30-04-2018A quen che gustaría oír no LGx15 deste ano? Proponnos candidatas/os!
Lembras como foi a
edición do ano pasado do LGx15?, e
a de 2016?, e
a primeira? Na CTNL xa comezamos a organizar a edición deste ano e queremos saber a túa opinión para decidir o programa.
A quen che gustaría ter no escenario do LGx15 de 2018? Envíanos as túas
propostas ata o 22 de maio a
info@ctnl.gal e terémolas en conta para deseñar o programa definitivo.
No vindeiro mes de novembro temos unha nova cita co
LGx15. Ideas para o futuro da lingua, o evento que organizamos desde a CTNL para
transmitir dunha maneira visual, entretida e divertida ideas, argumentos e consellos para influír nas actitudes e na conciencia lingüística. Xa levamos tres edicións grazas a ti, que asistiches a algún dos espectáculos na Sala Capitol ou compartiches nas redes ou empregaches nas aulas as ideas, experiencias e propostas das persoas que participaron nas edicións anteriores.
Este ano
queremos coñecer a túa opinión desde xa, desde o momento de comezarmos a organizar a nova edición.
Como nos podes dar ideas? Suxeríndonos persoas que, segundo o teu criterio,
poderían subir ao escenario do LGx15 e contarnos as súas propostas, reflexións e argumentos para influír no futuro do uso e prestixio do galego e/ou nas actitudes e comportamentos lingüísticos.
Ocorréronseme algunhas persoas idóneas para intervir no LGx15, como fago a proposta?É moi sinxelo. Só cómpre
enviares unha mensaxe de correo electrónico a info@ctnl.gal coa seguinte información:
- O nome e apelidos da persoa/s que nos suxires para intervir no LGx15
- O tema ou os temas que cres que podería/n abordar
É necesario que contacte coa/s persoa/s que vou suxerir antes de enviar a súa candidatura?Non é necesario. Será a organización do LGx15 a que se porá en contacto coas persoas escollidas para convidalas a intervir no evento deste ano.
Que prazo hai para enviar propostas?Para podermos ter en conta as túas propostas no programa deste ano,
é necesario que nolas fagas chegar ata o 22 de maio.
Que ocorrerá coas propostas enviadas?O equipo de traballo do LGx15 teraas en conta para elaborar o programa definitivo da edición deste ano, de acordo con criterios de variedade, orixinalidade ou interese de temas.
Entón? Axúdasnos a programar o LGx15 coas túas preferencias?