09-04-2015Para o uso, prestixio, coñecemento e difusión da lingua, a dobraxe audiovisual é imprescindible

Para podermos gozar de películas na nosa lingua, para ter oferta de lecer en galego, para contribuír á difusión do noso maior patrimonio, para acceder a realidades alleas a través da nosa visión propia e da nosa principal ferramenta de comunicación, para facilitar o coñecemento da lingua, para facer que os principais referentes audiovisuais de todas as idades tamén falen galego..., queremos dobraxe, necesitamos dobraxe
Desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) consideramos a dobraxe fundamental para o proceso de normalización lingüística, e o seu sector profesional imprescindible para o seu desenvolvemento, polo que, por un lado, denunciamos o irresponsable abandono que desde a Xunta de Galicia e desde a TVG se está a facer e, por outro lado, apoiamos as propostas feitas desde a Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe en Galicia (
Apradoga).
Porque é imprescindible a nosa lingua no audiovisual e porque é imprescindible o papel normalizador que a TVG debe cumprir, que, ademais, é unha das finalidades da súa creación e existencia. Por iso desde a Xunta e desde a TVG non se pode seguir a abandonar a dobraxe, e cómpre, ademais, o seu impulso e a procura de acordos con outras canles, distribuidoras e produtoras que permitan que as películas, series, debuxos animados, etc., dobrados ao galego cheguen a canto máis público mellor a través das distintas canles de televisión, das salas de cine ou do mercado audiovisual, cunha atención especial ás creacións audiovisuais dirixidas ao público infantil e xuvenil.
Por todo isto, desde a CTNL apoiamos as medidas e propostas que inclúe o
Informe do sector da dobraxe en Galicia [.pdf] elaborado por Apradoga, e no que se pide que se deixe de recortar en horas de dobraxe, a potenciación da dobraxe de programación infantil e xuvenil, a aposta pola calidade lingüística nas contratacións, a actualización das series e filmes dobrados hai tempo para adaptalos aos criterios lingüísticos actuais, ou o cumprimento do Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG), que establece que o goberno galego debe promover, cando menos, a dobraxe a galego de dez filmes ao ano dos que presenten maiores expectativas comerciais e a sinatura de convenios coas principais distribuidoras para que inclúan a versión en galego nos filmes en soporte de DVD.
A lingua galega necesítao.