07-12-2018Ordenanza de impulso do galego no Concello de Oia
O
Concello de Oia acaba de aprobar a súa
Ordenanza de impulso do galego. Tras a aprobación inicial o 27 de setembro e logo da fase de información pública, publicouse definitivamente no BOP de Pontevedra do 7 de decembro de 2018.
O
Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 7 de decembro de 2018 publicou a aprobación definitiva da
Ordenanza de impulso do galego no Concello de Oia.
Este texto legal declara o galego como
idioma oficial do Concello, idioma que empregará "en todas as súas accións, nas súas actuacións administrativas, na documentación, na comunicación social, e nas relacións coas cidadás, cos cidadáns e con todas as entidades situadas en Galicia e con aqueloutras que admitan o galego para as actuacións administrativas".
A ordenanza do Concello de Oia ten
21 artigos distribuídos en 13 capítulos (por erro numerados como 14)
e unha disposición adicional. Ao longo do articulado, regúlase o uso do galego na atención ao público; na documentación e actuación administrativa; nas publicacións, accións informativas, formativas e actividades públicas; na sinalización e rotulación; nas relacións con outras administracións; nas relacións coas empresas privadas; polo persoal ao servizo da Administración; e na toponimia e nomes de rúas, emprazamentos e edificios. Tamén se establece a responsabilidade do concello no impulso institucional do idioma, na calidade lingüística e no uso dunha linguaxe democrática e inclusiva. Por último, establécense canles para facer un seguimento do cumprimento da ordenanza, a través dunha comisión político-técnica, e prevese a creación dun Consello Social da Lingua.
SEN DEPARTAMENTO TÉCNICO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICAMalia felicitarmos o concello pola aprobación da ordenanza, observamos con estupor que o seu texto
non fai referencia a ningún departamento técnico que asesore a institución na aplicación e desenvolvemento deste documento legal. Os servizos de normalización lingüística son os departamentos técnicos dos concellos que teñen como finalidade impulsar o uso e o prestixio da nosa lingua en todos os seus ámbitos de influencia e, así, cumprir coa súa obriga legal e responsabilidade social de contribuír ao proceso de normalización lingüística.
Esperamos que a ausencia de referencia a un SNL sexa unha
eiva que se poida corrixir e non impida ao Concello de Oia contar co departamento técnico necesario para planificar, xestionar, executar e avaliar a política lingüística municipal.
Ordenanza de impulso do galego no Concello de Oia, en .pdf