22-04-2013Do estigma á estima. Propostas para un novo discurso lingüístico
Este é o título do recentemente publicado libro de Valentina Formoso, no que, partindo dunha investigación cualitativa sobre o discurso arredor da lingua galega do alumnado de Secundaria, realiza propostas para mellorar o discurso para a normalización lingüística
Valentina Formoso (profesora de galego e voceira da CGENDL), autora de
Do estigma á estima. Propostas para un novo discurso lingüístico, pregúntase neste libro cal é o motivo que leva a que pasados trinta anos da aprobación da Lei de normalización lingüística se sigan a oír, da boca dos falantes, afirmacións moi negativas arredor da lingua propia. E ademais de responder a esta cuestión, ofrece tamén alternativas co obxectivo de mudar a situación e de que se free a tendencia desgaleguizadora de hai décadas.
Esta obra baséase en grupos de discusión con mozos e mozas de educación secundaria de distintos contextos galegofalantes que, debido ás actitudes que posúen cara ao seu propio idioma e ás normas de uso social que teñen interiorizadas, mudan do galego ao castelán en determinadas situacións e mesmo abandonan a súa lingua definitivamente.
Cun estilo áxil e manexando argumentos rigorosos, a autora considera que cómpre mudar o imaxinario social do galego para que as persoas galegofalantes decidan conservar a lingua propia. Neste sentido, propón reformular as perspectivas de actuación no ensino, así como certos enfoques na planificación, promoción e normalización do galego, e recolle varias propostas sobre novos discursos e estratexias.
Edicións Xerais
320 Páxinas
ISBN: 978-84-9914-453-5
Prezo: 19,00€ IVE incluído
Abril 2013