CTNL

Actualmente non ten instalado ou necesita actualizar o plugin Flash Player necesario para visualizar correctamente esta web
pode descargalo na siguiente dirección.
Obtener Flash

A CTNL formámola... A CTNL formámola...
Recursos na rede Recursos na rede

Convocatorias


11820 votos
Votar | | | |


01-04-2019

Nacen os Premios Mil Primaveras para recoñecer o traballo no ámbito da normalización lingüística

Premios Mil Primaveras
Desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua creamos e convocamos os Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego co obxectivo de recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística.


Na actualidade existen en Galicia diferentes premios que valoran o uso da lingua galega, os efectos que ten ese uso ou traxectorias en determinados ámbitos. Mais non existía ningún que recoñecese accións, proxectos ou campañas que teñan como obxectivo principal a normalización da lingua galega. A única convocatoria similar, exclusiva para o ámbito educativo, diríxese a proxectos de innovación en normalización e dinamización lingüística nos centros de ensino e está promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.


POR QUE CREAMOS OS PREMIOS MIL PRIMAVERAS?

● Porque queremos difundir o labor ilusionante e necesario de promoción da lingua que desenvolven servizos de normalización lingüística, equipos de normalización e dinamización lingüística, asociacións e outras entidades públicas e privadas.

● Porque queremos valorar e espallar o bo traballo que se fai no campo da normalización lingüística.

● Porque queremos compilar accións, proxectos, programas ou campañas que poidan servir como modelos ou ser inspiradoras para novas accións.

● Porque queremos transmitir unha imaxe positiva do labor de promoción do uso e prestixio da lingua e promover que sexa unha tarefa mellor coñecida, comprendida e apreciada socialmente.


EN QUE CONSISTEN OS PREMIOS MIL PRIMAVERAS?

Os premios recoñecerán accións, programas, campañas, proxectos etc. que desenvolvesen servizos de normalización lingüística (SNL), equipos de normalización e dinamización lingüística (ENDL), asociacións e outras entidades públicas ou privadas, e que teñan como obxectivo a promoción do uso e do prestixio da lingua galega. Co fin de delimitar cronoloxicamente os premios, só poderán ser candidatas as accións, campañas ou proxectos que tivesen vixencia, total ou parcialmente, en 2017, 2018 ou 2019.

Para abranguer propostas diversas e diferentes colectivos e ámbitos sociais, os premios contarán con seis categorías:

Premio ao mellor proxecto estabilizado: escollido entre aqueles que se leven desenvolvendo durante, polo menos, cinco anos.

Premio ao mellor proxecto novo: escollido entre aqueles nacidos en 2017 ou despois.

Premio á mellor comunicación e impacto: escollido por acadar un grande impacto social e por supor un modelo positivo de comunicación.

Premio ao proxecto máis innovador: escollido atendendo á innovación da súa maneira de intervir, da súa linguaxe, do seu ámbito de actuación etc.

Premio ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade: escollido entre aqueles que teñan como obxectivo principal a socialización en galego da infancia ou da mocidade, como poboación destinataria prioritaria na normalización lingüística para garantir o futuro da lingua.

Premio ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial (por exemplo, no ámbito socioeconómico, no das novas tecnoloxías, no audiovisual etc.): escollido entre aqueles que teñen como obxectivo principal a procura do incremento do uso e/ou prestixio do galego nun ámbito sectorial concreto.

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consistirán no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, organizarase un acto público de entrega e as candidaturas premiadas estarán dispoñibles para a súa consulta detallada no web www.milprimaveras.gal. Tamén se difundirán os proxectos premiados a través das canles habituais de difusión da CTNL (redes sociais, web etc.) e grazas ao impacto que teña a convocatoria e a súa resolución nos medios de comunicación.


PARTICIPACIÓN, INSCRICIÓNS E PRAZO

A participación nos premios é voluntaria e a presentación dos programas de normalización lingüística candidatos deben facela as propias entidades que os desenvolveron. Todas as candidaturas deberán ser de programas, proxectos ou accións xa desenvolvidas e con vixencia total ou parcial en 2017, 2018 ou 2019; non se valorarán propostas de accións pendentes de levar a cabo.

A inscrición faise a través dun formulario dispoñible no sitio web específico do premio, www.milprimaveras.gal. O formulario permite enviar ata cinco imaxes e ligazóns a vídeos e arquivos de son, ademais dun documento en .pdf onde haberá que describir con detalle o proxecto e todos os aspectos técnicos que deberá ter en conta o xurado: planificación da acción, obxectivos, persoas destinatarias, xestión, difusión, materiais, avaliación…

Cada entidade pode rexistrar cantas propostas queira, sempre que sexan da súa responsabilidade e cumpran cos requisitos da convocatoria. A inscrición de cada proposta faise de maneira xeral aos premios, non a unha categoría concreta.

O prazo para inscribir proxectos é do 2 de abril ao 17 de maio de 2019.


XURADO E CRITERIOS DE VALORACIÓN

Nomearase un xurado que avaliará as candidaturas presentadas e escollerá as premiadas de acordo coas categorías e criterios que se establecen nas bases. O xurado estará formado por técnicos/as de normalización lingüística, responsables de equipos de normalización e dinamización lingüística e persoas que teñan experiencia en dinamización lingüística. Será nomeado pola CTNL e non poderán formar parte del promotores/as de accións candidatas.

Ademais dos aspectos específicos que lle corresponden a cada categoría, para a selección dos proxectos premiados o xurado terá en conta, en xeral, os seguintes aspectos:

● A calidade da planificación do proxecto, coa axeitada determinación de obxectivos, destinatarios/as, accións, necesidades e recursos, temporalización etc.

● A execución e desenvolvemento adecuado das medidas e actuacións.

● A innovación do proxecto, a capacidade de incidencia e o impacto positivo para a lingua.

● A calidade e atractividade da comunicación, deseño, imaxe, materiais etc.

● A axeitada avaliación.

● A eficiencia do proxecto.

Os Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.

Máis información sobre a convocatoria e as características dos premios en www.milprimaveras.gal.


Ligazóns relacionadas


Nota informativa sobre os Premios Mil Primaveras

Utiliza a nova

Enviar por Email  Enviar nova
Redes sociais  Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

Comentarios


Hemeroteca:  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023 2024

Avisos

    mes anterior
    Maio de 2021
    mes seguinte
    Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
    L M M X V S D
              1 2
    3 4 5 6 7 8 9
    10 11 12 13 14 15 16
    17 18 19 20 21 22 23
    24 25 26 27 28 29 30
    31       
    Próximos eventos

    • Asociate á CTNL
    • Agasallo. Propostas de regalos en galego
    • LGx15
    • Premios Mil Primaveras
    • Viveiro de propostas normalizadoras
    • En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL
    • Envianos
    • Canles de novas da CTNL
    • Facebook da CTNL
    • Twitter da CTNL
    • Instagram da CTNL
    • Kit para a normalización en rede
    • Proxector
    • Queremos Galego
    • Eu.gal: Por un dominio galego