25-05-2012O .gal, cada vez máis preto, presenta a candidatura para termos dominio galego en internet
A candidatura para un dominio de Internet de primeiro nivel para a lingua e cultura galegas (.gal) está a piques de presentarse ante a ICANN, o ente que goberna os enderezos de Internet. O próximo martes 29 de maio será presentada publicamente na Cidade da Cultura
A ICANN, o ente que goberna os enderezos de Internet, pechará o prazo para remitir as propostas o próximo día 30 de maio, e a Asociación puntoGAL xa completou todos os trámites económicos, técnicos e administrativos para a solicitude do
.gal.
Isto foi posíbel grazas ao traballo da
Asociación puntoGAL, ao apoio dos máis de 100 socios/as e ás máis de 12.000 persoas que asinaron en liña.
Con este motivo, puntoGAL organiza unha presentación e unha mesa redonda o martes 29 de maio ás 12.00 h no auditorio da Cidade da Cultura. Nela participarán, entre outros, representantes da Fudació Puntcat (que xestiona o .cat), EGANET, Asociación Galega de Editores e Código Cero.
O acto servirá para explicar os prazos do exame da ICANN e as futuras formas de rexistro do .gal.
Desde puntoGAL sinalan que é fundamental "visualizar ben a forza social que hai detrás do
.gal, algo que será determinante para superar o exame da ICANN e, posteriormente, facer do
.gal un éxito que permita reverter os beneficios no fomento do galego nas novas tecnoloxías".