10-03-2016XII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo

O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL) e en colaboración con diversos medios de comunicación escrita, convoca a décimo segunda edición do seu Premio a artigos xornalísticos normalizadores. O prazo de admisión de artigos está aberto até o 14 de abril.
Os obxectivos deste premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o uso e prestixio do idioma galego e promover o seu uso na prensa.
Características dos textosOs artigos serán de opinión e inéditos e ter
entre 1800 e 3300 caracteres con espazos incluídos. Neles deberase tratar algún tema sobre a situación sociolingüística do noso país, o fomento da lingua galega, o seu status, o argumentario a prol do uso do galego, a lexislación e os dereitos lingüísticos, experiencias sociolingüísticas concretas, propostas para o impulso do uso e prestixio social do galego, experiencias útiles ou favorables para a dinamización da lingua, política lingüística, etc.
Prazo e lugar de presentaciónA recepción de traballos está aberta
até o 14 de abril e poderán presentarse no rexistro do Pazo da Cultura de Carballo ou en calquera oficina de correos, enviándoos por correo certificado.
PremioOutorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con
1000 euros, ademais da difusión nos diversos medios de comunicación colaboradores coa iniciativa:
Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos.
As bases completas, en pdf, poden consultarse a través do web do Concello de Carballo, aquí >