CTNL

Actualmente non ten instalado ou necesita actualizar o plugin Flash Player necesario para visualizar correctamente esta web
pode descargalo na siguiente dirección.
Obtener Flash

A CTNL formámola... A CTNL formámola...
Recursos na rede Recursos na rede

CTNL


7383 votos
Xa votaches!


30-01-2008

Valoración xeral da CTNL dos orzamentos da Secretaría Xeral de Política Lingüística para o ano 2008

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) considera os orzamentos para 2008 da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) continuístas con respecto a anos anteriores xa que non supoñen un avance real da política de fomento da lingua doutras lexislaturas.

A subida do orzamento total da SXPL en 2008 con respecto a 2007 está moi por debaixo da subida do orzamento xeral da Xunta. Mentres as contas totais da administración galega medran un 7,3%, as da SXPL fano tan só nun 1,01%, o que indica, en termos relativos, unha tendencia claramente descendente. Isto é, a porcentaxe de cartos destinados ao fomento da lingua por parte da Xunta en 2008 con respecto ao total é inferior que a destinada para ese mesmo fin en 2007.

Aínda a pesar disto, o máis problemático destes orzamentos non é a relativa tendencia descendente, senón a distribución que se fai deles, pois é nos orzamentos onde mellor se reflicten as prioridades, as políticas, o que se quere facer de verdade. Polo tanto, neste caso, é nestas contas onde mellor podemos ver cales van ser as liñas xerais da política de fomento da lingua en 2008.

Destínase a nada desprezábel cantidade de 2.900.000 euros (a mesma que en 2007) para cursos e actividades dunha formación centrada só na competencia e nin sequera aproveitada para traballar na sociedade usos, valores e actitudes sociolingüísticas, ademais doutras partidas máis pequenas e específicas tamén para formación, sen crear para iso ningunha estrutura técnica estábel nin profesionalizada, cando con esa mesma cantidade se podería crear un corpo de docentes ben amplo e estábel dunhas 70 persoas.

O Centro Ramón Piñeiro segue a depender dos orzamentos que, en teoría, deberían ir destinados á promoción do uso e prestixio do galego, cando ese é un centro de investigación en humanidades que non dirixe a súa actividade ao fomento da lingua, polo que o seu orzamento non debería saír do da política lingüística. Nas contas públicas destínanse 465.000 euros para bolsas de investigación e 63.106 euros para estadías no Ramón Piñeiro. Ademais, dedícanse 1.450.000 euros para estudos e traballos de investigación.

Continúa habendo a cantidade de 3.400.000 euros (igual que en 2007) para convenios con medios de comunicación, cuns resultados, até o de agora, totalmente invisíbeis. Estes cartos nin sequera son destinados só aos medios de comunicación en galego, senón que se reparten, en teoría para fomentar o uso da nosa lingua na prensa, entre xornais galegos e estatais nos que a lingua galega ten unha presenza totalmente residual e, nalgúns casos, incluso un tratamento pexorativo.

Destínanse 5.712.374 euros (igual que en 2007) a campañas de normalización lingüística, que deberían ser moito máis rendíbeis do que até agora e que deberían planificarse para acadar resultados concretos no incremento do uso do galego nos sectores e ámbitos nos que se centren. Ademais, deberían facer partícipes destas campañas os servizos de normalización lingüística xa existentes por todo o país, debería contarse cos traballadores e coas traballadoras de normalización para a súa implementación e deberían coordinarse accións para poderen ser desenvolvidas en todo o territorio.

A cantidade destinada para o Consorcio de Planificación Lingüística (CPL) –que debería ser o organismo fundamental de implementación da política lingüística no noso país–, é moi inferior ao doutras partidas de moita menos importancia, repercusión e estabilización para o fomento da lingua. Dedícanse 640.936 euros no capítulo 4 (transferencias correntes) a consorcios de planificación, investigación e dinamización da lingua (polo que para o CPL só será unha parte desa cantidade) e 247.851 euros no capítulo 6 (transferencias de capital)1. Isto é, destínase ao que debería ser o principal organismo estábel de implementación da política lingüística unha cantidade mínima ao lado doutras partidas como, só por poñer algúns exemplos, a estudos e traballos de investigación (1.450.000 euros), actividades de formación (2.900.000 euros), convenios con medios de comunicación (3.400.000 euros), etc., e incluso inferior que a partidas non destinadas á promoción do uso e prestixio da lingua no noso país que, polo tanto, non deberían saír destes orzamentos, como bolsas do Centro Ramón Piñeiro (465.000) ou creación de lectorados en universidade de fóra de Galiza (454.162 para creación de lectorados e centros galegos, 270.000 para bolsas nos lectorados e 145.000 para transferencias a universidades do resto do Estado).

Mentres tanto, para o fomento do uso do galego desde as corporacións locais a cantidade non aumenta nada con respecto a 2007, e mantéñense os 648.030 euros. Esta partida debería ser moito maior e debería servir para potenciar a creación de estruturas estábeis de intervención social para o fomento do uso do galego entre o conxunto da cidadanía desde os concellos. Isto é, para a creación e estabilización de servizos de normalización lingüística territoriais dotados de recursos materiais e humanos e con capacidade de intervención no conxunto da sociedade (mentres non se cree o xa anunciado para 2007 Consorcio de Planificación Lingüística e mentres del non poidan formar parte todos os concellos que libremente queiran adherirse para así ir creando estruturas comarcais de planificación e intervención lingüística que traballen de xeito coordinado).

Por outra banda, as contas públicas seguen sen recoller un reforzamento cualitativo da estrutura da SXPL. En 2005 pasouse acertadamente dunha dirección xeral dependente da Consellería de Educación a unha secretaría xeral dependente da Presidencia, mais a estrutura e o persoal técnico do departamento segue a ser o mesmo, polo que é preciso un reforzamento notorio, con algunha dirección xeral, novas subdireccións, novos servizos e máis persoal técnico para a planificación lingüística.

En definitiva, desde a CTNL consideramos que a cantidade total dos orzamentos para a política lingüística, 23.247.547 euros2, debería ser maior. Aínda así, o principal problema non é a cantidade, senón as accións concretas ás que se destina e a orientación xeral destes orzamentos non centrados nin destinados na súa maior parte ao que debería ser o seu único obxectivo: o incremento do uso e prestixio da lingua galega no noso país.

(1) Nos orzamentos de 2007 incluíase unha cantidade de 200.000 euros para o Consorcio de Planificación Lingüística e outra de 149.301 euros para o Consorcio de Termigal, cantidades que, ao non se constituíren ningún deses dous consorcios en 2007, non se destinaron a ese fin. ^

(2) Os orzamentos completos da Secretaría Xeral de Política Lingüística para 2008 poden consultarse no web da Consellería de Economía e Facenda. ^


Ligazóns relacionadas

A CTNL mantén que os orzamentos de Política Lingüística “non supoñen un avance real” [Vieiros] Critican que Política Lingüística ten uns orzamentos Os traballadores de Política Lingüística analizan os orzamentos dedicados ao noso idioma [Culturagalega.org]

Utiliza a nova

Enviar por Email  Enviar nova
Redes sociais  Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

Comentarios


Hemeroteca:  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023 2024

Avisos

    mes anterior
    Novembro de 2022
    mes seguinte
    Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
    L M M X V S D
      1 2 3 4 5 6
    7 8 9 10 11 12 13
    14 15 16 17 18 19 20
    21 22 23 24 25 26 27
    28 29 30     
    Próximos eventos

    • Asociate á CTNL
    • Agasallo. Propostas de regalos en galego
    • LGx15
    • Premios Mil Primaveras
    • Viveiro de propostas normalizadoras
    • En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL
    • Envianos
    • Canles de novas da CTNL
    • Facebook da CTNL
    • Twitter da CTNL
    • Instagram da CTNL
    • Kit para a normalización en rede
    • Proxector
    • Queremos Galego
    • Eu.gal: Por un dominio galego