06-06-2013Para botar a lingua de fóra..., subimos ao Pindo!
Temos que seguir visibilizando a lingua! E, se cadra, tamén literalmente :-P. A xente que, dun ou doutro xeito, traballamos polo galego estamos acostumada aos esforzos, e de moitos tipos, e, como seguro que imos ter que seguir facéndoos, desde a CTNL propomos unha xornada de convivencia, saúde, natureza, paisaxe e, por que non, tamén cun chisco de esforzo conxunto. Así que, o sábado 22 de xuño, imos botar a lingua de fóra...: subimos ao olimpo Celta, ao Monte Pindo!
E isto, por que!?Pois porque tamén podemos facer unha actividade deste tipo xuntas/os, non? Porque tamén nos podemos ver sen ser nun curso, nunha xuntanza, nunha asemblea, nuns encontros, nunha manifestación... Porque así tamén ensinamos a lingua. Porque no camiño están as ideas. Porque é importante facermos grupo. Porque o Pindo o merece. Porque se fai camiño ao andar. Porque si. Porque nos peta e queremos e danos a gana.
Pois eu vou! Como e cando me anoto?Perfecto! Envía un correo-e co teu nome e teléfono ao enderezo
info@ctnl.org ata o 18 de xuño e así xa contamos contigo, ou con vós. É importante que te anotes, por aquilo de termos a previsión de participación. E temos que ser moit@s ;-)
Cal é o plan e o horario previsto?Quedamos ás
10.30 h do
sábado 22 de xuño diante da capela, na parroquia do Pindo (Carnota) [
en Google Maps], alí ao pé da praia. Cómpre sermos moi puntuais, polo que, ven con tempo! (Por exemplo, para chegar desde Santiago pódeche facer falta preto dunha hora e media, desde A Coruña algo máis e desde Pontevedra preto de dúas horas). Arrancamos puntuais e, despois de camiñarmos uns 4,5 km, contamos con chegarmos arriba, á Moa, sobre as 13.30 h. Observamos, falamos, aprendemos, sacamos unha foto ensinando a lingua, xantamos (cada quen debe levar a súa comida), descansamos..., e comezamos a baixar sobre as 16.00 h. Aí sobre as 18.00 h, máis ou menos, chegaremos abaixo, e se o tempo acompaña, se queremos, aínda nos poderemos dar un baño na praia ou coñecer algo máis por alí.
A ver se non me esquezo de nada... Que cómpre levar?Pois tendo en conta que é unha subida ao monte dunhas dúas horas e media, e que imos xantar arriba cada quen coa comida que leve, pensa en que cousas podes necesitar, como por exemplo: roupa cómoda, calzado axeitado para camiñar polo monte, mochila, chuvasqueiro (non vaia ser o demo), gorra, protección solar (tamén, non vaia ser o demo), cámara de fotos, xantar (que non pese moito para levar na mochila), auga (mellor en cantimplora, que vai fresquiña e é reutilizábel), roupa de baño (por se queres despois aproveitar a praia), espírito de convivencia, paciencia, ánimo, gañas de pasalo ben conxuntamente, conversa, etc.
Que, a que non vas faltar? -Organiza: Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), que convoca esta subida para botar a lingua de fóra
-Colabora:
Asociación Monte Pindo Parque Natural, que nos acompañará, e a quen aproveitamos para amosar o apoio para que o Pindo sexa declarado parque natural!