11-05-2016A CTNL solicita ao Concello de Redondela que modifique as bases específicas para a convocatoria dunha praza de TNL
Ante a publicación no BOP de Pontevedra das bases específicas para a convocatoria dunha praza de técnico/a de normalización da lingua do subgrupo A2, para a que se pide grao ou diplomatura e Celga 4, a CTNL dirixiu un escrito ao concello redondelán para solicitar a corrección destas bases.
O 22 de abril de 2016 o Concello de Redondela publicou no
Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra o
anuncio de modificación das bases xerais e bases específicas para a convocatoria dos procesos selectivos correspondentes á oferta pública de emprego do ano 2013. Nestas bases inclúese a convocatoria dunha praza de técnico/a de normalización lingüística equiparada ao subgrupo A2 da función pública.
Por este motivo, o pasado 4 de maio a CTNL dirixiu un escrito ao Concello de Redondela para solicitar que se modifiquen as bases do seguinte xeito:
1. Que se equipare a praza de técnico/a de normalización lingüística (TNL) ao
subgrupo A1 da función pública.
2. Que se fixe como requisito a titulación de
grao ou licenciatura.
3. Que se estabeleza como requisito lingüístico o
certificado de lingua galega de nivel 5.
Xustificáronse estas peticións con varios argumentos:
- Debido ás
funcións que se teñen que desenvolver e aos
coñecementos e capacidades necesarias, as prazas de TNL deben ser do subgrupo A1 (anexouse unha proposta de funcións elaborada pola CTNL para o Encontro de Política Lingüística Municipal que tivo lugar en Santiago de Compostela o 16 de novembro de 2015).
- Nas
convocatorias de axudas que a Xunta de Galicia destina á creación e mantemento de servizos de normalización lingüística recóllese que o
persoal técnico debe estar integrado no
grupo I de cotización do réxime xeral da Seguridade Social.
- Consecuentemente, para unha praza do subgrupo A1 o requisito de titulación debe ser
grao ou licenciatura equivalente. Alén disto, para as especialidades indicadas nas bases publicadas polo Concello de Redondela,
a licenciatura é a única titulación existente e equivalente no sistema universitario anterior aos graos. Tamén as convocatorias de axudas da Xunta de Galicia estabelecen como requisito as titulacións de grao ou licenciatura.
- Por último, xustificouse o requisito lingüístico do
Celga 5 como o necesario para desenvolver
labores de asesoramento lingüístico, que é unha das funcións dun TNL.
Anuncio do BOP de Pontevedra do 22/04/2016, en .pdfSolicitude da CTNL, en .pdfAnexo á solicitude, en .pdf