña e da Xunta de Galicia; e levan varios anos con servizos de normalización lingüística inestables por mor das contratacións temporais do seu persoal técnico.
De acordo co artigo 38 da
Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, a
relación de postos de traballo “é un instrumento técnico de carácter público que inclúe todos os postos de traballo de natureza funcionarial e laboral existentes en cada unha das administracións públicas”. A través deste documento as entidades “
estruturan a súa organización, clasifican os postos de traballo existentes no seu ámbito e determinan o seu contido para a súa selección e provisión, procurando organizar, racionalizar e ordenar o persoal co obxecto de facilitar unha eficaz prestación dos servizos públicos.”
As entidades locais de Galicia teñen
entre as súas competencias a normalización lingüística, é dicir, a promoción do uso e o prestixio da lingua galega en todos os ámbitos de influencia da entidade. Así vén establecido na
Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e tamén o
aclararon recentemente a Dirección Xeral de Administración Local e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, mediante a redacción e difusión do
Informe sobre a prestación do servizo de normalización lingüística pola Administración local en exercicio de competencia propia.
As ferramentas de traballo das administracións públicas para exerceren as súas funcións son os
equipos técnicos especializados, tanto no departamento de urbanismo ou no de servizos sociais como no de lingua. É imprescindible un departamento técnico ou SNL estable, dotado de persoal e orzamento suficiente, para analizar a situación da lingua na entidade local, no municipio ou na comarca, asesorar a entidade en política lingüística e para
planificar, xestionar, executar e avaliar accións e programas de normalización lingüística que interveñan nas áreas prioritarias onde o galego perde prestixio ou utilidade. En definitiva, os servizos de normalización lingüística son necesarios para que os concellos poidan exercer de forma eficaz as súas competencias en normalización lingüística.
A aprobación ou modificación das relacións de postos de traballo de Outes e de Arzúa é unha
oportunidade para consolidar e dar estabilidade aos seus servizos de normalización lingüística, departamentos cos que xa veñen contando as entidades desde hai un tempo.
Xa que logo, a CTNL solicitou que se incluísen eses postos nas respectivas RPT e que se lles asignasen as
funcións que veñen establecidas nas convocatorias de axudas da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial da Coruña.
Escrito dirixido ao Concello de Outes, en .pdfEscrito dirixido ao Concello de Arzúa, en .pdf