15-05-2009A CTNL fai un chamamento á participación masiva na manifestación en defensa da lingua do 17 de maio
A CTNL apoia a manifestación convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística para o domingo 17 de maio para que a cidadanía poida expresar o seu apoio á defensa e promoción da lingua galega.
A entidade que agrupa aos/ás profesionais da normalización apoia tamén o comunicado “Unha lingua para todos”, da Real Academia Galega.
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), entidade que agrupa aos/as profesionais que traballan en normalización lingüística, apoia a
manifestación convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística que o domingo 17 de maio partirá ás 12.00 h da Alameda de Santiago de Compostela co lema
O galego, a nosa columna vertebral. O idioma que nos une!A CTNL apoiou tamén o
Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego, que hai uns meses impulsou unha serie de persoas representativas de diferentes ámbitos da sociedade galega e que foi apoiado xa por arredor de 500 entidades de todos os ámbitos e por arredor de 20.000 persoas a nivel individual. Neste texto é onde se recollen tamén as reivindicacións principais da manifestación do 17 de maio.
A normalización lingüística é un proceso social que debe ser asumido pola propia cidadanía, mais as administracións teñen a obriga e responsabilidade de apoiar e promover ese proceso. Por iso é importante a implicación cidadá, entre outras cousas, participando nesa manifestación do 17 de maio, para así reclamarlle á administración o apoio ao proceso social de normalización lingüística e solicitarlle que, en todo caso, non se poden ser pasos atrás.
MANIFESTO
UNHA LINGUA PARA TODOSA CTNL considera moi acertado e necesario o comunicado que a Real Academia Galega (RAG) fixo público recentemente,
Unha lingua para todos, na procura dun acordo social integrador a prol do uso, a dignidade e a continuidade do idioma galego, apoiado en catro principios básicos: arredar a lingua galega da controversia partidaria, impulsar a formación en multilingüismo, reafirmar e desenvolver o aprobado por unanimidade Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG) e impulsar a cooficialidade simétrica do galego.