06-02-2019Ordenanza municipal de uso, emprego e defensa do galego no Concello de Cerdedo-Cotobade
O
Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 6 de febreiro de 2019 publicou a aprobación definitiva da
Ordenanza municipal de uso, emprego e defensa do galego no Concello de Cerdedo-Cotobade, un texto aprobado no Pleno municipal o 29 de novembro de 2018.
Este texto declara o
galego como idioma oficial do Concello de Cerdedo-Cotobade, por ser lingua propia de Galicia, sen prexuízo da cooficialidade do castelán.
Ao longo dos seus
10 capítulos, 26 artigos e disposición derradeira, regúlase o uso do galego e a acción lingüística do concello no funcionamento do concello, nas relacións cos veciños e cidadáns, nas relacións institucionais, na documentación e actos públicos, na sinalización e a toponimia, e no cadro de persoal municipal. Tamén se establece a responsabilidade da corporación na defensa e impulso do galego e no cumprimento e seguimento da ordenanza.
SEN DEPARTAMENTO TÉCNICO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICAMalia felicitarmos o concello pola aprobación da ordenanza, observamos con estupor que o seu texto non fai referencia a ningún departamento técnico que asesore a institución na aplicación e desenvolvemento deste documento legal. Unicamente se menciona a eventual axuda dun Servizo de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia (
sic) para tarefas de corrección de documentos (artigo 14) e resolución de dúbidas (artigo 21).
Os servizos de normalización lingüística son os
departamentos técnicos dos concellos que teñen como finalidade impulsar o uso e o prestixio da nosa lingua en todos os seus ámbitos de influencia e, así, cumprir coa súa obriga legal e responsabilidade social de contribuír ao proceso de normalización lingüística. Esperamos que a ausencia de referencia a un SNL sexa unha eiva que se poida corrixir e non impida ao Concello de Cerdedo-Cotobade contar co departamento técnico necesario para planificar, xestionar, executar e avaliar a política lingüística municipal.
Ordenanza municipal de uso, emprego e defensa do galego no Concello de Cerdedo-Cotobade, en .pdf