22-05-2012El veloz murciélago hindú comía feliz cardillo y kiwi...
OPINIÓN: Por Alba Cid Fernández
Que dis? Como pode resultarnos familiar esta frase? O certo é que a feliz actividade do morcego entrou nas nosas vidas ao pasarmos polo trance de instalar unha tipografía en Linux ou Windows. E por que esta escolla?...
...A resposta é sinxela: a fórmula, incompleta enriba, é un pangrama, intenta empregar todas as letras posíbeis do alfabeto dun idioma co menor número de palabras.
Activando o noso senso crítico, invítovos a lembrar unha previsualización dunha fonte tipográfica en galego...
Eh!? Efectivamente: algún pangrama temos, pero non está rexistrado na nosa memoria, ao contrario do que acontece co exemplo castelán ou inglés (o portugués recorre á orde alfabética). Habítanos a interferencia. No eido lingüístico, moldéanos a interposición. Parece que nos vemos obrigados a perpetuar o esixente xogo dos pangramas: reducir palabras, fraseoloxía, ámbitos de uso, imaxinarios...
A “liberdade” é a primeira interferida: cal é a marxe de escolla dunha cativa nada nun contexto monolingüe castelán, que medrará apoiada nun mundo de referencias vehiculadas masivamente na súa lingua (ensino, consumo, medios de comunicación...)? Canto de intersticial ten a liberdade dun empregado nunha empresa cunha política lingüística non favorábel ao galego, se sabemos que o traballo é unha das concrecións da vida máis propicia ás relacións de poder?
A “herdanza” non está menos interferida: a perda da transmisión xeracional do galego demóstrao. A lingua materna é o vehículo privilexiado da articulación familiar e histórico-cultural. “Empalabrámonos” e accedemos á memoria xenealóxica, á identidade, ao mundo. Resulta vital non recuar nos espazos da intimidade para a lingua, que foron noutrora esteo do galego.
Nos últimos anos, tamén os discursos están interferidos. Asistimos a unha apropiación interesada e "contraria" dos termos do debate: “bilingüismo”, “liberdade” e “imposición” empréganse como frechas contra o galego, cando deberían tensarse, redefinirse e enunciarse lexitimamente desde os músculos do idioma minorizado. Algunhas institucións e grupos sociais seguen a producir normas e etiquetaxes falaces. Ante isto, cómpre tomar consciencia de que a linguaxe como intercambio, como enorme Lego da(s) realidade(s), é unha forma de acción. As linguas non só son trazo básico da sociabilidade, senón que son produtos. Precisamente por iso é responsabilidade nosa religarnos a outras metas de xustiza a través da lingua escollida. Coma Lois, temos "permiso para que nada humano nos sexa alleo": a loita das mulleres, a do medio ambiente, a dos dereitos humanos...
Lealdade (tamén lingüística) e identidade son fenómenos intimamente relacionados: somos leais a aquilo que nos representa. Pero a proximidade aos afectos non impide a racionalidade nin a pluralidade. A sedución si é unha arma cargada de futuro. O canibalismo intelixente das interferencias, tamén. Por iso quero unha “interminábel procesión” de Xeracións Xabarín,
Albas de Groria con máis punk que saudade, moitas follas novas na rede e nas rúas, unha sociedade galega de lomografía e aulas de literatura que gañen hagstags para Manoel Antonio ou Celso Emilio. Quero que sigan xurdindo voces para as indicacións do GPS, que o galego ocupe o
cool e as marxes, a cultura popular e a pop, que sexa enclave crítico e tendencia a un tempo.
Oes... faite tan atractivo unha boa fonética! Se me deixas, bícote
bravú e regueifo contigo os pangramas que virán. Os únicos xogos de lingua nos que “reducir” é aceptábel.
Accésit no VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2012
[O artigo publicouse nos seguintes medios na rede:
Praza Pública e
Tempos Novos, ademais de en distintos medios en papel]