CTNL

Actualmente non ten instalado ou necesita actualizar o plugin Flash Player necesario para visualizar correctamente esta web
pode descargalo na siguiente dirección.
Obtener Flash

A CTNL formámola... A CTNL formámola...
Recursos na rede Recursos na rede

Lingua


9005 votos
Xa votaches!


22-07-2009

Os/as escritores/as galegos/as lerán publicamente un manifesto a prol do galego

AELGAnte a creba do proceso de restitución á normalidade do noso idioma impulsada polo actual goberno galego, a Asociación de Escritores en Lingua Galega promoveu a creación dun comunicado que será lido en acto público o vindeiro 24 de xullo, ás 17.00 h, diante da estatua de Rosalía de Castro situada na Alameda de Santiago de Compostela.

Manifesto da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG)

¡Que a man tembrosa no papel só escriba
palabras, e palabras e palabras!


Señora e nai nutricia da palabra galega, vimos aquí os que por única ofrenda temos a palabra, para nos acoller na túa mirada xenerosa, aquela que alimenta o noso espírito e pon na nosa voz a verba xusta: a que berra, e protesta, e rebélase, e clama, e chía, e brada, e balborda, mais sen se laiar nin queixar, sen implorar nin pedir nin rogar porque de ti, da túa estirpe, herdamos e aprendemos o azo de nos revirar.

Porque revirados estamos contra unha xenreira que naceu en pechos corazóns contra a palabra de noso. Un odio que ameaza con derrubar o edificio que os séculos ergueron para acubillármonos como pobo e como xente.

Desde a AELG insistimos na importancia que, na Galiza, tivo e ten a literatura. Porque a nosa non é unha literatura xurdida da espontaneidade creativa, das vontades particulares de se expresaren por escrito xentes de pluma feliz: a nosa literatura é, ante todo, unha declaración de intencións. A nosa cultura é unha creación colectiva do pobo, unha ferramenta útil creada por labregos e mariñeiros, por costureiras e boticarios, nas aldeas e nas vilas, unha cultura que logo foi perseguida e condenada a ser identificada e estigmatizada, xunto á lingua que a nomea, como exclusiva das clases desfavorecidas, coa intención de a facer desaparecer definitivamente, e canda ela, o pobo noso e mais a identidade singular que representa.

Rosalía de Castro primeiro, e todos os escritores e as escritoras que despois dela ousaron reivindicar esta lingua minorizada e desprezada polo poder, elixiron asumir como propia unha identidade colectiva e ver nela a nación soñada. No noso caso, como é común nas nacións sometidas, a escrita fixo o pobo. Non só estamos hoxe a defender a lingua dos nosos maiores e o dereito a conservarmos a herdanza do pasado; estamos a defender a lingua para contribuírmos co noso oficio a que no futuro Galiza sexa.

¡Odio, fillo do inferno!,
pode acaba-lo amor, mas ti n’acabas,
mamoria que recórda-las ofensas.
Si, si,¡de ti mal haia!


A palabra fainos estar no mundo como o que somos, como galegos e galegas. Nin máis nin menos, nesa forma de fachenda que nace no peito cando un é, simplemente, o que é. E así alguén é no mundo porque a el pertence, e o mundo perténcelle. Por nacenza e por vocación só queremos e só podemos estar no mundo coma o que somos, coma galegos, e iso só é posíbel desde a nosa lingua. Somos escritores galegos pola palabra galega que nos define, non por ningunha outra razón.

E os escritores e escritoras, que tamén somos pobo traballador, sabemos da importancia da transmisión da lingua e de entendérmola como un proceso de construción partillado e consciente.

Non se pode ser galego contra o galego. Mesmo non é posíbel selo sen sentir no corazón o orgullo do idioma. Hoxe, cando o poder gobernante tenta abrir unha fenda na sociedade, esta conciencia debe defenderse máis do que nunca.

Cal si na infamia naceras,
torpe, de ti se avergonza,
i a nai que un fillo despresa
nai sin corasón se noma.


Escoitamos voces que, desde os propios lugares onde se agardaría que soasen as chamadas á protección, defensa e uso da nosa lingua, bradan, no entanto, ao mundo o seu desprezo. E fan todo canto alcanzan por borrala de nós, dos nosos fillos e fillas, furtándolles o dereito a nomear, que é o dereito a crear, a facer posíbel a existencia do bidueiro, do ouriol, do lóstrego, do trono, do soño…

Un soño negro que tolda as nosas noites, ese soño en que os nenos e as nenas medrarán ausentes da voz que os xerou, que os fixo fillos dunha terra, andantes dos seus camiños, soñadores dos seus versos. Que gañan con iso máis aló de faceren vencer o odio alí onde debía reinar a harmonía? Xente capaz de facer nacer unha guerra contra as palabras, as mesmas que teceron os máis fermosos cantos de amor, os cantos que ligaron para sempre a palabra amor coa palabra amigo, os dous máis poderosos antídotos para o veleno do odio e da xenreira. U‑lo o gaño, u‑lo o orgullo de dicir: “o meu fillo non sabe”? Que se pode agardar daqueles que celebran a ignorancia?

O galego non se impón; restitúese. A defensa do galego atinxe, sen dúbida ningunha, as persoas que recibiron o galego desde a primeira infancia, mais tamén, con todo o dereito, as criadas en español ou en calquera outra lingua que asumiron un día, nun exercicio de decisión que non tiña nada de oportunista e si moito de solidario, que era en galego como se querían construír. Para nos solidarizarmos cos desfavorecidos, para denunciarmos un proceso histórico de dominación, para berrarmos contra todas as opresións que teñen lugar no planeta, moitos galegos e galegas de nación estabelecemos coa lingua un pacto de fidelidade.

Meses das tempestades,
imaxen da delor
que afrixe as mocedades
i as vidas corta en frol.


Nada hai no mundo máis novo, máis recente, máis moderno ca unha lingua viva, vivida, falada. E nada hai no mundo máis antigo, máis decadente, máis morto e podre que o sentimento de desprezo pola diferenza. Cada lingua do mundo é unha flor que naceu para facer máis grande e máis largo o universo. Para enchelo co arrecendo das súas palabras únicas, porque só con elas cadaquén expresa os sentimentos que acubilla a súa alma. Por iso cada lingua é a medida do mundo enteiro, porque con ela vaise a todas partes e en todas partes é útil a bagaxe de sentimentos que transporta no corazón de cada falante. Non cortar esa flor significa permitir que o mundo se pareza a un xardín. Arrincala é axudar a medrar o deserto.

Todos os falantes conscientes somos aprendices. Con máis ou menos recursos, todos loitamos por nomear o mundo procurando limpar o noso galego de tantas formas foráneas, por devolvermos as vellas palabras esquecidas, por mantermos as construcións antigas que xa din só os avós, por recuperarmos os nosos apelidos, os nomes dos nosos lugares, por ensancharmos o campo de usos do galego falándoo e escribíndoo para actividades prestixiosas, para a investigación, a tecnoloxía e o lecer, coa mesma naturalidade con que o coñecemos para as actividades domésticas ou para os labores agrarios. A lingua non nos veu unicamente, logo, da familia de nacemento, nin sequera no caso dos que levan desde o nacemento falándoa, senón que é unha relación escollida... coma a amizade..., coma o amor.

¡Como venden a carne no mercado.
vendeute o xurafás!


Apoiamos a restitución histórica do que nunca nos debera ser subtraído porque aceptamos que moito perdemos todos os seres humanos cada vez que se relega unha forma de contar a realidade, unha lingua, para se render á hexemonía das linguas máis poderosas e máis faladas do planeta. Moi miserábeis seremos de deixarmos precisamente a nosa ficar muda no camiño do progreso.

Reivindicarmos unha maior presenza do noso idioma, defendermos a súa aprendizaxe e coñecemento, non responde a intereses particulares senón a unha intención ética de compromiso contra toda lóxica de dominio. Por iso queremos galego para nós e para @s que veñan despois. Mesmo queremos galego para @s outr@s. Reducirmos o galego no ensino até ficar no anecdótico, minusvalorarmos o seu coñecemento para exercer na administración, é adoptarmos unha óptica de colonizados dispostos a traballar canto cumpra para patrón alleo. Se o galego non asume un papel fundamental en todos os niveis educativos, @s fill@s dos outros, dos que hoxe aceptan pregarse ao español, ao inglés ou a calquera outro xigante, xa non terán na súa man a posibilidade de libremente decidir, de seren mañá galegos e galegas conscientes.

Por iso, señora da nosa voz, da nosa palabra e do noso alento, estamos aquí para nos conxurar en loita contra quen queira varrer a nosa palabra. Para mostrar a nosa fortaleza, para asegurar que nunca faltará un home, unha muller que lle cante e fale aos fillos, aos netiños, na nosa lingua, que o faga co agarimo de quen transmite un ben valioso e coa rabia de quen se resiste a perecer, esa rabia da que nace a paixón e a loita. Como dixeches ti, xa vai para cento trinta anos:

Si, si, rabear ben forte,
mas ca rabia picante e aguilloeira
que é salsa apetitosa das paixoes.

Utiliza a nova

Enviar por Email  Enviar nova
Redes sociais  Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

Comentarios


Hemeroteca:  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023 2024

Avisos

    mes anterior
    Marzo de 2024
    mes seguinte
    Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
    L M M X V S D
            1 2 3
    4 5 6 7 8 9 10
    11 12 13 14 15 16 17
    18 19 20 21 22 23 24
    25 26 27 28 29 30 31
    Próximos eventos

    • Asociate á CTNL
    • Agasallo. Propostas de regalos en galego
    • LGx15
    • Premios Mil Primaveras
    • Viveiro de propostas normalizadoras
    • En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL
    • Envianos
    • Canles de novas da CTNL
    • Facebook da CTNL
    • Twitter da CTNL
    • Instagram da CTNL
    • Kit para a normalización en rede
    • Proxector
    • Queremos Galego
    • Eu.gal: Por un dominio galego