13-12-2020Agasallo.eu, unha porta para regalarmos en galego
Agasallo.eu é un web creado pola CTNL onde se recollen
propostas para regalar en galego. Libros, música, audiovisual, xogos, produtos téxtiles e de alimentación son algunhas das categorías onde procurarmos ideas para escoller os nosos agasallos.
A plataforma
Agasallo.eu creouna en 2013 a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) co obxectivo de
compilar e difundir agasallos en galego diversos e para todas as idades. Este repositorio
non é unha tenda en liña, senón unha mostra de produtos que podemos regalar, que están en galego e que encontraremos en tendas físicas ou na rede.
Son ademais produtos de aquí, de proximidade, elaborados por
empresas e creadores galegos que apostan polo uso da nosa lingua. Desta forma tamén queremos contribuír a apoiar o comercio local e as entidades e persoas que traballan en galego. Outro dos obxectivos da plataforma é
facer reflexionar as persoas consumidoras á hora de escolleren os seus regalos, para que tamén a
lingua en que están os produtos sexa un
factor de elección. Por exemplo, se buscamos unha camiseta ou unha cunca para regalar, tamén podemos escollelas en galego deseñadas e elaboradas por empresas de aquí. Ademais, se nós como compradores e compradoras pedimos ou encargamos produtos en galego, axudaremos a que eses agasallos estean cada vez máis ao noso dispor nas tendas e áreas comerciais.
Para facilitar a
busca en Agasallo.eu, os produtos están clasificados en
nove categorías (Libros, Música, Audiovisual, Xogos, Tecnoloxía, Téxtil, Experiencias, Alimentación e Outros), que á súa vez se dividen en subcategorías tendo en conta a temática e a idade, co fin de favorecer a procura de regalos dirixidos ao público infantil e xuvenil (en libros, audiovisuais e música). A plataforma tamén conta cun buscador simple e outro avanzado que permite discriminar os produtos por prezo, idade e tipo de proposta.
Para a difusión de Agasallo.eu, a CTNL dispón de cadansúa conta en
Facebook e
Twitter, onde se van anunciando as novas incorporacións ao repositorio, xa que se trata dunha plataforma aberta que se actualiza ao longo de todo o ano.
Evidentemente, Agasallo non é un repositorio que inclúa todo o que se fai en galego. É unha escolma e unha
porta que permitirá as persoas usuarias ir alén da propia plataforma e encontrar nas webs das empresas participantes máis produtos que lles poidan interesar.