19-12-2011Publícase o Dicionario de Química en galego
A Universidade da Coruña publica o Dicionario de Química, unha nova ferramenta lingüística de máis de 400 páxinas e coa definición de máis de 7.000 termos e apéndices con información complementaria de interese
O Servizo de Publicacións e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña veñen de publicar o
Dicionario de Química da autoría de Ramón Vilalta, Juan José Guillín Fraga e Antonio Varela Caamaño.
Esta nova obra terminolóxica en lingua galega, de máis de 400 páxinas, contou co asesoramento lingüístico e terminolóxico do SNL e dispón dun lemario de máis de 7.000 termos con cadansúa definición, ademais de apéndices con información complementaria de interese (táboa periódica, glosario plurilingüe galego-castelán-inglés-portugués, escolma gráfica de material de laboratorio, etc.).
Os tres autores deste volume xa publicaran no ano 2005 un Dicionario de Física en lingua galega, de modo que con este segundo dicionario cobren novamente un baleiro importante na terminografía galega no ámbito das ciencias experimentais.
Con esta obra a Universidade da Coruña fai a súa achega ao Ano Internacional da Química.
Mostra do dicionario, ficha e máis información, aquí >