24-01-2018Enreguéifate medra en Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo

O proxecto
Enreguéifate, que o Concello de Santiago puxo en marcha o ano pasado para
difundir a improvisación oral en verso e en galego, medra nesta súa segunda edición con
novas actividades e novos municipios participantes. Os concellos de Ames, Carballo e Teo súmanse á organización do proxecto, que tamén estrea web:
http://enregueifate.gal/Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela, Isabel Vaquero, concelleira de Ames, Marcos Trigo, concelleiro de Carballo, e Pilar Faxil, concelleira de Teo, presentaron hoxe en rolda de prensa o proxecto, xunto con Manolo Maseda, un dos impulsores do festival Regueifesta. O programa Enreguéifate ten o obxectivo principal de
revalorizar e actualizar a regueifa e o seu aproveitamento para a posta en valor da lingua, polo seu
enorme potencial como ferramenta para animar os mozos e mozas a se expresaren na nosa lingua.
SEGUNDA EDICIÓN CON NOVAS ACTIVIDADESEnreguéifate mantén as dúas actividades xa desenvolvidas o ano pasado: o certame de regueifas en vídeo, que será convocado nas próximas semanas, e o festival Regueifesta que se celebrará o 2 de maio no Auditorio de Galicia. A esas suma
dúas accións novas: unha
xornada de formación para docentes que terá lugar en Carballo e
xornadas de formación para o alumnado en cada un dos catro concellos participantes.
FORMACIÓN PARA DOCENTES E OUTROS COLECTIVOSO proxecto Enreguéifate incorpora unha
xornada formativa para o profesorado, co obxectivo de
fomentar e aproveitar o potencial das regueifas como ferramenta educativa. Esta actividade estará organizada polo Concello de Carballo,
terá lugar o 17 de febreiro e o
prazo de inscrición remata o
día 8 de febreiro.
A
matrícula é
gratuíta, e solicitouse á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que a asistencia sexa homologada como actividade de oito horas de formación permanente do profesorado. Como profesores exercerán regueifeiros como Alba María, Manolo Maseda ou Sechu Sende, que ao remate da xornada formativa participarán nunha foliada aberta na taberna O Mexillón de Carballo.
O 70% das prazas están reservadas para
profesorado en activo, de centros públicos ou concertados, aínda que tamén poden participar
estudantes e comunidade educativa en xeral interesada en traballar coa improvisación oral como ferramenta educativa,
técnicos/as de normalización lingüística, dinamizadores/as sociais e culturais e outras persoas interesadas.
FORMACIÓN PARA O ALUMNADOAdemais, o proxecto Enreguéifate inclúe tamén xornadas de formación para o alumnado dos centros de ensino dos catro concellos participantes: Santiago, Ames, Carballo e Teo.
Nestes obradoiros, os rapaces e rapazas poderán aprender métodos de improvisación oral e coñecerán tamén a rede de revitalización da regueifa que existe en Galicia entre a xente nova. Ademais, traballarán a
expresión en galego a través das regueifas, e reflexionarán sobre os prexuízos que adoitan aparecer nesta e noutras expresións artísticas, nomeadamente no ámbito do xénero e do sexo.
CERTAME ENREGUÉIFATEDesde o 5 de marzo e até o 15 de abril está convocada a
segunda edición do
certame Enreguéifate.
Para participar, cómpre enviar un vídeo dunha duración máxima de tres minutos onde aparezan polo menos dúas persoas regueifando. Haberá premios en
dúas categorías, escolar e xeral, e en cada unha delas premiaranse a regueifa máis
brava, máis
aguda, máis
diversa, máis
reivindicativa,
mellor cantada e
mellor falada.
Os galardóns serán simbólicos, e entregaranse no transcurso da
Regueifesta, que se celebrará o
2 de maio no Auditorio de Galicia.
Inscrición e bases do certame Enreguéifate
aquí.
REGUEIFESTAO festival Regueifesta constitúe un
punto de encontro de escolares de todo o país arredor da improvisación oral en verso. Nel tamén participará alumnado procedente de Euskadi que dende hai varios anos mantén relación co proxecto Regueifesta para establecer unha ligazón entre a regueifa e o bertso, e por primeira vez haberá unha representación de Cataluña.
Un dos impulsores do festival é Manolo Maseda, quen explicou que despois do éxito da edición do ano pasado cun Auditorio que quedou pequeno, este ano haberá un dobre pase para acoller a maior cantidade posible de rapaces e rapazas chegados de toda Galicia. Maseda defendeu a
utilización da regueifa como recurso didáctico que permite ensinar coa emoción e loitar contra o desleixo da rapazada en relación coa lingua.
Toda a información sobre as actividades vinculadas ao proxecto Enreguéifate pódese atopar no
novo web, onde se difundirán as bases da
convocatoria do II certame Enreguéifate. Ademais, no web xa se poden ver os
vídeos gañadores da primeira edición de 2017.
Programa da xornada formativa do 17 de febreiro, en .pdf.Inscrición para a xornada formativa
aquí.
Web de Enreguéifate