CTNL

Actualmente non ten instalado ou necesita actualizar o plugin Flash Player necesario para visualizar correctamente esta web
pode descargalo na siguiente dirección.
Obtener Flash

A CTNL formámola... A CTNL formámola...
Recursos na rede Recursos na rede

CTNL


10927 votos
Votar | | | |


17-09-2018

A competencia das entidades locais en normalización lingüística e os servizos de normalización lingüística

Servizos de normalización lingüística
As entidades locais galegas teñen atribuídas competencias en materia de normalización lingüística mais desenvólvenas de forma dispar. Só as deputacións e medio cento de concellos contan con servizos técnicos para asesorar e guiar a institución na súa política lingüística; e esta escaseza de persoal técnico compleméntase cunha inestabilidade laboral xeneralizada. A CTNL reclama máis implicación das institucións para crearmos unha rede profesional e estable de servizos de normalización lingüística e mellorarmos conxuntamente o labor de promoción do uso e o prestixio da lingua.


O pasado mes de xuño, a Dirección Xeral da Administración Local e a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentaron o Informe sobre a prestación do servizo de normalización lingüística pola Administración local en exercicio de competencia propia, un documento elaborado co obxectivo de aclarar calquera dúbida respecto da competencia das administracións locais en materia de normalización lingüística. A conclusión do informe é que “tanto a Xunta de Galicia como as entidades locais de Galicia teñen atribuídas competencias en materia de normalización lingüística”.

Con todo, as entidades locais de Galicia desenvolven esta competencia de forma desigual. Algunhas dótanse de departamentos técnicos que traballan nas diferentes áreas en que se dividen as funcións dos servizos de normalización lingüística (SNL): xerais, de dinamización lingüística, de formación sociolingüística e de asesoramento. Outras entidades contan con departamentos técnicos con funcións case exclusivamente de asesoramento lingüístico. Mais a maioría das entidades locais de Galicia non conta con persoal técnico que as asesore e as guíe para desenvolveren esta competencia de promoción do uso e do prestixio da lingua.

Se unha das eivas para levar a cabo a competencia recoñecida no informe citado é a inexistencia de departamentos técnicos, a outra é a inestabilidade laboral xeneralizada dos que existen nas administracións locais. Só arredor dunha vintena de SNL está baixo a responsabilidade de persoal laboral fixo ou funcionario; a maioría dos SNL que teñen certa continuidade depende de contratos temporais ou indefinidos (son pouco máis dunha trintena de SNL que teñen unha antigüidade de entre dous e aproximadamente 15 anos); e outra parte deles pasa da existencia á inexistencia en cuestión de meses, con contratos tan breves que non permiten integrarse na institución nin desenvolver grande actividade (durante os anos 2016, 2017 e 2018 houbo 18 SNL destas características, cunha duración de entre un mes e 12 meses).

Os servizos de normalización lingüística nas administracións locais hoxe

Despois de 35 anos da aprobación da Lei de normalización lingüística (LNL) son aínda minoría os concellos que contan cun departamento técnico para traballar a prol da normalización da nosa lingua e case anecdóticas as entidades locais que teñen este departamento totalmente estabilizado, é dicir, cuberto con funcionarios/as de carreira ou persoal laboral fixo. Son tan poucos estes casos que podemos enumeralos en catro liñas: as catro deputacións, aínda que non todas desenvolvendo funcións de dinamización da lingua, nove concellos na provincia da Coruña, sete na de Pontevedra (tampouco todos con funcións de dinamización lingüística), e ningún nas provincias de Ourense e Lugo. Nos últimos cinco anos só se consolidou unha praza, no Concello de Redondela, e farao proximamente outra no de Abegondo.

Mais esta estabilidade que proporciona contar con persoal fixo tampouco garante sempre o servizo, pois algunhas entidades locais, cando a praza está vacante, optan por non cubrila ou tardan en dotala de novo. Son casos coma o Concello da Estrada, cuxa praza estivo sen ocupar durante varios anos e agora está pendente dun proceso selectivo iniciado en febreiro e aínda sen resolver (o terceiro proceso selectivo para o que debería ser unha interinidade desde hai seis anos), o Concello de Val do Dubra, que leva coa praza vacante máis dun ano sen aparente intención de cubrila, ou o Concello de Ferrol, que, sendo unha cidade con opción de reforzar o seu servizo grazas ás axudas da Deputación Provincial da Coruña, conta só cunha praza a xornada parcial desde hai tres anos.

Outras administracións locais teñen departamentos técnicos que funcionan de forma continuada, pero sen chegar a ser totalmente estables. Contratos de interinidade ou contratos temporais que se converten en indefinidos sen que a entidade local acabe por considerar o servizo de normalización lingüística como un departamento técnico que desenvolve unha parte da actividade ordinaria da institución: a promoción do uso e do prestixio da lingua. Dentro deste grupo de entidades, que son a maioría das que contan con servizo de normalización lingüística hoxe, a casuística é variada, pois hai servizos que levan menos de cinco anos en funcionamento e outros con máis de 10 ou 15 anos de traballo, experiencia e dedicación que non son recoñecidas coa estabilidade laboral desexable.

A maioría destes servizos de normalización lingüística están na provincia da Coruña (24 servizos en 35 concellos), pois a Deputación Provincial leva varias lexislaturas convocando axudas para a creación de SNL nas entidades locais, o que favoreceu que se constituíse unha rede de departamentos técnicos con certa estabilidade, aínda que non con postos definitivos. Nin a Xunta de Galicia nin a Deputación Provincial de Pontevedra lograron un impacto semellante coas súas axudas, xa que estas non son exclusivas para a creación, mantemento e reforzo de SNL e, por tanto, non conseguen impulsar a creación de departamentos técnicos. De feito, nas outras provincias os SNL deste tipo son tres en Pontevedra e Lugo e dous en Ourense. Así e todo, os problemas de ocupación de vacantes tamén se dan nesta forma de contratación; por exemplo, o Concello de Ponteareas cubriu provisionalmente unha vacante no seu SNL cun contrato de prácticas, minguando aínda máis o recoñecemento e a consideración do labor e do persoal técnico do servizo.

A inestabilidade laboral é aínda maior noutras entidades que contan con SNL sen continuidade temporal. Acóllense ás diversas convocatorias de axudas –da Xunta de Galicia e das deputacións da Coruña e Pontevedra– e crean departamentos durante varios meses ao ano (entre un e seis meses). Desta forma, nin consolidan nin integran o servizo na entidade; e, no caso de acollérense ás subvencións das deputacións, mesmo perden unha porcentaxe alta da axuda, pois as entidades provinciais concédena para o ano natural, con minoración do importe se o SNL non está en funcionamento os 12 meses do ano.

Estiveron nesta situación seis SNL en concellos das provincias de Lugo e Ourense que se crearon durante poucos meses en 2016, 2017 e 2018 baixo o paraugas das axudas da Secretaría Xeral de Política Lingüística. E tamén algúns SNL da provincia da Coruña que non dan retomado o departamento técnico ou non conseguen convocar a praza ata que pasa máis de medio ano, de forma que perden a metade da subvención concedida. Son exemplos como Oroso, que só recuperou despois do verán o SNL creado en 2017, Sada, que aínda non retomou o SNL creado o ano pasado, Porto do Son ou Zas, que de momento non o crearon en 2018, ou o estraño caso de Vimianzo, co proceso selectivo resolto xa en febreiro e, no entanto, sen SNL. Na provincia de Pontevedra hai menos exemplos, pero sofren os mesmos atrasos: Nigrán contou cun SNL a xornada parcial durante 12 meses entre 2016 e 2017 e está pendente do proceso selectivo para retomar a actividade durante 12 meses máis, e Gondomar pediu varios anos a axuda da Deputación Provincial de Pontevedra sen chegar a crear SNL.

Con todo, moitos outros concellos non prevén crear proximamente SNL, nin temporalmente nin de forma continuada, a pesar de contaren coa posibilidade de solicitar axudas das deputacións da Coruña e Pontevedra que lles permitirían dotarse dun departamento técnico (as axudas da Secretaría Xeral de Política Lingüística son tan escasas que só dan soporte económico para a creación de SNL durante un curto período de tempo). Algúns destes concellos mesmo teñen aprobadas ordenanzas de normalización lingüística que mencionan o departamento técnico que non crean (San Sadurniño, Mugardos, Soutomaior, Cangas, Mos, Marín, Lalín ou recentemente As Neves), algúns aprobaron ordenanzas que non prevén a posibilidade de ter un SNL (Cuntis, Silleda, Salvaterra de Miño e Tomiño) e outros nin aprobaron ordenanzas nin parece que teñan pensado dotarse dun departamento técnico (Baiona, Bueu, Cambados, O Porriño, Sanxenxo etc.). Moitos destes e doutros concellos forman parte da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta e son as actividades que lles ofrece esta rede o único labor de dinamización lingüística que desenvolven. O resto da súa política lingüística limítase a cumprir a legalidade, principalmente a Lei do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais, ou a desenvolver actividades culturais en galego.

Departamentos técnicos para planificar, xestionar, executar e avaliar as accións de NL

As ferramentas de traballo das administracións públicas son os equipos técnicos especializados, tanto no departamento de urbanismo ou no de servizos sociais como no de lingua. É imprescindible un departamento técnico ou SNL estable, dotado de persoal e orzamento suficiente, para analizar a situación da lingua na entidade local, no municipio ou na comarca, e para planificar, xestionar, executar e avaliar accións e programas de normalización lingüística que interveñan nas áreas prioritarias onde o galego perde prestixio ou utilidade.

A competencia municipal en normalización lingüística non se exerce só uns meses ao ano, con certas actividades esporádicas en galego, ou cumprindo a legalidade e redactando as actas e demais documentación interna da entidade na nosa lingua. Ter e desenvolver a competencia en normalización lingüística require un labor continuado, planificado e que poida ser avaliado. E, para realizalo, é necesario contar con persoal técnico que analice a realidade sociolingüística, as necesidades de intervención e as prioridades do contexto, que planifique e execute as accións que mellor poidan responder a esta análise, e que avalíe os resultados para reorientar a política lingüística con eficacia.

Maior implicación das institucións na creación dunha rede estable de SNL

Cómpre, pois, unha implicación maior das entidades públicas no proceso de normalización lingüística. As catro deputacións e a Xunta, cun sistema de axudas que favoreza e impulse a constitución dunha rede de SNL en todo o país, pois só contando con persoal técnico se poderán desenvolver políticas lingüísticas rigorosas e eficientes. Os concellos, asumindo con valentía a súa competencia en normalización lingüística e creando prazas técnicas que planifiquen, xestionen, executen e avalíen accións e programas para mellorar o uso e o prestixio da lingua. As entidades locais que xa teñen SNL con continuidade, consolidándoos definitivamente, non só para afianzar o departamento na entidade, senón tamén para dar estabilidade a un grupo de técnicas e técnicos que, grazas á súa ampla experiencia e á formación continua, son as persoas máis capacitadas para desenvolver labores de normalización lingüística. E, por último, os concellos das cidades galegas, reforzando os seus SNL, pois é no contexto urbano onde se necesita un traballo de promoción da lingua maior, labor que non se pode desenvolver coa mesma dotación de persoal ca nos concellos máis pequenos.


Ligazóns relacionadas


Nota de prensa sobre os SNL e a competencia das entidades locais en NL

Utiliza a nova

Enviar por Email  Enviar nova
Redes sociais  Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

Comentarios


Hemeroteca:  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023 2024

Avisos

    mes anterior
    Marzo de 2024
    mes seguinte
    Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
    L M M X V S D
            1 2 3
    4 5 6 7 8 9 10
    11 12 13 14 15 16 17
    18 19 20 21 22 23 24
    25 26 27 28 29 30 31
    Próximos eventos

      • Asociate á CTNL
      • Agasallo. Propostas de regalos en galego
      • LGx15
      • Premios Mil Primaveras
      • Viveiro de propostas normalizadoras
      • En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL
      • Envianos
      • Canles de novas da CTNL
      • Facebook da CTNL
      • Twitter da CTNL
      • Instagram da CTNL
      • Kit para a normalización en rede
      • Proxector
      • Queremos Galego
      • Eu.gal: Por un dominio galego