CTNL

Actualmente non ten instalado ou necesita actualizar o plugin Flash Player necesario para visualizar correctamente esta web
pode descargalo na siguiente dirección.
Obtener Flash

A CTNL formámola... A CTNL formámola...
Recursos na rede Recursos na rede

Máis alá


11189 votos
Xa votaches!


26-12-2011

“O discurso que non supera os obstáculos para chegar a quen queremos chegar, vólvese endogámico”

CONVERSA CON TXEPETX

José María Sánchez Carrión "Txepetx"
Despois de nove anos sen publicar nin intervir publicamente, o sociolingüista José María Sánchez Carrión, “Txepetx”, participou no VII Curso de verán sobre dinamización lingüística. (Re)Pensando o discurso, organizado pola Universidade da Coruña, en colaboración coa CTNL, e que tivo lugar no mes de xullo en Carballo. Txerra Rodríguez e Marije Manterola conversaron con el durante o curso


José María Sánchez Carrión, “Txepetx”, un dos sociolingüistas do ámbito vasco máis recoñecido e con maior influencia no proceso de normalización lingüística en Euskal Herria, autor de, entre outras obras de referencia, da fundamental Un futuro para nuestro pasado, interveu na sétima edición do Curso de verán sobre dinamización lingüística, co relatorio “(Re)Pensando o discurso: propostas integradoras para a normalización lingüística”. Nas próximas semanas, a Universidade da Coruña, organizadora do curso en colaboración coa CTNL, presentará Unha outra guía para a intervención lingüística, publicación que recolle, entre outros traballos, as distintas intervencións deste curso.

En Carballo, Marije Manterola e Txerra Rodríguez conversaron con Txepetx, e publicaron a entrevista en éuscaro. Agora difundimos aquí, traducida a galego, parte desa conversa.


Marije e Txerra: Leva tempo sen intervir publicamente, mais a pesar diso seguiu a reflexionar. Rematou o tempo de silencio?

Txepetx: Traballei moito durante estes anos, en silencio e desde o silencio. Principalmente relacioneime con xente que transitaba nese tramo do camiño da linguaxe da vida. Estiven na India, relacioneime moito con pobos indíxenas (eles tamén son partidarios do silencio), traballei con distintos investigadores (entre outros, Iñaki Larrañaga, Alain Masson, Nidia Arrobo, sabios indíxenas de Colombia...), etc. Neste momento dou por rematado ese camiño do silencio? Non o creo.


En xeral, como ve a situación en Euskal Herria?

En Euskal Herria existe un mecanismo que funcionou correctamente, un mecanismo de transmisión: o mecanismo de pasar do pensamento á acción. Se se compara a idiosincrasia latina coa euscaldún, os latinos están moi acostumados a pensar (a filosofía inventouna Grecia), mais non tanto a levar o pensamento á acción (o pragmatismo inventárono os pobos do leste de Europa).

Os euscaldúns, ao estaren entrambos, non necesitaban tanta vestidura teórica, e cando entendían algo sentían un impulso por probaren como o podían levar a cabo. Nun tempo sucedía así. En cambio, posto que agora se estendeu un “pensamento light” (a chamada globalización), os psicomoldes sociais fóronse uniformando por todas partes.

Que é o que non funcionou? O camiño que hai entre o pensamento creador e o pensamento aplicado. No ensaio A ecoloxía das linguas, dicía que “a motivación racional é o motor do cambio lingüístico”. En calquera caso, moitas das teorías que defendemos utilizáronse como veleno en lugar de como cura. Por que? Para aplicar a motivación racional debes ter curado o odio irracional.

Moitas feridas e desencontros pechan o camiño da motivación racional. Se a motivación racional se confunde co sentimento irracional subxacente, deixa de ser racional e convértese en irracional. Por iso mesmo, con frecuencia parecidas palabras expresan cousas moi diferentes.

O problema é que esa motivación necesaria para avanzar sempre ten nome e apelidos. Algúns con marca política, outros con outras marcas, e outros sen marca.

En Euskal Herria sucederon dúas cousas que atrancaron o camiño: por un lado, os que tiñan marca puxeron os seus intereses de marca sobre os intereses lingüísticos e, por outro, esta sociedade que se converteu bipolar restoulle peso social ou non llo deu a quen andabamos sen marca.

Na década dos 90 dabamos cursos sobre este discurso: a maioría da audiencia eran persoas técnicas ou funcionarias. Non existe camiño se convertemos o éuscaro en idioma de funcionarios, se non se lles fai chegar que, como falantes comúns, as nosas formulacións tamén achegan aire.

Esa foi unha das razóns (non a única) polas que o proceso de transmisión se interrompeu.

O discurso que non supera os obstáculos para chegar a quen queremos chegar, en lugar de socializarse, vólvese endogámico.


No relatorio dixeches que o éuscaro se usa cada vez máis, pero para dicir cada vez menos. A nosa comunidade estase convertendo nunha comunidade lingüística sen corazón, e o éuscaro avanza nas funcións formais, mais, en cambio, nas informais, nas íntimas, non.

O éuscaro, o galego e o catalán están nunha constante semellante: son linguas intermedias, rápidas, mais non de talento, hai pouco creador/produtor de talento e moito intermediario rápido. O que sucede no ámbito político-económico sucede tamén coa lingua.

A economía está en situación de colapso, e hai que ser ocorrente para superar a situación; o mercado xusto acompaña á vida, actúa con produtos sen contaminar. As tendas pequenas non poden facerlles fronte ás grandes, a supervivencia dos intermediarios empobrece os produtores.

En Iparralde a pastoral é un bo exemplo: é un medio para manter a lingua viva. Crea relacións, mantén o idioma, é un método para aprender a lingua. Na aprendizaxe créase cohesión, todas as persoas son parte. A cohesión vén do uso. Hai que construír desde a base dese coñecemento. E o coñecemento lógrase. E iso debe crear transmisión dun xeito natural. Aí non hai diglosia interna entre variedade de Iparralde e lingua estándar.

Se contas con esa vestidura, podes crear pontes. Se non, non. Por exemplo, os que crearon os bertsolaris [‘improvisadores’, ‘regueifeiros’, ‘versificadores’]. Eses modelos flexíbeis desprazaron os modelos ríxidos; ademais, os modelos ríxidos expresan carencia e pobreza. Polo contrario, o modelo flexíbel crea pluralidade. Se se aplica “ou isto ou nada”, a motivación racha.


Con respecto ao uso, a mocidade é fonte de preocupación...

En case todos os ámbitos sociais falta relevo. Por que non existe relevo? Os mecanismo que hoxe temos para transmitir a información (escola, prensa, partidos políticos...) son os que se crearon no século XIX, creados pola xente do século XIX, para a xente do século XIX. O tempo acelerou o deterioro da información e da terra. Cando nos poñemos en lugar do outro decatámonos de que estamos vendendo lixo. Á mocidade hai que lle facer preguntas. A primeira pregunta é a seguinte: cal é o teu soño? Segunda: nese soño teu hai sitio para todos? E, se a resposta é afirmativa, a terceira pregunta: que ferramenta necesitades de nós para iso? E das ferramentas posíbeis, cal podemos ofrecer que estea na nosa man?

A lingua debe valer para gozar e o proceso de asumiren e usaren a lingua propia débeno realizar os propios mozos e mozas, convertidos en protagonistas das súas vidas, como o fomos nós das nosas.


Tendo en conta que non existe un bilingüismo equilibrado permanente e que vivimos en constante negación da lingua, como organizar os territorios (espazos xeográficos), reparto de funcións das linguas, dereitos/obrigas das persoas/falantes e a necesidade de hexemonía das linguas minorizadas? O principio aquel de “en cada territorio unha lingua, e unha lingua en cada territorio”, é posíbel neste tempo de globalización?

O pobo lingüístico necesita un enclave físico, mais non é o seu único espazo. O espazo virtual tamén é o espazo dunha lingua. Todas as funcións do éuscaro se poden realizar en éuscaro, hoxe por hoxe, en Australia. Isto débenos eliminar un obstáculo de hai tempo, un obstáculo de hai 30 anos: o medo que provoca a inmigración é, pois, esaxerado.

En lugar de copiar modelos débense impulsar os modelos propios, sen perder o que tiñamos, o básico. Nalgunhas vilas da costa de Levante conviven numerosas linguas (nun que coñezo ben, por exemplo, 35 linguas: de Europa, África e Asia). As persoas que están ao final das súas vidas non aprenden outra lingua, viven na súa comunidade. Válense das persoas bilingües (normalmente os netos) para satisfacer as súas necesidades. Eses nenos e nenas polo menos utilizan tres linguas. Observar a vantaxe que confire esa postura respecto a esas lingua é o que máis inflúe entre os inmigrantes.

Co tema da crise, en moitos grupos da sociedade estendeuse unha tendencia pesimista. Mais eu valoro moi positivamente a nova situación en que nos atopamos: porque a única saída que existe agora debe ser para todas e todos.

As leis de cultivo, non, mais os alimentos si teñen data de caducidade. As ideas sociolóxicas tamén. As leis científicas, en cambio, non. Hai unha parte na miña teoría que non caduca, porque era aplicábel a unha sociedade que xa non existe. Por iso non todo o que era válido hai 25 anos o sigue a ser agora. Actualmente non é válida ningunha solución particular que non sexa válida para calquera outra persoa ou nación. Ou, o que é o mesmo, a escaleira de funcións lingüísticas non se pode equilibrar nin sequera nun só chanzo se hai un que non estea equilibrado (e un destes chanzos é a persoa individual, e o outro a humanidade no seu conxunto).

O principio aquel do seminario “Adorez eta atseginez” (en cada territorio unha lingua, e unha lingua en cada territorio), xa non é posíbel nin conveniente.


No discurso a favor da ecoloxía e da pluralidade lingüística, como se ligan os dereitos dos falantes e o dereito da supremacía ou hexemonía das linguas minorizadas?

Para entender iso non hai outra vía que saír do modelo mental dicotómico (“ou ti ou eu”) e integrarse no modelo mental integral (“ti e mais eu”). Mais iso, normalmente, non acontece, non, cando menos, se non existe un cambio de conciencia. Concretando: non acontece se non se activa a conexión entre corazón e cabeza. Mentres se quere dar, como din os mexicanos, “un tiro ao goberno e outro á revolución”, sacar tallada de opcións mutuamente incompatíbeis como, por exemplo, extorsionar financeiramente o cidadán particular e, en cambio, cando se arruinou a propia entidade financeira, sacala a flote cos cartos de todos; ser socialista con capitalistas e capitalista cos socialistas, ser pobre cos ricos e rico cos pobres, urbanita cos de aldea, e de aldea co urbanita, occidental co indíxena e indíxena co occidental, comprar barato desvalorizando o produtor e vender caro abusando do comprador, etc., etc., etc., non hai saída. O tempo dos aproveitados xa rematou. O mundo necesita outra intelixencia. A intelixencia audaz e consecuente consigo mesma. Niso xa non hai, non pode haber, “excepcións particulares nin nacionais”.


Que discurso utilizaría cos castelanfalantes?

“Tratade á xente en todo conforme queredes que vos traten a vós” (Mt 7, 12). Este principio non ten data de caducidade. E é de dobre dirección. Non é unicamente un principio de civilización cristiá (que é, dito sexa de paso, a que inventou a igualdade de todos ante a lei e, a partir dela, a democracia como forma de funcionamento político). É un principio que é unha lei de vida. Está formulado tamén en Confucio, por certo, na súa forma completa: “Non lles fagas aos demais o que non queres que che fagan a ti e non te fagas a ti o que non lles farías aos demais”.


Carballo, 20 de xullo de 2011

Utiliza a nova

Enviar por Email  Enviar nova
Redes sociais  Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

Comentarios


Hemeroteca:  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023 2024

Avisos

    mes anterior
    Marzo de 2024
    mes seguinte
    Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
    L M M X V S D
            1 2 3
    4 5 6 7 8 9 10
    11 12 13 14 15 16 17
    18 19 20 21 22 23 24
    25 26 27 28 29 30 31
    Próximos eventos

    • Asociate á CTNL
    • Agasallo. Propostas de regalos en galego
    • LGx15
    • Premios Mil Primaveras
    • Viveiro de propostas normalizadoras
    • En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL
    • Envianos
    • Canles de novas da CTNL
    • Facebook da CTNL
    • Twitter da CTNL
    • Instagram da CTNL
    • Kit para a normalización en rede
    • Proxector
    • Queremos Galego
    • Eu.gal: Por un dominio galego