14-02-2019Ordenanza para o impulso social da lingua galega no Concello de Catoira
O
Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 14 de febreiro de 2019 publicou a aprobación definitiva da
Ordenanza para o impulso social da lingua galega no Concello de Catoira.
Este texto legal declara o galego como
idioma oficial do Concello, idioma que empregará "en todas as súas accións, nas súas actuacións administrativas, na documentación, na comunicación social, e nas relacións coa cidadanía e con todas as entidades situadas en Galicia e con aqueloutras que admitan o galego para as actuacións administrativas".
A ordenanza do Concello de Catoira ten
20 artigos distribuídos en 13 capítulos (por erro numerados como 12). Ao longo do articulado, regúlase o uso do galego na atención ao público; na documentación e actuación administrativa; nas publicacións, accións informativas, formativas e actividades públicas; na compra de bens e materiais e encargo e contratación de servizos; na sinalización e rotulación; nas relacións con outras administracións; nas relacións coas empresas privadas; polo persoal ao servizo da Administración; e na toponimia e nomes de rúas, emprazamentos e edificios. Tamén se establece a responsabilidade do concello no impulso institucional do idioma, na calidade lingüística e no uso dunha linguaxe democrática e inclusiva.
SEN DEPARTAMENTO TÉCNICO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICAMalia felicitarmos o concello pola aprobación da ordenanza, observamos con estupor que o seu texto
non fai referencia a ningún departamento técnico que asesore a institución na aplicación e desenvolvemento deste documento legal. Os servizos de normalización lingüística son os departamentos técnicos dos concellos que teñen como finalidade impulsar o uso e o prestixio da nosa lingua en todos os seus ámbitos de influencia e, así, cumprir coa súa obriga legal e responsabilidade social de contribuír ao proceso de normalización lingüística.
Esperamos que a ausencia de referencia a un SNL sexa unha
eiva que se poida corrixir e non impida ao Concello de Catoira contar co departamento técnico necesario para planificar, xestionar, executar e avaliar a política lingüística municipal.
Ordenanza para o impulso social da lingua galega no Concello de Catoira, en .pdf