05-11-2014E Gústame o galego chega a... Barcelona!
Aló onde hai xente á que lle gusta o galego é a onde procura chegar o fotocol da lingua, o posadoiro de Gústame o galego. E, neste caso, por vez primeira, estará fóra do país, mais onde tamén se estima moito o noso idioma. Este xoves, día 6, en Catalunya!
Xa percorreu todo o país, xa participaron arredor de 7.000 persoas, xa lle naceron irmás no País Valenciá, xa se falou dela en distintas xornadas en varias universidades galegas e internacionais e, agora, por vez primeira, o máis famoso posadoiro galego, o da lingua, o que serve para dicir "Gústame o galego", estará fóra do país, mais será nun lugar onde tamén hai moita xente á que lle gusta o galego.
Este xoves, día 6 de novembro, o noso fotocol estará no día grande, na
Festa Major da Universidade Autònoma de Barcelona, dentro da Fira de entitats que se celebra na Praça Cívica da capital catalá.
Quen facilita que as persoas galegas e non galegas que, estando en Barcelona, queren que se saiba que lles gusta a nosa lingua, é a Área de Galego do Departament de Filologia Francesa i Romàniques da UAB.
O horario será de 13.00 h a 18.00 h.
Pois iso, que en Catalunya tamén din...
Gústame o galego!