21-06-2016Encontro Hitzargiak: 23 e 24 de xuño en Hernani

Tras a
compilación de boas prácticas no traballo de recuperación e promoción das linguas, chega a cita do encontro directo, da conversa, do intercambio persoal. Será
en Hernani o 23 e o 24 de xuño. Neste encontro presentaranse as propostas galegas do
Portal das Palabras,
A memoria da lingua,
Semente,
Modelo Burela e o proxecto
Apego.
Hai case tres meses
anunciabamos o proxecto
Hitzargiak. Linguas que se iluminan mutuamente, unha iniciativa enmarcada na Capitalidade Europea da Cultura de Donostia 2016 co obxectivo compilar accións europeas de revitalización lingüística para favorecer o intercambio de información entre as comunidades lingüísticas.
O seu
comité científico seleccionou doce prácticas galegas —coa incorporación recente do
Portal das Palabras— escollidas por seren adecuadas, interesantes, eficaces, exemplares ou inspiradoras para revitalizar a nosa lingua. O proxecto inclúe neste momento
110 prácticas de 25 linguas europeas.
O
programa do encontro que terá lugar esta semana divídese en mesas redondas e entrevistas de ámbitos e temáticas diversas: aprendizaxe a diferentes idades, novas tecnoloxías, medios de comunicación, economía… As propostas galegas estarán en cinco mesas redondas:
- Patrimonio oral: o valor das linguas na fala, onde se presentará o documental A memoria da lingua.
- Escolas infantís: crecemento e educación centrados na lingua, que contará coa intervención de Séchu Sende para falar das escolas Semente.
- Transmisión: no mundo como na casa, que inclúe o proxecto Apego, que será presentado por Nel Vidal.
- O papel das academias no caso das linguas minoritarias, onde intervirá Henrique Monteagudo para falar do Portal das Palabras.
- Achegamento á lingua local de falantes de diferente orixe. Esta mesa contará con Bernardo Penabade, que presentará o Modelo Burela.
Así e todo, o proxecto Hitzargiak non finalizará co encontro. A plataforma virtual seguirá en funcionamento
recompilando e canalizando relacións e colaboracións para que no futuro se continúe a tecer esta rede de intercambio.
Máis información
aquí.