CTNL

Actualmente non ten instalado ou necesita actualizar o plugin Flash Player necesario para visualizar correctamente esta web
pode descargalo na siguiente dirección.
Obtener Flash

A CTNL formámola... A CTNL formámola...
Recursos na rede Recursos na rede

CTNL


14959 votos
Votar | | | |


03-07-2016

A CTNL solicita a mellora na planificación e xestión dos cursos preparatorios para as probas Celga

Celga
A sexta parte de cursos que en 2010, convocatoria sen datas de probas anunciadas, falta de planificación e sen cooperación cos SNL, prazo de inscrición en datas inadecuadas, grupos demasiado numerosos e desiguais... Por estes motivos, desde a CTNL solicitámoslle á SXPL a mellora na planificación e xestión da formación en lingua galega e a inmediata convocatoria das probas Celga.


A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou no DOG do 16 de xuño pasado a Resolución do 8 de xuño de 2016 pola que se anuncia, con carácter voluntario e gratuíto, a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 2, Celga 3 e Celga 4 (en .pdf, aquí). Tendo en conta que en boa parte se repiten as mesmas eivas da convocatoria do ano pasado, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) dirixiulle á SXPL un escrito coas seguintes consideracións:

  • Moi reducido número de cursos e de niveis e comarcas enteiras sen a mínima posibilidade formativa: só 30 cursos para todo o país é unha oferta moi reducida que non cobre as necesidades formativas básicas da poboación, sobre todo cando hai comarcas enteiras en que non se organiza nin un só curso ou onde haberá só formación dun nivel. Quedan sen posibilidades formativas en lingua galega as persoas que levan tempo agardando para realizar un curso na súa zona ou que precisan participar nun nivel diferente, co agravio que isto supón se o comparamos con outras zonas onde si hai unha mínima oferta. Cómpre ter en conta que en edicións pasadas se convocaron entre 104 e 185 cursos por ano; nesta ocasión a convocatoria redúcese á sexta parte que, por exemplo, en 2010.

    Un ano máis a SXPL decide non convocar cursos para preparar o Celga 1 e deixa sen oportunidade de formarse as persoas que queren iniciarse na nosa lingua.

    Ademais, resulta cando menos curioso que dos escasos 30 concellos galegos onde este ano se programa curso, 18 sexan os mesmos que na última convocatoria da SXPL (agosto de 2015) e que en 8 deles o curso programado sexa exactamente o mesmo que en 2015, sen nin sequera atender á necesidade de progresar na formación adquirida.

  • Falta de coordinación, planificación e de costas aos SNL: os servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos son os departamentos que mellor coñecen as necesidades formativas en lingua da poboación do seu municipio; e, na práctica, a cidadanía tenos como referencia para informarse sobre as convocatorias de probas e cursos Celga. Ademais, ata 2014, os SNL eran os que, maioritariamente, xestionaban e difundían os cursos, as probas e a inscrición das persoas participantes, e os que procuraban planificar a formación de acordo coas necesidades detectadas e analizadas na poboación do correspondente municipio, dándolle, ademais, continuidade ao longo dos anos. Seguir convocando cursos de lingua galega de costas aos SNL, que só souberon deles a través da publicación da resolución no DOG, é un grave erro, pois estes servizos técnicos municipais son unha oportunidade para coordinar e planificar e deberían terse en conta para determinar cursos e niveis, para a difusión, para a xestión das inscricións, etc.

  • Prazo de inscrición en datas inadecuadas: establecer un prazo para a inscrición en pleno verán (do 17 de xuño ao 16 de xullo), cando moita xente está de vacacións e cando, incluso, as administracións non están a pleno rendemento e moitos servizos de normalización lingüística (que lles podían facer chegar a información ás persoas interesadas) están tamén de vacacións, entendemos que é pouco axeitado e que non favorece a participación.

  • Convocatoria de cursos sen anunciar as datas das probas correspondentes: un ano máis convócanse os cursos sen ofrecer ningunha información sobre as datas das probas para obter os certificados de lingua galega. Lembramos que estes cursos teñen como finalidade a preparación para unhas probas oficiais; polo tanto, a convocatoria das probas debería ser simultánea á dos cursos ou, polo menos, debería incluírse nesta última o anuncio da realización das probas ou as súas datas aproximadas. Desta forma, as persoas interesadas nesta formación e habilitación terían a seguridade de que se están a formar con tempo suficiente para as probas correspondentes.

  • Grupos que poden ser demasiado numerosos e con coñecementos desiguais: tal e como se especifica na resolución, en cada curso pode participar “un número máximo de 30” persoas. Tendo en conta as características dos cursos, o seu carácter preparatorio para unhas probas, a metodoloxía práctica que se debe empregar, a atención e seguimento axeitado ás persoas participantes, e a necesidade de desenvolver unha formación lingüística eficaz e de calidade, os grupos non deberían superar as 20 persoas. Ademais, ao se convocaren tan poucos cursos e non haber requisitos previos de competencias lingüísticas para acceder a eles, os grupos van ser moi desiguais, o que vai en detrimento da calidade formativa; xa que logo, serían necesarios requisitos de nivelación.

  • Descoordinación na convocatoria dos cursos por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: esta convocatoria sumarase con toda probabilidade a outras da mesma consellaría tamén de cursos preparatorios para as probas Celga nas Escolas Oficiais de Idiomas. Isto suporá a duplicación de procedementos e prazos de inscrición e a dispersión da oferta e da información.


Por todos estes motivos, dirixímonos á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia para solicitarlle:

1. Que, se o obxectivo da Secretaría Xeral de Política Lingüística non é desmotivar nin dificultar que a cidadanía participe na formación en lingua galega, na convocatoria, organización e xestión dos cursos preparatorios para a obtención do certificado Celga deben corrixirse todas estas graves eivas sinaladas, e debe facerse unha verdadeira e seria planificación na procura de que toda a xente que o necesite e queira poida realmente participar nun curso de galego axeitado ao seu nivel e ás súas necesidades.

2. Que se teña en conta a Proposta para a mellora da planificación e xestión dos Celga (.pdf) que xa en 2012 lle presentamos desde a CTNL á Secretaría Xeral de Política Lingüística.

3. Que, ao tempo que se corrixe e mellora a convocatoria de cursos, se convoquen de inmediato as probas correspondentes para obter a acreditación Celga de todos os niveis e que se informe sobre isto, e de maneira urxente, a todos os servizos de normalización lingüística (SNL), ademais de publicitalo mediante anuncios, folletos, prensa, etc.


Ligazóns relacionadas


Solicitude de mellora na planificación e xestión dos cursos preparatorios para os Celga (xuño de 2016)

Utiliza a nova

Enviar por Email  Enviar nova
Redes sociais  Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

Comentarios


Hemeroteca:  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023 2024

Avisos

    mes anterior
    Marzo de 2024
    mes seguinte
    Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
    L M M X V S D
            1 2 3
    4 5 6 7 8 9 10
    11 12 13 14 15 16 17
    18 19 20 21 22 23 24
    25 26 27 28 29 30 31
    Próximos eventos

      • Asociate á CTNL
      • Agasallo. Propostas de regalos en galego
      • LGx15
      • Premios Mil Primaveras
      • Viveiro de propostas normalizadoras
      • En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL
      • Envianos
      • Canles de novas da CTNL
      • Facebook da CTNL
      • Twitter da CTNL
      • Instagram da CTNL
      • Kit para a normalización en rede
      • Proxector
      • Queremos Galego
      • Eu.gal: Por un dominio galego