06-09-2019O SNL de Ames organiza unhas Xornadas de Toponimia no Ensino
O SNL do
Concello de Ames e a
Secretaría Xeral de Política Lingüística organizan unhas
xornadas de toponimia dirixidas ao profesorado. Terán lugar os
días 18, 19 e 30 de setembro, en horario de tarde. Con elas búscase o achegamento, a posta en valor e o aproveitamento dos nomes de lugar como recurso educativo e ferramenta de dinamización lingüística.
Matrícula aberta
até o 11 de setembro.
A través destas
xornadas preténdese:
- dar a coñecer a riqueza da toponimia amesá para contribuír ao recoñecemento do seu valor como patrimonio inmaterial e sinal de identidade colectiva e de identificación co territorio;
- achegar o profesorado asistente aos conceptos básicos de toponimia (orixe dos nomes de lugar, clasificación, recollida, usos...);
- coñecer as ferramentas e recursos bibliográficos e tecnolóxicos para traballar cos nomes de lugar;
- aproximarse ás diferentes aplicacións didácticas que pode ter a toponimia, especialmente relevantes en áreas como coñecemento do medio, historia, TIC, educación física, lingua...;
- coñecer, deseñar e poñer en común proxectos colaborativos para traballar cos nomes de lugar nos diferentes niveis e áreas de ensino incidindo na conservación e transmisión do patrimonio; e
- fomentar a través da toponimia a implicación social da comunidade amesá no proceso de normalización lingüística.
Esta actividade formativa está dirixida preferentemente ao profesorado dos centros de ensino do Concello de Ames, e desenvolverase de forma presencial
no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, os días 18, 19 e 30 de setembro, en horario de 16.30 a 20.30 horas. Ademais, cada participante nas xornadas deberá completar 4 horas de traballo persoal non presencial. En total serán
16 horas de formación, homologadas pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
Contido das xornadasNas Xornadas de Toponimia no Ensino achegaranse nocións sobre os conceptos básicos de toponimia (orixe dos nomes de lugar, clasificación, recollida, usos…); divulgación da toponimia amesá; recursos bibliográficos e tecnolóxicos para traballar cos nomes de lugar; aplicacións didácticas da toponimia en áreas como coñecemento do medio, historia, TIC, educación física, lingua...; utilidades da toponimia como ferramenta de normalización lingüística; e propostas para traballar coa toponimia en educación infantil, primaria, secundaria e bacharelato.
Alén da base teórica das diversas intervencións,
as xornadas serán fundamentalmente prácticas. Nelas daranse a coñecer propostas para traballar coa toponimia desde diferentes áreas e niveis co obxectivo de que xurdan proxectos colaborativos que impliquen e estimulen a comunidade amesá no proceso de normalización lingüística.
Proceso de inscrición e prazoO límite de prazas é de 40, ás cales terá acceso preferente o profesorado dos centros de ensino de infantil, primaria, secundaria e bacharelato de Ames.
De quedaren prazas libres, poderán asistir outras persoas interesadas en traballar a prol da normalización lingüística desde asociacións, ensino ou outros colectivos. O 70% das prazas estarán reservadas a profesorado que estea a prestar servizos en centros sostidos con fondos públicos. A
inscrición nestas xornadas é totalmente
gratuíta.
Para inscribirse hai que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal cos seguintes datos: nome e apelidos; DNI; enderezo completo; número de teléfono; centro escolar no que traballa e materia que imparte. Para obter o certificado de asistencia cómpre participar, como mínimo, no 80% das horas totais do curso e presentar unha proposta de actuación.
As prazas cubriranse por orde de inscrición con preferencia para o profesorado en activo de centros públicos de Ames.
O prazo para apuntarse estará aberto ata o 11 de setembro.
Máis información no
web do Concello de Ames.
Programa completo, en .pdf.