10-10-2019Simposio ILG 2019. Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional
Os días 5, 6 e 7 de novembro, en horario de tarde, terá lugar no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da USC o
Simposio ILG 2019, que nesta edición abordará a relación entre a
lingua, o
patrimonio e o
coñecemento tradicional. A
inscrición está aberta
ata o 21 de outubro para o profesorado e
ata o 27 de outubro para o resto de asistentes.
O
Simposio ILG 2019 Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional ten por obxectivo xeral
poñer en valor o patrimonio inmaterial e sensibilizar arredor da necesidade da súa
recollida, protección, promoción e desenvolvemento, con especial atención ao patrimonio da
Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Con este marco de fondo, o encontro organízase en
tres xornadas con cadanseu foco temático.
A finalidade da
primeira xornada é facilitar
principios metodolóxicos básicos, desde o punto de vista da antropoloxía cultural e da dialectoloxía, para unha recolleita adecuada do patrimonio inmaterial. Na
segunda xornada preténdese
mostrar o valor dos datos lingüísticos e presentar unha nova ferramenta para o estudo da variación dialectal, poñendo o foco no léxico de Galicia e do norte de Portugal. Finalmente, a
terceira xornada estará dedicada á
presentación de proxectos vinculados coa recolleita de léxico e concibidos para o ámbito do ensino non universitario.
O Instituto da Lingua Galega, entidade organizadora, pretende que o simposio sexa un
lugar de encontro de investigadores, docentes e estudantes ao redor do patrimonio inmaterial, un
punto de confluencia de disciplinas, enfoques e intereses diversos que sirva para ampliar a nosa mirada, crear sinerxías e promover novos proxectos ao redor da riqueza léxica e cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
O Simposio ILG 2019 está organizado polo
Instituto da Lingua Galega en colaboración co
Consello da Cultura Galega. Nesta edición, ademais,
forma parte da oferta formativa do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para o curso académico 2019/2020.
INSCRICIÓNPrevénse
dúas modalidades de inscrición con diferentes prazos:
- Dado que esta actividade forma parte da oferta formativa do CAFI para o curso académico 2019/2020, o
profesorado dos centros públicos e concertados que desexe asistir ao simposio terá que efectuar a inscrición,
ata o 21 de outubro, a través
desta ligazón (ref. G1902011).
- O resto de asistentes poderán formalizar a inscrición cubrindo
este formulario.
O prazo de inscrición para non docentes remata o día 27 de outubro.
HORARIO, DATAS E LUGAR DE CELEBRACIÓNO Simposio ILG 2019 terá lugar os días
5, 6 e 7 de novembro, a partir das 18.00 h (
a partir das 17.30 o primeiro día), no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da USC (Avda. Castelao, s/n, Campus Norte).
Programa e máis información
aquí.