CTNL

Actualmente non ten instalado ou necesita actualizar o plugin Flash Player necesario para visualizar correctamente esta web
pode descargalo na siguiente dirección.
Obtener Flash

A CTNL formámola... A CTNL formámola...
Recursos na rede Recursos na rede

Convocatorias


5655 votos
Votar | | | |


26-10-2020

Retomamos a II Edición dos Premios Mil Primaveras

II Premios Mil Primaveras
Logo da interrupción en marzo por mor da crise sanitaria, retomamos a convocatoria dos II Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego. Estes premios creáronse co fin de recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos de normalización da lingua galega.


POR QUE CONVOCAMOS OS PREMIOS MIL PRIMAVERAS?

● Porque queremos difundir o labor ilusionante e necesario de promoción da lingua que desenvolven servizos de normalización lingüística, equipos de normalización e dinamización lingüística, asociacións e outras entidades públicas e privadas.

● Porque queremos valorar e espallar o bo traballo que se fai no campo da normalización lingüística.

● Porque queremos compilar accións, proxectos, programas ou campañas que poidan servir como modelos ou ser inspiradoras para novas accións.

● Porque queremos transmitir unha imaxe positiva do labor de promoción do uso e prestixio da lingua e promover que sexa unha tarefa mellor coñecida, comprendida e apreciada socialmente.

EN QUE CONSISTEN OS PREMIOS MIL PRIMAVERAS?

Os premios recoñecerán accións, programas, campañas, proxectos etc. que desenvolvesen servizos de normalización lingüística, equipos de normalización e dinamización lingüística (ENDL), asociacións e outras entidades públicas ou privadas, e que teñan como obxectivo a promoción do uso e do prestixio da lingua galega. Co fin de delimitar cronoloxicamente os premios, só poderán ser candidatas as accións, campañas ou proxectos que tivesen vixencia, total ou parcialmente, en 2018, 2019 ou 2020.

Para abranguer propostas diversas e diferentes colectivos e ámbitos sociais, os premios distribúense seis categorías:

Premio ao mellor proxecto estabilizado: escollerase entre aqueles que se leven desenvolvendo durante, polo menos, cinco anos.

Premio ao mellor proxecto novo: escollerase entre aqueles nacidos en 2018 ou despois.

Premio á mellor comunicación e impacto: escollerase entre aqueles que acaden un grande impacto social e que supoñan un modelo positivo de comunicación.

Premio ao proxecto máis innovador: escollerase atendendo á innovación da súa maneira de intervir, da súa linguaxe, do seu ámbito de actuación etc.

Premio ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade: escollerase entre aqueles que teñan como obxectivo principal a socialización en galego da infancia ou da mocidade, como poboación destinataria prioritaria na normalización lingüística para garantir o futuro da lingua.

Premio ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial (por exemplo, no ámbito socioeconómico, no das novas tecnoloxías, no audiovisual etc.): escollerase entre aqueles que teñen como obxectivo principal a procura do incremento do uso e/ou prestixio do galego nun ámbito sectorial concreto.

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consistirán no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, as candidaturas premiadas estarán dispoñibles para a súa consulta detallada no web www.milprimaveras.gal. Tamén se difundirán os proxectos premiados a través das canles habituais de difusión da CTNL (redes sociais, web etc.) e grazas ao impacto que teña a convocatoria e a súa resolución nos medios de comunicación.

Así mesmo, se a situación sanitaria o permitir, organizarase un acto público de entrega, que terá lugar nunha data e lugar que se determinará con suficiente antelación.

PARTICIPACIÓN, INSCRICIÓNS E PRAZO

A participación nos premios é voluntaria e a presentación dos programas de normalización lingüística candidatos deben facela as propias entidades que os desenvolveron, pois só elas poden describir de forma detallada os aspectos técnicos da súa planificación, xestión, execución e avaliación.

Poden optar a estes premios todas as accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio e que foran desenvolvidos total ou parcialmente en 2018, 2019 ou 2020. Non se admiten proxectos sen executar, nin se premiarán traxectorias de institucións, senón proxectos desenvolvidos nalgún/s dos anos indicados.

A inscrición faise a través dun formulario dispoñible no sitio web específico do premio. Nel recollerase a descrición técnica do proxecto, e opcionalmente imaxes, arquivos de son e outras ligazóns que sirvan para describilo de forma máis completa.

Cada entidade pode rexistrar cantas propostas queira, sempre que sexan da súa responsabilidade e cumpran cos requisitos da convocatoria. Na inscrición non será necesario escoller categoría, senón que se fará de forma xeral aos premios.

O novo prazo para inscribir proxectos é do 27 de outubro de 2020 ao 31 de xaneiro de 2021. Os proxectos xa presentados no período inicial de inscrición manteranse como candidatos e non terán que inscribirse de novo, salvo que as entidades responsables decidan modificalos ou actualizalos. Neste caso, terán que subir outra vez o proxecto á plataforma e só se terá en conta a versión máis recente.

XURADO E CRITERIOS DE VALORACIÓN

Nomearase un xurado que avaliará as candidaturas presentadas e escollerá as premiadas de acordo coas categorías e criterios que se establecen nas bases. O xurado estará formado por técnicos/as de normalización lingüística, responsables de equipos de normalización e dinamización lingüística e persoas que teñan experiencia en dinamización lingüística. Será nomeado pola CTNL e non poderán formar parte del promotores/as de accións candidatas.

Ademais dos aspectos específicos que lle corresponden a cada categoría, para a selección dos proxectos premiados o xurado terá en conta os seguintes aspectos:

● A calidade da planificación do proxecto, coa axeitada determinación de obxectivos, destinatarios/as, accións, necesidades e recursos, temporalización etc.

● A execución e desenvolvemento adecuado das medidas e actuacións.

● A innovación do proxecto, a capacidade de incidencia e o impacto positivo para a lingua.

● A calidade e atractividade da comunicación, deseño, imaxe, materiais etc.

● A axeitada avaliación.

● A eficiencia do proxecto.

A PRIMEIRA EDICIÓN DOS PREMIOS MIL PRIMAVERAS

No ano 2019 tivo lugar a primeira edición destes premios, que serviu para recoñecer seis proxectos de normalización lingüística que se poden consultar en detalle no web: Modelo Burela (IES Perdouro), Falemos de ti e min (IES de Soutomaior), Desafío 48 h (IES María Casares de Oleiros), Proxecto Youtubeir@s (13 concellos, a Deputación da Coruña e as tres universidades), Eu presumo de galego (IES de Melide) e GCiencia.

Os Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra e da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Máis información sobre a convocatoria e as características dos premios en www.milprimaveras.gal.

Utiliza a nova

Enviar por Email  Enviar nova
Redes sociais  Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

Comentarios


Hemeroteca:  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023 2024

Avisos

    mes anterior
    Outubro de 2024
    mes seguinte
    Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
    L M M X V S D
      1 2 3 4 5 6
    7 8 9 10 11 12 13
    14 15 16 17 18 19 20
    21 22 23 24 25 26 27
    28 29 30 31    
    Próximos eventos

      • Asociate á CTNL
      • Agasallo. Propostas de regalos en galego
      • LGx15
      • Premios Mil Primaveras
      • Viveiro de propostas normalizadoras
      • En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL
      • Envianos
      • Canles de novas da CTNL
      • Facebook da CTNL
      • Twitter da CTNL
      • Instagram da CTNL
      • Kit para a normalización en rede
      • Proxector
      • Queremos Galego
      • Eu.gal: Por un dominio galego