CTNL

Actualmente non ten instalado ou necesita actualizar o plugin Flash Player necesario para visualizar correctamente esta web
pode descargalo na siguiente dirección.
Obtener Flash

A CTNL formámola... A CTNL formámola...
Recursos na rede Recursos na rede

Máis alá


11750 votos
Xa votaches!


11-06-2008

O Digalego, unha nova ferramenta para a tradución e para uso escolar

ANÁLISE: por Luz Cures Vázquez

Digalego. Dicionario de galego en liña Ir Indo
A editorial Ir Indo acaba de poñer en liña un dos dicionarios de galego máis completos cos que se conta hoxe en día, o que supón un gran paso para a nosa lingua.


Xa está colgado na rede o primeiro gran dicionario de galego en liña (www.digalego.com), o que contribúe a axilizar e rendibilizar o traballo de tradución (lonxe van quedando os tempos de carretar enormes dicionarios), así que me congratulo de que Ir Indo dese este paso en beneficio de todos.

O dicionario, ademais de ofrecer as diferentes acepcións, contextualízaas, indica sinónimos e antónimos, sinala os étimos da maioría dos vocábulos e tamén nalgúns casos a materia ou o ámbito no que se usa a voz:


A achega fundamental que destacaría no seu uso como dicionario monolingüe é que sinala o ámbito concreto para o que se usa a voz, posto que nos dicionarios de uso escolar en moitas ocasións a definición non se axusta ao contexto para o que se fai a busca. Este dicionario, de fácil acceso para o alumnado, cobre o baleiro que existía deica agora.

Por outra banda, como ferramenta de uso para a tradución, amplía o número de voces e de acepcións que ofrecían o da RAG e o VOLG, aínda que contradí nalgunhas ocasións estes últimos (que son o marco de referencia) e de novo se volven botar en falta algunhas voces de uso común.

Por exemplo, a palabra castelá entorno (en Matemáticas) no da RAG só aparece como medio (con outra acepción) e no Ir Indo non se documenta. O Vocabulario de matemáticas da USC recomenda utilizar veciñanza, pero en ningún dos dicionarios sae con esta acepción. Algo semellante acontece con croquis, esbozo, bosquejo e boceto, para as que ambos os dicionarios ofrecen esbozo e bosquexo, pero como sinónimas totais, o que supón un problema á hora de traducir material para os escolares.

Algún léxico que non se documenta ou que se resolve de maneira confusa e que é frecuente nos libros de texto é o correspondente ao castelán troquel, troquelar e familia (no contexto de recortable dos cativos), espumillón, papel pinocho (para traballos manuais); acotar, acotación e toda a familia, tanteo, tirolina... (nas mates); espolvorear, juliana, chuletón, chuletilla, chipirón, ensaladilla... (no léxico común da comida), etc. E por outra banda, palabras como pareo, catalejo ou palillos, para os que a RAG ofrece unha definición no canto dun termo equivalente, no Ir Indo tampouco se solucionan.

No que atinxe á toponimia hai tamén algunha discrepancia entre o VOLG e o Ir Indo, por exemplo, os neozelandeses e os flamengos son os habitantes de Nova Zelanda e Flandres, respectivamente, segundo o Ir Indo e de Nova Zelandia e Flandes segundo o VOLG.

Alén de ser un dicionario monolingüe, o Ir Indo en liña tamén nace como un dicionario plurilingüe, o que pode resultar moi útil para o traballo de tradución. Neste caso, o desexable sería que se lle fosen dando as equivalencias nas outras linguas ao carón de cada unha das acepcións. Unha vez que se comezou a obra, o ideal sería poderlle tirar todo o potencial que esta iniciativa ten, para que non quedase nun cruzamento de equivalencias noutra e noutras linguas. Véxase o seguinte exemplo:


En definitiva, a gran bondade deste dicionario é que deixa aberta a porta á colaboración dos usuarios e parece que se van atender as suxestións, o que é moi loable. Esta podería ser a grande oportunidade de incluír toda esa terminoloxía que se barallou e discutiu nos foros, nas roldas, a que xa se publicou en vocabularios e glosarios ou as fichas do Termigal. Dado que moitos incluso fomos elaborando bases de datos con léxico que se foi solucionando aquí e alá, a idea de poder ir engordando este dicionario en liña non pode deixar de alegrarme.

O xenial da rede é que se poden xuntar esforzos facilmente e, posto que incluír as bases de datos lexicográficas que xa se veñen manexando desde hai tempo parece o máis razoable, felicito a Ir Indo se realmente se vai realizar un traballo de revisión e mantemento continuado.


Ligazóns relacionadas

Digalego. Dicionario de galego en liña Ir Indo

Utiliza a nova

Enviar por Email  Enviar nova
Redes sociais  Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

Comentarios


Hemeroteca:  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023 2024

Avisos

    mes anterior
    Setembro de 2021
    mes seguinte
    Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
    L M M X V S D
        1 2 3 4 5
    6 7 8 9 10 11 12
    13 14 15 16 17 18 19
    20 21 22 23 24 25 26
    27 28 29 30    
    Próximos eventos

    • Asociate á CTNL
    • Agasallo. Propostas de regalos en galego
    • LGx15
    • Premios Mil Primaveras
    • Viveiro de propostas normalizadoras
    • En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL
    • Envianos
    • Canles de novas da CTNL
    • Facebook da CTNL
    • Twitter da CTNL
    • Instagram da CTNL
    • Kit para a normalización en rede
    • Proxector
    • Queremos Galego
    • Eu.gal: Por un dominio galego