19-11-2020O LGx15 2020 comeza este domingo na túa pantalla

Este ano trasladamos a edición do LGx15. Ideas para o futuro da lingua ás pantallas dos vosos dispositivos electrónicos, cunha versión de vídeos en liña que se estrearán en YouTube e Facebook entre o domingo 22 e o sábado 28 de novembro ás 21.00 h.
A situación sanitaria non nos impediu organizar este ano unha nova edición do
LGx15. Ideas para o futuro da lingua, o evento de
charlas dun máximo de 15 minutos para compilar ideas, experiencias e propostas que poidan mellorar o futuro da lingua.
Mais si houbo cambios e adaptacións ao contexto de pandemia: os
vídeos graváronse sen público e
chegarán ás pantallas dos nosos dispositivos electrónicos
a partir deste domingo na
canle de YouTube da CTNL e no
Facebook do LGx15, onde xa se poden ver algúns extractos.
As estreas dos vídeos terán lugar todas ás 21.00 h.
SETE INTERVENCIÓNS PARA O FUTURO DA LINGUAA sexta edición do LGx15 inclúe
sete charlas breves, nas cales se transmitirán de maneira visual, entretida e divertida
ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o futuro do idioma. As persoas convidadas este 2020 ao LGx15 faláronnos dos seguintes temas:
-
Ángel Carracedo (doutor en Medicina pola USC) abordará desde a súa experiencia persoal o uso do galego na ciencia, no ensino universitario ou na divulgación científica, cunha intervención titulada
O galego na miña vida. Poderemos vela o
domingo 22 ás 21.00 horas.
- Ao día seguinte (
luns 23) é a vez
Esther Estévez, xornalista que coñecemos polo fenómeno lingüístico-mediático do ano, o
#DígochoEu, desafíanos co título
E falarei como eu queira, ou? para tratar das vantaxes de transmitir contidos lingüísticos de forma divertida.
-
Adrián Dios (adestrador de baloncesto e profesor universitario) tamén nos falará da súa experiencia como adestrador e árbitro de baloncesto e daranos argumentos para que o galego se asente na práctica deportiva, especialmente dos nenos e das nenas. Poderemos escoitar
Sempre coa lingua fóra: usando o galego no deporte o
martes 24.
-
Beatriz Campos é actriz, narradora e presentadora. Coa súa intervención,
En galego, dende o berce, conseguirá convencernos da nosa responsabilidade para transmitir a lingua e daranos estupendos consellos para logralo. Será o
mércores 25 de novembro.
-
Laura Marín é a participante máis nova desta edición pero ten as ideas moi claras. Desde a súa mirada de 16 anos sabe cal é
O camiño para volver ó galego, superando as dificultades con moito compromiso e constancia. Escoitarémola o
xoves 26.
- O penúltimo participante é
Manuel Gago (xornalista, profesor universitario e escritor), quen nos falará de palabras, patrimonio e o sistema operativo de Galicia.
Levo milenios de memoria entre os meus beizos é o suxestivo título da súa intervención, que poderemos escoitar o
venres 27.
- E o LGx15 de 2020 pecha co dúo de moda nestes momentos,
Verto. Alberto Mira e Fernando Peleteiro falarannos de
Música pop e normalización lingüística, da democratización da música e de como ven eles o futuro. Será o
sábado 28 de novembro ás 21.00 h.
Todas estas intervencións foron gravadas na
Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta, grazas á cesión do espazo por parte do
Concello de Santiago de Compostela. Así mesmo, o LGx15 conta coa axuda económica da
Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da
Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Os sete vídeos deste ano uniranse ás
38 intervencións das edicións anteriores. Todas elas poden verse no
web do LGx15 e en YouTube (
2015,
2016,
2017,
2018 e
2019).