07-04-2016Medra o Apego á lingua: o proxecto Apego amplíase a 23 concellos e a unha poboación de máis do millón de habitantes

Tras facer un ano, o proxecto Apego medra ata acadar os 23 concellos. O 9 de abril terá lugar o acto de adhesión dos novos membros, no Centro Ágora, ás 12:00. O Concello da Coruña agasallará as persoas asistentes cun concerto de “Arrolos de salitre”, con Xabier Díaz e Guillerme Fernández.
O programa Apego ten xa un ano de andainaEn marzo de 2015, asinaban un protocolo de colaboración os concellos da Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo. Nacía así o programa Apego
para promover e arroupar a transmisión da lingua ás nenas e nenos.
Os concellos participantes puxeron en marcha diversas accións, centradas nas crianzas
entre 0 e 6 anos mais que abranguen os diferentes contextos da vida dos nenos e nenas. Deseñáronse e distribuíronse materiais específicos, organizáronse actividades, achegáronse argumentos, información e recursos…, para as familias e para os profesionais. En todas as accións do proxecto resalta a
valoración positiva da lingua e a necesidade de que colectiva e individualmente nos comprometamos con este herdo
para que no futuro as nosas cativas e cativos poidan seguir a gozar del.
O Apego mantense desde os servizos de normalización lingüística dos concellos participantes, impulsado inicialmente pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). Para a súa difusión recórrese tamén á rede, a través do web
www.apego.gal e da páxina de Facebook
www.facebook.com/apego.gal.
Amplíase agora a colaboración a 23 concellos e a unha poboación de máis do millón de habitantesA comunidade creada arredor do Apego foi medrando con miles de nais e pais que se foron sumando, cun amplo seguimento nas redes sociais e tamén coa cooperación entre entidades diversas.
Chegou o momento de incorporar outros concellos que manifestaron o seu interese por implementaren este programa desde os respectivos servizos de normalización lingüística. Coa colaboración destes 23 concellos,
o proxecto Apego chegará agora a unha poboación que supera o 1.100.000 habitantes, entre a que está a das principais áreas urbanas, onde máis cómpre incentivar e facilitar a socialización en galego da infancia.
O próximo
sábado 9 de abril, asinarán a adhesión 11 novos concellos promotores de Apego pola lingua: A Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo. Deste xeito, poderase chegar a máis familias para cumprir cos obxectivos sinalados e estenderase o programa a municipios de variado tamaño, situación sociolingüística ou posición xeográfica.
O acto de adhesión dos novos concellos terá lugar
ás 12.00 h no Centro Ágora da Coruña. Nel intervirán, ademais do alcalde da Coruña, outras/os alcaldesas e alcaldes de concellos que asinan o acordo.
O Concello da Coruña, como anfitrión da sinatura do acordo, agasallará as persoas asistentes cun
concerto de “Arrolos de salitre”, con Xabier Díaz e Guillerme Fernández. O concerto será aberto e de balde, até completar a capacidade da sala.
Neses novos concellos que asinan a colaboración o sábado, o proxecto comezarase a desenvolver de maneira efectiva no prazo de tres meses, aproximadamente.
Máis información no
web de Apego.