04-07-2019Regulamento do uso do galego no Concello de Portas
O Concello de Portas aprobou o seu
Regulamento do uso do galego. Tras a aprobación provisional o 8 de marzo de 2019 e logo da fase de información pública, publicouse definitivamente no BOP de Pontevedra do 4 de xullo de 2019.
O
Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 4 de xullo de 2019 publicou a aprobación definitiva do
Regulamento do uso do galego no Concello de Portas, un texto aprobado no Pleno municipal o 8 de marzo de 2019.
Este texto do Concello de Portas declara o
galego idioma oficial do Concello, por ser lingua propia de Galicia. Por tanto, establécese que "as actuacións administrativas realizadas en galego no territorio municipal terán plena validez e eficacia".
Ao longo dos seus
11 capítulos, 23 artigos e disposición derradeira, regúlase o uso oficial do idioma galego, o ámbito de aplicación do regulamento, o uso do galego na organización municipal; nas relacións coas/cos administradas/as; nas relacións institucionais; nos avisos, publicacións e actividades públicas; nos rexistros; na atención ao público; na toponimia, sinalización e rótulos; e na selección, provisión e reciclaxe do persoal. Tamén se establece a responsabilidade do concello no impulso institucional do idioma.
SEN DEPARTAMENTO TÉCNICO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICAMalia felicitarmos o concello pola aprobación deste regulamento, observamos con estupor que o seu texto
non fai referencia a ningún departamento técnico que asesore a institución na aplicación e desenvolvemento deste documento legal. Os servizos de normalización lingüística son os departamentos técnicos dos concellos que teñen como finalidade impulsar o uso e o prestixio da nosa lingua en todos os seus ámbitos de influencia e, así, cumprir coa súa obriga legal e responsabilidade social de contribuír ao proceso de normalización lingüística.
Esperamos que a ausencia de referencia a un SNL sexa unha eiva que se poida corrixir e non impida ao Concello de Portas contar co departamento técnico necesario para planificar, xestionar, executar e avaliar a política lingüística municipal.
Regulamento do uso do galego no Concello de Portas, en .pdf