01-02-2012Naceu Praza Pública, novo xornal electrónico en galego
Xa está na rede Praza Pública, un novo medio de comunicación dixital en galego que se presenta como "o xornal da Galicia que vén"
Logo do peche de varios medios en galego, desde o 1 de febreiro o noso país por fin conta cun novo,
Praza Pública, ao que se pode acceder a través de
www.praza.com ou
www.prazapublica.com.
Praza Pública conta con sete grandes seccións: Política (galega e estatal); Mundo; Movementos sociais, ecoloxía, economía solidaria, consumo; Cultura; Economía; Deportes; e Ciencia e Tecnoloxía e Internet.
A entidade promotora do proxecto é a Fundación Praza Pública, que ten como fin prioritario "o fomento da información e o debate públicos como forma de contribución ao exercicio cívico da cidadanía galega, ben como a promoción da cultura e da lingua galegas". O núcleo de redacción está formado por Marcos Pérez, Lara Graña e David Lombao. Conta, ademais, coa colaboración dun numeroso grupo de xornalistas e son moitas as persoas que colaboran na sección de opinión.
Desde o punto de vista tecnolóxico, trátase dun xornal deseñado integramente para o estándar de HTML5, que aproveita todos os recursos dispoñíbeis na rede, e emprega software libre.
Desde a CTNL felicitamos de xeito entusiasta esta iniciativa, así como as próximas que está anunciado que nazan:
Dioivo e
Sermos Galiza.