CTNL

Actualmente non ten instalado ou necesita actualizar o plugin Flash Player necesario para visualizar correctamente esta web
pode descargalo na siguiente dirección.
Obtener Flash

A CTNL formámola... A CTNL formámola...
Recursos na rede Recursos na rede

CTNL


359 votos
Votar | | | |


25-03-2019

Proposta da CTNL para os programas das eleccións municipais 2019

Proposta para as eleccións municipais 2019
A CTNL está a dirixir ás diversas organizacións políticas con implantación no país e mais ás candidaturas das sete cidades unha proposta coa finalidade de que a teñan en conta para incorporar nos seus programas electorais, e que, polo tanto, se poida despois levar a cabo ou defender desde os concellos. O texto refírese ao traballo necesario e xusto no ámbito da normalización lingüística.


PROPOSTA PARA OS PROGRAMAS ELECTORAIS DAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS DE 2019

A normalización lingüística é un proceso social que procura a xustiza no ámbito sociolingüístico, para que os galegos e as galegas poidamos manter a visión do mundo desde a óptica que só nos pode dar a lingua propia do noso territorio. É responsabilidade de todos e de todas contribuírmos deste xeito a manter a diversidade e a riqueza lingüística e cultural do mundo, para que poidamos preservar esas visións e chamarlles ás cousas cos nomes xenuínos que aquí se lles deron.

As administracións teñen a obriga legal e a responsabilidade social de apoiar e promover ese proceso e, así, deben implementar políticas lingüísticas activas, dinámicas e integradoras que poñan en valor a lingua propia e que fomenten o seu uso e prestixio en todos os ámbitos, para procurar que o galego se use con normalidade no comercio, no deporte, no asociacionismo, entre a mocidade, nas novas tecnoloxías, no ensino, na cultura, na comunicación, no lecer, nas empresas, nos parques, nos centros de saúde etc.

No caso das administracións locais, esta competencia en materia de normalización lingüística vén establecida na lexislación lingüística galega e foi analizada recentemente pola Dirección Xeral de Administración Local no documento Informe sobre a prestación do servizo de normalización lingüística pola Administración local en exercicio de competencia propia. Este texto aclara que as administracións locais teñen competencia nesta materia, que non é necesario que a xustifiquen e que, por tanto, poden crear e manter servizos de normalización lingüística (SNL).

Para deseñar e executar as súas políticas en calquera área, os concellos dótanse de instrumentos técnicos. Así, para desenvolveren a política urbanística teñen departamentos de urbanismo, para as políticas culturais teñen departamentos de cultura, para as políticas sociais crean departamentos de servizos sociais... No ámbito da política lingüística e para desenvolver as competencias que lles son propias, os departamentos técnicos que precisan as entidades locais son os servizos de normalización lingüística (SNL).

No entanto, os SNL que existen na actualidade nas diversas administracións locais caracterízanse na maioría dos casos pola inestabilidade laboral, o que condiciona a súa permanencia na institución e o aproveitamento da formación e da experiencia dos/das técnicos/as de normalización lingüística. A consolidación definitiva dos SNL nas institucións é unha necesidade para crear unha rede de traballo estable no conxunto do territorio, que poida desenvolver accións locais, colaborar en proxectos supramunicipais (algúns xa existentes como Apego, Youtubeiras e Youtubeiros ou o Club de Debate), e desta forma chegar coas accións de promoción do uso e do prestixio da lingua a unha poboación maior.

Por outra parte, o traballo colaborativo na promoción da lingua desde as administracións locais viuse reforzado grazas á recentemente creada Asociación de Entidades Locais pola Lingua. A constitución desta entidade ten como obxectivo mellorar a xestión dos proxectos do ámbito da normalización lingüística que desenvolven simultaneamente e de forma colaborativa diferentes entidades locais. Na actualidade está integrada por 15 concellos e está aberta á incorporación de novas entidades locais sempre que desenvolvan políticas en prol da normalización lingüística e conten no seu organigrama cunha unidade técnica dedicada a executalas.

De acordo con todo o anterior, desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) solicitamos a todas as organizacións políticas que inclúan nos seus programas para as eleccións municipais de 2019, cando menos, o seguinte punto relativo á política lingüística desde o concello, texto que é complementario a outras propostas que se poidan ter para a normalización da lingua galega e que pode adaptarse á realidade de cada concello concreto:

Texto proposto

Poñer en valor a lingua propia e fomentar o seu uso e prestixio en todas as accións do concello e en todos os ámbitos e sectores do municipio, para o que se creará, potenciará e consolidará, de ser o caso, un servizo de normalización lingüística (SNL) estable [ben propio, ben compartido con outros concellos (en caso de concellos pequenos)], dotado de recursos humanos e partida orzamentaria suficientes, cuxa función será planificar, xestionar, executar e avaliar as accións e medidas axeitadas para o fomento do uso e prestixio do galego en todos os ámbitos sociais.

Facilitar a colaboración do SNL en proxectos supramunicipais desenvolvidos conxuntamente por diferentes servizos de normalización lingüística, co fin de optimizar recursos, ideas e experiencias, e, se aínda non forma parte, estudar a incorporación do concello na Asociación de Entidades Locais pola Lingua.


Ligazóns relacionadas


Proposta da CTNL para os programas das eleccións municipais 2019

Utiliza a nova

Enviar por Email  Enviar nova
Redes sociais  Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

Comentarios


Hemeroteca:  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019

Avisos

    mes anterior
    Outubro de 2019
    mes seguinte
    Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
    L M M X V S D
      1 2 3 4 5 6
    7 8 9 10 11 12 13
    14 15 16 17 18 19 20
    21 22 23 24 25 26 27
    28 29 30 31    
    Próximos eventos

    • Agasallo. Propostas de regalos en galego
    • Asociate á CTNL
    • Gústame... o galego
    • Viveiro de propostas normalizadoras
    • Proposta para a mellora da planificación e xestión dos Celga
    • Traballarmos en dinamización lingüística | Isa Vaquero
    • En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL
    • Axenda da lingua
    • Envianos
    • Canles de novas da CTNL
    • Facebook da CTNL
    • Kit para a normalización da lingua
    • Queremos Galego
    • Eu.gal: Por un dominio galego