23-04-2019Quen cres que pode contarnos ideas, propostas e experiencias para o futuro da lingua? Proponnos participantes para o LGx15 2019!
Parece que falta moito tempo, pero na CTNL xa comezamos a organizar a edición deste ano do
LGx15. Ideas para o futuro da lingua e queremos saber
a túa opinión para decidirmos o programa.
Quen queres ver e escoitar no escenario do LGx15 de 2019? Envíanos as túas
propostas ata o 24 de maio a
info@ctnl.gal e terémolas en conta para deseñar o programa definitivo.
En novembro temos unha
nova cita co LGx15, o evento que organizamos desde a CTNL para transmitir dunha maneira visual, entretida e divertida
ideas, argumentos e consellos para influír nas actitudes e na conciencia lingüística. Este ano
chegamos á quinta edición grazas a ti, que asistiches a algún dos espectáculos anteriores ou compartiches nas redes ou nas aulas as ideas, experiencias e propostas das 35 persoas que subiron ao escenario do LGx15
2015,
2016,
2017 e
2018.
Coma o ano pasado,
queremos coñecer a túa opinión desde xa, desde o momento de comezarmos a organizar a nova edición.
Como nos podes dar ideas? Suxeríndonos persoas que, segundo o teu criterio,
poderían subir ao escenario do LGx15 e contarnos as súas propostas, reflexións e argumentos para influír no futuro do uso e prestixio do galego e/ou nas actitudes e comportamentos lingüísticos.
Como propor persoas para participar no LGx15 2019?É moi sinxelo. Só cómpre
enviares unha mensaxe de correo electrónico a info@ctnl.gal coa seguinte información:
- O nome e apelidos da persoa/s que nos suxires para intervir no LGx15
- O tema ou os temas que cres que podería/n abordar
É necesario contactar coa/s persoa/s que queres suxerir antes de enviares a súa candidatura?Non é necesario. Será a organización do LGx15 a que se porá en contacto coas persoas escollidas para convidalas a intervir no evento deste ano.
Que prazo hai para enviar propostas?Para podermos ter en conta as túas propostas no programa deste ano, é necesario que nolas fagas chegar
ata o 24 de maio.
Que ocorrerá coas propostas enviadas?O equipo de traballo do LGx15 teraas en conta para elaborar o programa definitivo da edición deste ano, de acordo con criterios de variedade, orixinalidade ou interese de temas.
Entón? Axúdasnos a programar o LGx15 coas túas suxestións?