29-11-2010LinguaGalega.tv. Unha tele na rede para a promoción da lingua galega
A empresa Acuarela Comunicación acaba de poñer en funcionamento LinguaGalega.tv, un espazo na rede para crear e difundir contidos que promovan o uso e o coñecemento da lingua galega e para elaborar unha programación que reflicta as diversas accións de promoción lingüística que se desenvolven desde distintos ámbitos
Os obxectivos de
LinguaGalega.tv son, segundo se sinala no seu propio web:
– Producir contidos televisivos que promovan o uso e o coñecemento da lingua e cultura galega.
– Elaborar unha programación que reflicta as diversas accións de promoción da lingua galega que se desenvolven dende as administracións públicas: Secretaría Xeral de Política Lingüística, universidades, deputacións, concellos. Prestarase, ademais, un especial interese ao ámbito da emigración e á participación dos colectivos cidadáns comprometidos coa lingua galega: os SNL das diversas institucións, editoriais, produtoras de cine e TV, compañías de teatro, movemento asociativo, etc.
En LinguaGalega.tv pódense ver xa os primeiros capítulos de programas como
Lingua, cámara, acción e
A lingua galega na sociedade, que se emiten coa colaboración da SXPL; e de
Lembranzas e reflexións e
Falemos de cine.
Esta canle de televisión na rede conta coa colaboración da SXPL, da ANL da Universidade de Vigo e da Deputación da Coruña.